Polo presente escrito
formulamos ALEGACIÓNS á Resolución do
Director Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente de DELIMITACIÓN
DO CAMIÑO PRIMITIVO DE SANTIAGO (DOG de 8 de agosto de 2011), atendendo aos
seguintes antecedentes e fundamentacións:
O
Camiño de Santiago, patrimonio cultural galego e primeiro itinerario cultural
europeo, conta cunha normativa legal de protección desde o ano 1996 en que se
aprobou a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago. Esta Lei vincula a
protección e recuperación das rutas históricas do Camiño á súa delimitación e
deslinde.
Moitos
anos despois, mantense unha itinerización do Camiño Primitivo que contén
numerosos e graves erros na súa traza, segundo teñen posto de manifesto os
expertos, institucións, colectivos e asociacións preocupados pola defensa da
que é considerada a primeira vía de peregrinación a Compostela e, por tanto, a
rota xacobea máis antiga do mundo. Tales deficiencias teñen propiciado ou
permitido a ocupación e mesmo a destrución de importantes treitos históricos
deste ben para o que se ten solicitado á UNESCO a súa declaración como
Patrimonio Mundial.
O
desleixo na oportuna delimitación oficial e a ausencia de medidas cautelares
teñen impedido a protección legal desta calzada e do seu territorio histórico
asociado, mesmo no que atinxe ás medidas cautelares nos planeamentos
urbanísticos que o art. 32 da Lei de Patrimonio Cultural outorga á Consellaría
de Cultura, nomeadamente ao se ter utilizado métodos e criterios que coidamos
espurios na identificación e sinalización do camiño medieval e a súa evolución
posterior.
No
ano 2006, ao tempo que se poñía en funcionamento o Comité Asesor do Camiño de
Santiago, imprescindíbel para acometer a delimitación do Camiño, a Dirección
Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte elaborou un
plan de actuacións para a delimitación e efectiva protección dos Camiños de
Santiago, contratándose en 2007 os informes técnicos relativos ao estudo da vía primitiva.
Feita
pública a proposta oficial de delimitación, na definición do itinerario
principal obsérvase claramente a primacía absoluta concedida a criterios de
“consolidación” que simplemente obedecen ao uso de dito vieiro nos últimos
tempos, mesmo por modernas estradas, e non ao criterio fundamental baseado na
autenticidade histórica, motivo polo cal a traza histórica ou arqueolóxica
adoita ficar desprotexida legalmente, mesmo chegando a considerar como
irrecuperábeis non só as vías desaparecidas baixo unha infraestrutura, senón
tamén as documentadas como camiños históricos dos que resta algún rastro, malia
estaren intransitábeis (terreos dedicados a pastos, roturados, reforestados ou
simplemente cercados), renunciándose expresamente na proposta á súa
recuperación como rota de peregrinaxe e camiño de dominio público, tal e como
recoñece a súa historia e pasado próximo, obviando a necesidade de sinalar e de
estudar estas calzadas orixinarias en tanto que testemuños históricos e
arqueolóxicos situados dentro do ámbito de delimitación do BIC, sendo obxecto
de protección a través da normativa do Plan Especial, así como das cautelas
oportunas en tanto dito plano non fose aprobado.
Este enfoque, coidamos que
incumpre severamente a definición do Camiño de Santiago aprobada polo lexislador
na vixente Lei 3/1996, na que se establece que o elemento esencial da
determinación legal do Camiño é a súa historicidade, recoñecida documentalmente
(art. 1.2. da mencionada lei, onde tamén se alude á súa autenticidade como
esencial no proceso de delimitación contemplado nos seus artigos 5, 6 e 7,
remitindo á potestade regulamentaria o procedemento de deslindamento, un
procedemento que aínda que nunca fose executado pola administración galega,
pode ser supletoriamente substituído, no que proceda, polos artigos 170 e
seguintes do Decreto 50/1989, polo que se aprobou o regulamento de bens da
Comunidade Autónoma, dada a natureza demanial que a propia Lei lle outorga ao
Camiño.
É así como estes artigos
proporcionan as distintas regras que configuran legalmente a delimitación do
Camiño como unha potestade regrada e non como unha potestade discrecional, de
tal xeito que –para determinar a traza histórica- o ente público que decide non
pode escoller entre alternativas xuridicamente indiferentes, dado que non estamos
perante rotas de sendeirismo meramente turísticas cuxa delimitación se poda
facer á vontade do organismo público decisor, en atención a criterios de
conveniencia non predeterminados pola Lei 3/1996.
Ben ao contrario, a
determinación e delimitación dos camiños é unha potestade perfectamente regrada
pola Lei 3/1996, onde se fai referencia á necesidade dunha concreción técnica á
vista da documentación histórica da que se dispoña ou do seu valor cultural,
deducíndose dos artigos 5 e 6 que o obxecto
da delimitación é o seu trazado e plataforma, incluída a súa anchura, xunto
coas pertenzas, accesorios e características (art. 5.1), elementos funcionais
(art. 9.2) e a fixación das correspondentes zonas laterais de protección con
anchura mínima de tres metros (art. 6) ou a de protección do contorno (art. 16)
con ancho mínimo de 30
metros, banda que pode –e coidamos que DEBE- ser
ampliada precisamente no procedemento de delimitación, deica onde sexa preciso
exercer un control administrativo das actividades que nun territorio tan
sensíbel se puideran desenvolver, conforme coa configuración xeral que das
contornas protexidas fai o artigo 39.2 da LPCG: “Nos monumentos, xardíns, sitios ou territorios históricos, zonas
arqueolóxicas situadas ou non en solo urbano, lugares de interese etnográfico e
zonas paleontolóxicas non se poderá instalar publicidade, antenas, cables e
todo aquilo que impida ou menoscabe a apreciación do ben dentro da súa contorna”.
Obviamente,
a delimitación debe integrar a protección da
paisaxe cultural significativa, segundo se desprende do establecido pola propia
Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe galega (o artigo 5.1 da
Lei 7/2008 establece que “Os poderes
públicos velarán para que no ámbito da súa competencia e da natureza de cada
territorio se adopten as medidas específicas necesarias para a protección,
xestión e ordenación da paisaxe”, mentres que o artigo 5.2 engade que “Os poderes públicos integrarán a
consideración da paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico,
e nas súas políticas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais,
sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra
política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a
paisaxe”) ou polas denominadas normas de aplicación directa (art. 104 da
LOUGA).
Por todo o anteriormente
exposto, resulta obrigado adecuar a delimitación do Camiño á realidade
xeográfica de cada treito da vía, unha concreción que debe ser especificamente
motivada con criterios técnicos e culturais (a este propósito, vid. a Sentenza do Tribunal Superior de
Xustiza de Navarra de 12 de marzo de 1993, que desestimou a impugnación feita
por un particular contra a delimitación do camiño na comunidade foral), dado
que a súa finalidade última é a precisión demanial do Camiño conforme ás fontes
documentais de que haxa dispor, así como a determinación dos distintos elementos integrantes do patrimonio cultural
do camiño, para que o Plan Especial que se redacte posteriormente estableza o
réxime de autorización de usos, políticas de recuperación, etc., que procedan
en cada caso.
En
todo caso, conforme á Lei 3/1996, o principio xeral que debe guiar a
delimitación de todos os elementos do Camiño é a autenticidade histórica,
criterio que a UNESCO considera prioritario na fundamentación dos seus expedientes de inclusión na listaxe
do Patrimonio Mundial, consideración que implica que deba recuperarse a traza orixinaria do camiño alí onde o permitan as
fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis, parece
coincidente co expresado polo Comité
Asesor do Camiño de Santiago no seu informe de data 18 de setembro de 2007,
segundo o cal “A protección efectiva dos camiños
só e posible mantendo a un tempo a súa relación harmónica coa paisaxe, e a
autenticidade e integridade dos
elementos que os conforman, os físicos e os intanxibles dos que é parte
fundamental a interrelación coa paisaxe cultural...”, fundamentacións que claramente invalidan unha delimitación
“subxectiva” ou baseada en intereses que se contrapoñen ao rigor científico,
histórico e cultural.
2.
ALEGACIÓNS XERAIS
2.1.
SOBRE
A FALTA DE AUTENTICIDADE HISTÓRICA NA
DELIMITACIÓN DO CAMIÑO E DO SEU TERRITORIO HISTÓRICO
Do
anterior, dedúcese que a proposta de delimitación oficial incumpre en numerosos
aspectos ditos postulados legais, dado que se ben desde a
perspectiva metodolóxica dun proceso de investigación histórica sobre o
territorio, non cabe discutir a mutabilidade do camiño ao longo da historia e a
existencia no ámbito local de distintos itinerarios que foron empregados en distintos momentos, nen sequera a
existencia de alternativas coetáneas estacionais, no entanto, o recoñecemento
como itinerario cultural do Camiño Primitivo de Santiago debe facerse respecto
de aquela rota na que está acreditada unha maior intensidade deste tránsito, na
que existen referencias históricas nas fontes documentais, na cartografía
histórica, na toponimia, na construción do territorio: o propio camiño físico,
as edificacións[1].
Así é como debe chegarse a formular unha hipótese de itinerario, avalada polas
referencias citadas.
Con todo, o carácter “aberto”
do proceso científico de investigación histórica sobre as trazas non significa
que calquera itinerario sexa oportuno, senón que é un proceso suxeito ás
evidencias empíricas presentes, mais tamén ás que no futuro podan descubrirse
grazas a novas investigacións, a novas técnicas científicas, etc., e das que
deba desprenderse a revisión das conclusións adoptadas nun momento determinado.
En cambio, observamos que,
na “Proposta de delimitación”, o carácter aberto da mesma consiste precisamente
na ausencia de criterios empiricamente contrastados e, en consecuencia, na pura
determinación voluntarista, non motivada en termos xurídicos, do trazado
“correcto”. Que isto sexa así acredítao, por exemplo, que se opte por
itinerarios actualmente utilizados de modo eventual ou alternativo, sen unha
xustificación seria no ámbito histórico e documental, tanto máis en treitos de
calzada ocupada nas últimas décadas, con testemuñas vivas de tales feitos e sen
afondar na investigación histórica ou arqueolóxica necesaria, motivo polo cal
se tende a deixar sen protección xurídica a numerosos treitos de territorio
histórico actualmente invadido ou atrancado para o uso público, co evidente
perigo de que nun futuro inmediato desapareza completamente a traza
arqueolóxica non delimitada nin protexida oficialmente, tanto máis tendo en
conta que a declaración de irrecuperabilidade absoluta do trazado histórico
incumpre a Lei 3/1996, aténdose a que o feito de considerar irrecuperábeis
aqueles trazados históricos desaparecidos baixo unha infraestrutura ou
edificación, ou aqueles dos que aínda conservando rastros no territorio están
ocupados por propiedades privadas e a súa recuperación supón un custo económico
e social desproporcionado, vai contra a literalidade do artigo 8 que sinala
como unha misión dos poderes públicos galegos a da recuperación do Camiño e de todos os seus elementos funcionais, ao
tempo que o artigo 2.3 fai referencia tamén ao proceso de recuperación dos
tramos do Camiño para uso e titularidade pública, ao que hai que engadir o
artigo 5.5 da Lei 3/1996 que establece como unha das consecuencias da
delimitación a de levar implícita a declaración de interese social e de necesidade
de ocupación dos bens e dereitos a efectos da expropiación forzosa, de
ocupación temporal ou para a imposición ou modificación de servidumes. (Amais,
a condición de irrecuperable naqueles
casos de ocupación do camiño orixinario por infraestruturas públicas ou
privadas non é absoluta, senón temporal, xa que as infraestruturas ou
edificacións que ocupan o Camiño auténtico poden desaparecer co tempo ou
trasladarse de localización, mediante o uso combinado de técnicas patrimoniais,
urbanísticas e territoriais. Así, o uso combinado da delimitación co Plan
Especial, da técnica do “fóra de ordenación” e a expropiación forzosa dos
tramos privados – prevista na propia Lei 3/1996 – resolverían sen dificultade a
recuperación dos tramos auténticos, en moitos casos ocupados polo desleixo ou
actuación dos propios poderes públicos. Non procede, pois, renunciar con
carácter absoluto ás técnicas de recuperación dos restos arqueolóxicos que, en
esencia, son os camiños tradicionais de peregrinaxe a Santiago de Compostela e
moito menos deixar de contemplar e reflectir a súa pegada cartográfica no
documento teórico da delimitación oficial agora exposta ao público.
En igual sentido,
entendemos que a proposta incumpre os criterios de autenticidade esixidos pola
UNESCO para os bens incluídos na Lista do Patrimonio Mundial e nomeadamente
polas Directrices Prácticas de aplicación da Convención do Patrimonio Cultural
e Natural de 1972 da UNESCO, postulados contra os que atenta a consideración da
traza histórica ou arqueolóxica como unha simple alternativa máis, que ás veces
nin sequera aparece contemplada no proxecto ou non figura como Camiño a
protexer, dado que unha traza meramente “turística” ou “consensuada”
politicamente vulnera evidentemente os criterios de autenticidade marcados a
nivel internacional pola propia UNESCO e polos máis recentes documentos
internacionais, como a Carta de
Itinerarios Culturais aprobada o 4 de outubro do ano 2008 pola 16ª asemblea
xeral de ICOMOS.
Cómpre lembrar que, polo
feito de ter sido solicitada formalmente perante a UNESCO a inclusión do Camiño
Primitivo de Santiago na Lista do Patrimonio Mundial, a delimitación que se
incoe deberá ser sometida á consideración do Comité do Patrimonio Mundial, quen
solicitará o parecer experto das organizacións consultivas (parágrafo 164 das
Directrices prácticas), isto é, ICOMOS-España. E se a delimitación reducise ou
aumentase sensiblemente a extensión
do ben –tal é a expresión das Directrices–, entón esa proposta debe tramitarse
como se da inscrición do ben se tratase (parágrafo 165).
En realidade, o coherente
coas determinacións normativas da Lei 3/1996 e co propio artigo 39.2 LPCG sería
ampliar a zona de protección da contorna para alén dos 30 metros a todos os
ámbitos que o precisen para evitar unha transformación descontrolada da paisaxe
cultural no entorno do Camiño. Pola contra, a proposta introduce
unha nova zona de protección verdadeiramente apócrifa, non prevista na Lei
3/1996 e, por tanto, carente de réxime xurídico operativo, dado que a “zona de
respecto” non semella ser a zona do artigo 16 da Lei 3/1996, co cal pasaría a
ser unha zona xuridicamente desprovista de protección clara, tanto máis na
medida en que a delimitación gráfica non inclúe claramente o alcance dos trinta
metros citados, quedando a denominada “zona de respecto” nunha situación
xurídica atípica, que podería impedir o exercicio de calquera potestade
administrativa de autorización, control e sanción sobre os usos, obras ou
actividades que se realicen nela, cando a experiencia internacional recomenda
considerar a zona dos trinta metros como ámbito mínimo BIC a partir do cal
establecer maiores áreas de respecto, con réxime xurídico claro, preciso e apto
para lograr o efecto protector buscado[2].
2.2.
SOBRE
A FALTA DE PRECISIÓN GRÁFICA E A AUSENCIA DA TOPONIMIA CAMIÑEIRA
É evidente a falta de precisión gráfica na
cartografía utilizada, eiva multiplicada pola ausencia detallada de toponimia
camiñeira de carácter histórico e dos elementos do patrimonio cultural e
paisaxístico; obviándose, por exemplo, mención algunha das árbores singulares
integradas no territorio histórico da vía primitiva.
2.3.
SOBRE
A FALTA DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA NO PROXECTO
Dada a transcendencia da proposta de delimitación e
as súas implicacións futuras, debería terse contado coa participación sosegada
e activa dos investigadores e das asociacións e entidades culturais que desde
hai décadas veñen traballando intensamente no estudo, protección e promoción do
Camiño Primitivo de Santiago, unha voz experta e plural que ten feito un seguimento
meticuloso da evolución desta vía histórica e que coidamos, tería evitado os
numerosos e graves erros contemplados no proxecto sometido a exposición
pública, así como este penoso esforzo de reclamación e alegación.
En síntese, consideramos que os criterios
de delimitación que incorporan a Proposta oficial, publicada no DOG de 8 de
agosto, supoñen a fabricación dunha rota nova en numerosos e significativos
lugares e treitos do percorrido pola primeira vía de peregrinaxe a Compostela e
que, por conseguinte, incumpre os principios de autenticidade do territorio
histórico previstos na Lei 3/1996 e na Convención Internacional do Patrimonio
Cultural e Natural de 1972.
3. ALEGACIÓNS
ESPECÍFICAS POR CONCELLOS
1.
CONCELLO de A FONSAGRADA
1.1. O enlace co treito
procedente de Grandas de Salime, sobre o cumio do monte, está mal trazado;
realizábase máis á esquerda en dirección norte, debuxando un típico acceso
tradicional a media ladeira con moito menos pendente que a proposta actual.
O territorio histórico nesta
área de descenso non só debe integrar a Pena e o Carballal dos Mosqueiros,
senón abarcar deica a Fonte do Acevo e a Fosa do Batallón Galicia e bosques
visíbeis nun primeiro plano. Igualmente, debe integrar a Cova das Pedras
Apañadas, coas súas implicacións camiñeiras na cultura popular, recoñecendo o
emprazamento arqueolóxico da antiga Capela de Santiago do Acevo.
1.2. Cómpre recuperar a
traza histórica na Régoa. A grafía descontinua inverte a xerarquía da proposta
de recuperación da traza física contemplada pola lei.
1.3. Resulta imprescindíbel
a recuperación da emblemática Fonte de Fonfría (canalizada recentemente polo veciñanza)
no acceso do Camiño Primitivo ao lugar, punto obrigado de refrixerio dos
camiñantes e motivo esencial do topónimo maior. Debe ser contemplada na
proposta.
1.4. Deben ser preservados
os elementos iconográficos correspondentes aos cabaleiros da Orde de Malta no
recinto sagrado de Fonfría, así como a arquitectura tradicional en cachotería
correspondente a dúas antigas edificacións hospitalarias ou de refuxio.
1.5. Debe ser contemplada a
proposta de conservación de peches tradicionais con loureiro real (“loureira”)
ao paso da calzada.
1.6. O territorio histórico
debe integrar a capela do San Cosme de Barbeitos e prestar especial protección
ao Monte da Medorra e os conxuntos de túmulos que balizan o chamado Camiño da
Antiga ou do Rei.
1.7. Debe ser contemplada a
proposta de recuperación da fábrica da capela da Santa Cruz (Parada Nova) en
pedra de cachotería, eliminando o agresivo revestimento por reutilización
inadecuada do adoquinado das rúas da vila fonsagradina.
1.8. Cómpre perfeccionar a
investigación relativa ao acceso tradicional do Camiño de Parada Nova á vila de
Fonsagrada, nomeadamente no curso medio e final, sinalizándose as fontes ao seu
paso.
1.9. Obsérvase unha
preocupante ausencia de toponimia camiñeira no conxunto da planimetría, coa
conseguinte indefinición e perda de valor cultural. Véxase o anonimato absoluto
no histórico acceso á capitalidade do vello Burón, mesmo sen identificación da
popular Fonte da Pousa ou do lugar exacto da divisoria entre ambas variantes
camiñeiras fonsagradinas.
1.10. Resulta de vital
importancia preservar a xerarquización e a unidade do Camiño Primitivo conforme
á súa evolución e dimensión histórica. A tal efecto, non deben ser grafadas do
mesmo xeito as dúas variantes ou opcións itinerarias que figuran no plano
correspondente:
a) A traza máis antiga do Camiño Primitivo correspóndese
coa calzada que atravesa o Val de Burón, capitalidade histórica da comarca.
Dita prevaleza debe ter a súa equivalencia gráfica para non igualar
xerarquicamente trazas que historicamente non o son.
b) O posterior desvío ao moderno núcleo da Fonsagrada
debe manter un segundo rango nesa xerarquización, coa correspondente diferenciación
gráfica para que non equipare itinerarios que en modo algún teñen a mesma transcendencia
e mesmo para que non se afonde na marxinación do que en orixe foi berce da vía
primitiva, debido ao actual maior potencial comercial e administrativo da vila
da Fonsagrada fronte ao núcleo tradicional da Póboa de Burón.
1.11. Deben ser integrados
no territorio histórico os antigos vieiros de entrada ao núcleo medieval de
Burón, como o chamado Camiño Vello de Invernal, así como os fitos que balizan o
val nas cotas elevadas do entorno (Cruz Nova e Cruz Vella, etc).
1.12. Debido á súa
relevancia histórica esencial para o Camiño Primitivo, a documentación gráfica
debe aludir aos barrios buroneses tradicionais, situando claramente no
territorio histórico O Milladoiro e o enlace polo castro dos Cotos cara as
Casas de Leprosos e o lugar de Carracedo.
1.13. Falta precisión
gráfica que garanta a recuperación da vella calzada polo lazareto da Bastida,
vía tradicional inmediata á actual pista, aínda que diferenciada en numerosos
treitos paralelos ou apegados que cómpre preservar.
1.14. Igualmente, debe
garantirse claramente a identificación e protección das ruínas da antiga igrexa
e hospital de San Miguel da Bastida, fundación importante nesta milenaria rota.
1.15. Cómpre identificar
claramente, polo mediodía, as Hortas e Casas de Leprosos, patrimonio asociado
ás orixes desta ancestral calzada.
1.16. Debe contemplarse o
acceso do Camiño ao núcleo tradicional de Palfito e da súa ermida, agora
Xestoso de Arriba, non mediante liña punteada ou descontinua, senón ao revés,
priorizando a traza antiga en detrimento do desvío en falso realizado os
últimos tempos.
1.17. O ermo toponímico da
planimetría oculta a importante relevancia do Camiño do Calvario en Padrón, a
popular fonte e outros treitos de vía tradicional.
1.18. O territorio
histórico debe alcanzar deica o Castro de Padrón situado na Castroeira.
1.19. A planimetría debera
recoller o histórico cruzamento do importante Camiño de Castela que vai para as Pontes de Gatín, co Camiño
Primitivo á altura da Santa Cruz, camiño de segadores e vía rexia para o
comercio do liño e do gando desde Ribadeo, integrándose axeitadamente este
feito no ámbito do territorio histórico.
1.20. Resulta erróneo o
acceso do Camiño ao núcleo de Vilardongo desde o cruzamento da estrada C-530. A traza histórica parte
do lugar coñecido como Estivo Novo.
1.21. Baleiro toponímico
alarmante en toda a traza.
1.22. Non se reflicte o
histórico cruzamento coa vía para a Ribeira de Piquín e as terras de Meira pola
Serra de Legua Seca, con importantes túmulos balizando a calzada.
1.23. Non se contempla o
emprazamento do importante marco da Pedra Labrada, antigo deslinde camiñeiro a
modo de pedra-fita.
1.24. Precísase maior
detalle e investigación patrimonial en Montouto Vello, pola súa enorme
simboloxía hospitalaria para o Camiño Primitivo.
1.25. O itinerario
tradicional transcorre paralelo á estrada comarcal de Fonsagrada, nun plano
superior, entre Vilardongo e Pedrafitelas.
1.26. A demarcación do
territorio histórico no Hospital de Montouto debe abranguer deica o cumio da
serra do Hospital polo norte e o cumio do Cerredo polo sul, recomendando a
necesidade apremiante de eliminar o impacto dos aeroxeradores instalados na
crista de ambas montañas.
1.27. O proxecto debe
recoller e recomendar a recuperación do escudo heráldico do antigo Hospital de
Santiago de Montouto, sito en Pedrouzos, así como a conservación das últimas
pallozas do lugar e a corrección do impacto producido polas obras de
urbanización efectuadas sobre as ruínas do propio recinto hospitalario.
1.28. A conexión entre o
Hospital de Montouto e o núcleo de Parada Vella é completamente falsa. A traza
proposta corresponde simplemente a un camiño ou pista de atallo utilizada nos
últimos tempos para a feira da Fonsagrada. O camiño histórico mantívose activo
aínda na segunda metade do século XX e foi interceptado de forma ilegal con
algunhas cercas e plantacións pola banda do mediodía. Dita calzada tradicional
está perfectamente documentada, seguindo polo lado contrario ao proposto, con
itinerario zigzagueante a media ladeira polo mediodía para salvar o profundo
desnivel deica Paradavella, pasando as Penelas do Teixo e a Carreira do
Castelo.
A entrada en Parada Vella
efectuábase pola banda leste (xusto ao contrario da proposta oficial), polos
lugares de A Cortada, Fonte do Salgueiro, Pena da Pousa e Casa do Mesón. (A
delimitación proposta falsea completamente a cartografía histórica aproveitando
o desvío popularmente coñecido como O Atallo, con pendente contranatura en
camiños de longo percorrido). Isto implica que a entrada no núcleo urbano
(levemente elevada sobre o nivel da estrada), era efectuada de xeito cómodo
polo leste, o que motiva que dita traza estea completamente errada na proposta
de delimitación contra a que alegamos.
1.29. A falsificación da
traza nos accesos a Parada Vella, deriva tamén na perda de importantes símbolos
asociados á lenda da Casa do Retiro e os camiñantes pola vía primitiva. Por
elo, o territorio histórico debera abarcar deica dita Casa do Retiro, amais de
protexer o territorio visíbel até a Serra da Lastra, fortísimo pregamento que
pola súa visibilidade desde o Camiño e pola súa pronunciada pendente debe
atender a unhas mínimas normas de protección paisaxística, ao igual que o
descenso pola Serra do Hospital, moi visíbel desde o treito Parada Vella – A
Lastra.
1.30. Á saída de Parada
Vella, O Camiño debe preservar a súa traza nunha cota máis elevada que a
estrada, así como as fontes laterais. A ausencia palmaria de microtoponimia nos
gráficos non facilita este labor.
1.31. Toda a conexión,
fortemente sinuosa, entre as aldeas de A Calzada, Degolada e A Lastra está
dabondo forzada. O itinerario histórico non descendía tan abaixo; de feito,
coincidía bastante coa traza da estrada decimonónica, conservándose a calzada
medieval en boa medida nunha cota superior á mesma e superando as continuas
torrenteiras que baixan pola pronunciada pendente da montaña, con fontes tan
significadas e simbólicas como é a Fonte Sagrada, próxima xa á Lastra. Existe
un laborioso traballo de reconstrución deste treito de Camiño histórico
realizado durante un verao enteiro nos anos 90, logo de entrevistar numerosos
anciáns do entorno que teñen percorrido a vía asturiana e de facer prospeccións
diversas en tan complexo territorio.
A delimitación proposta é
resultado de recoller unicamente o paso descontrolado polo lugar que se veu
producindo os últimos anos e que non ten realmente peso histórico.
1.32. Non se entende que a
franxa de territorio histórico non alcance o Castro de Degolada, inmediato ao
Camiño Primitivo e perfeitamente visíbel desde o mesmo. Tampouco que non se
protexa a ladeira da serra da Lastra ao completo, parede que é o único fondo
paisaxístico do Camiño por occidente.
2.
CONCELLO de BALEIRA
2.1. A redución do ámbito
de protección do territorio histórico do Camiño Primitivo é certamente
alarmante en todo o municipio, nomeadamente coas amplas cuncas visuais
existentes. O drástico recorte desta franxa impide mesmo protexer -nas
carballeiras de subida á Fontaneira desde A Lastra- as fermosas vistas
panorámicas sobre o Val do Rego do Salgueiro, a Pena da Escrita ou a Pena
Vieira, ficando sen garantir os avistamentos dos Ancares.
2.2. Igualmente, resulta
difícil o seguimento axeitado da traza proposta, por ausencia total de
toponimia tanto maior como menor ao longo dun percorrido de montaña, sen
reflectir nin tan sequera núcleos tradicionais de valiosa factura ou lugares
emblemáticos ao paso da calzada, como poden ser O Espiñeiro, A Rodela, A Cruz
do Vargado ou O Penedo Apertado, fitos camiñeiros que deberan ser grafados no
proxecto.
2.3. Cómpre aclarar que a
solución do Camiño solapado coa estrada ao paso pola Fontaneira non é tal,
simplificacións que se reiteran ao longo da delimitación proposta e que
coidamos improcedentes nun traballo de clara base histórica e cultural. De
feito, a calzada xacobea cruzou sempre a estrada no Alto da Fontaneira para
transitar pola súa dereita a unha cota superior, atravesando de novo por detrás
da casa do Mesón para formar o treito de vía histórica coñecido como Camiño dos
Franceses, ao que aluden diversos historiadores lucenses, desviándose de novo á
esquerda deica o Campo do Ferreiro, antes de tomar o Monte das Cruces (onde
cómpre situar o antigo camposanto civil que lle dá nome) e o camiño dos
Carreiriños deica O Trabeiro (a recente plantación de piñeirais intercepta a
visión da paisaxe desde o lugar, recomendándose a toma de medidas de clareo ao
respecto).
2.4. A radical restrición
do territorio histórico do Camiño Primitivo que se propón deixa fóra das
pertinentes cautelas algúns dos seus grandes valores paisaxísticos, como as
xenerosas vistas panorámicas na baixada da Fontaneira sobre a Vaganta do
Trabeiro polo mediodía ou sobre os bosques de Penas e Estornín cara o norte.
Mesmo entendemos que fica fóra da franxa proposta o propio nacemento do río
Neira, orixe do lugar e símbolo xeográfico destas paraxes, cousa
incomprensíbel.
2.5. O anonimato absoluto
da cartografía, mesmo nos puntos relevantes onde arrincan desvíos e
cruzamentos, non oculta unha ficticia superposición de Camiño e estrada moderna
no entorno do Trabeiro, lugar coñecido como O Carneiro, onde a calzada antiga
sempre transitou pola banda dereita da estrada,
a unha cota inferior, tránsito que continúa na subida ao Marco (esta vez
en nivel superior á vía comarcal), vella divisoria territorial.
2.6. A traza proposta para
o paso polo importantísimo e emblemático Campo da Matanza non é correcta nin se
axusta á senda tradicional, ben documentada desde os Camiños Brancos en
traballos de campo previos aos labores de concentración parcelaria do lugar,
mesmo con acreditación das rodeiras dos carros do país sobre a pedra da vella
Carrileira de Santiago.
2.7. O descenso ao Cádavo
tampouco se axusta á traza histórica, senón á pista moderna, dado que o
itinerario antigo producíase con un trazado sinuoso zigzagueante á esquerda do
proposto, pola dereita da popular Pedreira da Moeda, como é propio para salvar
fortes pendentes en vías de montaña.
2.8. No paso do Camiño
Primitivo desde O Cádavo ao lugar de A Pradeda e o porto da Vacariza, o
territorio histórico debe comprender como unha unidade paisaxística o conxunto
do bosque protector formado por tupidas carballeiras que desde tempo inmemorial
balizaron a vía peregrina deica a estrada comarcal ao paso pola Rasela (actual
polígono industrial) e A Vacariza, sendo completamente ridícula a franxa
protectora proposta, que a pouco deixa fóra a popular Capela dos Remedios, a pé
de vía. Dita protección permitiría no futuro ir recuperando a penosa deforestación
consentida no último ano sobre estas carballeiras que foron eternas
compañeiras do Camiño no Cádavo, logo dun proceso de concentración parcelaria
tremendamente agresivo para os bens culturais da rota xacobea máis antiga do
mundo.
2.9. A proposta de
delimitación non debe obviar, como fai, o cruzamento na vila do Cádavo de dous
camiños históricos de grande relevancia: o Camiño Primitivo de Santiago e mais
o Camiño Real de Castela, encrucillada da que nace o conxunto do poboado. Por
elo, é preceptivo que se contemple o paso histórico do acceso da Meseta polo
Val de Neira de Rei cara Meira e a capital mindoniense, englobando
necesariamente no seu territorio histórico a igrexa de refuxio da Esperela
(parroquial do Cádavo até tempos recentes e emprazamento do antigo mosteiro de
San Pedro), feitos históricos absolutamente asociados ao Camiño Primitivo,
incluíndo o próximo Pazo de Corveira, estratexicamente situado.
2.10. A prolongación cara o
norte do Camiño Real de Castela vainos dar a verdadeira traza histórica do
acceso da vía primitiva a Vilabade, absolutamente errada, fóra de sitio e
carente de sentido tal e como se presenta no proxecto (desde A Vacariza por
unha pista forestal completamente irrelevante, a unha capela do século XVIII).
O Camiño real de Vilabade desde o Cádavo é un itinerario autónomo, ben
documentado a comezos dos anos 90 e publicado posteriormente, apoiado en
documentación histórica e cartográfica, así como contrastado con anciáns de
Baleira e de Castroverde que xa eran centenarios hai 20 anos.
A variante de acceso á VILA
ABATI partía do camiño real da Meseta que chegaba a Vilaselle con dirección
norte, ascendendo de xeito cómodo e ao biés a ladeira do nacente da serra da
Vacariza ou do Mirador que olla ao Val de Baleira. Así, pola chamada Costa de
Férveda xa en 1236 e o Camiño de Valverde, a variante do Camiño Primitivo que
ía a Vilabade polo Carballo da Loba, ascendía á Arqueira, Fontes de Peizás, As
Cortellas e a Chousa do Escribán, xa no cumio da Serra, límite con
Castroverde. Tal é a vía antiga ao
convento franciscano de Santa María de Vilabade utilizado polas xentes “de Tras
da Serra” desde o Medioevo, debendo preservarse as vistas sobre o Val de
Librán.
2.11. Evidentemente, solicítase
a corrección do ramal proposto para a capela do Carme, completamente
artificioso, ao se tratar dunha proposta sen fundamentación algunha,
introducida sendo directora da S. A. Xacobeo dona María Antón Vilasánchez co
único argumento de considerala “una vía de futuro”, invención que foi tomando
corpo por falta dunha delimitación seria ao seu debido tempo, como ten
acontecido en tantas ocasións e que conduce á aberración de pretender protexer
un territorio carente de referencias culturais asociadas ao Camiño Primitivo.
Dita conexión só tería
sentido como proposta de atallo voluntario para camiñantes que desexen
achegarse a dita ermida do Carme (dado que recuperando a delimitación histórica
do camiño real a Vilabade que se solicita, o acceso directo á igrexa
parroquial, B.I.C, e ao pazo anexo, queda garantido segundo se fixo
secularmente, mesmo por todos os serranos para as feiras de Castroverde, Lugo,
Adai ou Fonsagrada).
3.
CONCELLO de CASTROVERDE
3.1. Segundo se recolle nas
alegacións correspondentes ao concello de Baleira, o camiño real e francés de
Vilabade non ten nada a ver co ridículo desvío artificial que se ten operado
por unha pista forestal nos últimos anos, promocionado -como noutras ocasións-
pola propia administración para saír do paso, a través dunha pista forestal
montaña arriba, desviándose á ermida do Carme, moi posterior ao itinerario
medieval que ascendía comodamente e de xeito independente desde a vila do
Cádavo, por Vilaselle e a chousa do Escribán, na linde con Castroverde, cumio
desde o que descendía directamente ao núcleo urbano de Santa María de Vilabade,
achegándose ao posíbel emprazamento do Hospital de San Gabriel citado por don
Elías Valiña e ao propio Camiño do Hospital próximo ao lugar de Frontoi, para
entrar no recinto monumental a través da Casa do Cura e desembocar no pórtico
do templo gótico e do cenobio franciscano. (Evidentemente, resulta lamentábel a
proposta de protección de dita pista forestal absolutamente desviada da rota
medieval e carente de solvencia histórica, opción frustrante nun proxecto de
recuperación cultural como o presente).
3.2. Aínda así, sería
aceptábel considerar como variante alternativa o enlace da vía medieval -e
posterior camiño real de Vilabade- que se cita (unha vez sinalizada) coa
mencionada capela do Carme (ben próxima), favorecendo a conexión con un
importante ben cultural e arquitectónico do século XVIII, cuestión que coidamos
merece unha seria e meditada reflexión. (Nese caso, cómpre recuperar un treito
de calzada de acceso á ermida conservado até a actualidade e paralelo á pista
que se propón no proxecto de delimitación).
3.3. A definición da traza
na Cruz de Pedra (A Vacariza) cómpre axustala debidamente. Dito cruceiro de
mediados do XIX foi arrincado do seu emprazamento orixinario o ano 1994 e
recuperado do esquecemento pouco tempo despois polos Amigos do Camiño
Primitivo, á espera de o devolver a ese lugar concreto, ao tempo que a vía
antiga era destruída pola Consellaría de Obras Públicas para a transformar en
entullo da nova estrada de Fonsagrada. Existen testemuñas de tan desgraciados
feitos, que tomaron fotografías.
Malia a ausencia de
identificación toponímica no proxecto e dada a ampla plataforma de desmonte
creada desde entón no lugar, sen que se teña adoptado medida paliativa algunha
a pesar das reiteradas promesas de recuperación dunha área tan significativa,
obsérvase claramente a necesidade de reaxustar e precisar toda a traza proposta
á entrada do Camiño no porto da Vacariza, dado que o itinerario tradicional
transcorría máis á esquerda da proposta e de que en todo caso hai que recrear o
paso destruído e situar correctamente a Cruz de Pedra.
3.4. A entrada en Vilalle
que se propón adultera o itinerario histórico e consagra unha recente
apropiación da vía pública que no seu día foi denunciada xudicialmente polos
propios veciños. Unha simple observación da traza proposta constata o desvío
artificioso do Camiño que até as últimas décadas do século XX transitou pola
vella congostra coñecida como O Carriozo e continuaba por A Calzada, para
entrar na aldea baixo o corredor voadizo da casa do Gancho, antes de encarar o
eixo viario central constituído polo camiño da igrexa. Dita corredoira foi
presuntamente asaltada por veciños de dita casa, engadindo a caixa do Camiño
Primitivo a un prado anexo da súa propiedade e destruíndo de paso varios
castiñeiros centenarios que servían de árbores lindeiras a carón do mesmo, ao
tempo que se cortaba o acceso pola calzada medieval (aínda en proceso de
apropiación nos anos noventa), treito todo el empedrado e regado con fontes ao
camiño.
Novamente, a administración
optou os últimos anos por tirar para adiante desviando a rota cunha
circunvalación máis ao norte, desvío que agora se pretende consolidar
oficialmente de xeito pouco rigoroso, pouco exemplar e pouco edificante, no canto
de constatar no documento de delimitación o paso histórico da rota por tan
pintoresco lugar e por tanto, facilitar a posibilidade de recuperación no
futuro.
3.5. Debe ser contemplada
no proxecto de delimitación a vella conexión camiñeira entre as freguesías de
Vilalle e Vilabade, ambas irmandadas no organigrama eclesiástico e variantes
históricas ao paso do Camiño Primitivo, de tal xeito que esta vía transversal
que desde antigo conectou ambos núcleos por A Valiña, o muíño e cerca da Casa
Grande, permitiu a peregrinaxe polo Camiño Francés de Vilalle accedendo
logo ao núcleo monumental de Vilabade, ao seu convento e hospital, ou ben á
inversa, peregrinando polo camiño real de Vilabade para se achegar a
continuación a Vilalle e proseguir pola rota francesa asturiana deica a vila de
Castroverde, conexión de fondas raíces históricas e gran potencialidade
cultural.
3.6. Cómpre delimitar
correctamente o paso histórico do Camiño Primitivo no acceso ao lugar d’A
Veiga, sobre o río Tórdea no barrio de Tarrío, pequeno treito de calzada
tradicional que se achega ao actual emprazamento do novo albergue de peregrinos
ao se apartar da estrada de Vilabade pola súa dereita, vieiro tradicional que
no seu día foi obxecto de pleito perante os intentos de apropiación, actuación
xudicial que ao cabo permitiu a súa conservación.
3.7. O erro máis grave da
proposta de delimitación oficial aparece ao paso polo propio núcleo urbano da
vila de Castroverde, centro histórico de gran relevancia para o Camiño
Primitivo durante o período medieval e mesmo contemporáneo.
A confusión fundamental parte –como na
maioría dos casos- da precaria e pouco rigorosa itinerización realizada por
volta de mediados dos anos 90, momento no que se trazou o paso do Camiño polo
exterior do núcleo urbano e apartado do burgo medieval, a través dunha vía
decimonónica que accede á moderna igrexa parroquial (século XX), tirando de
longo ao pé do monte da Lomba. Dito itinerario, no que agora se volve a incidir
contrariando a verdade histórica, podería ser conservado como variante
contemporánea de carácter tradicional, sempre e cando sexa preservada a
condición prioritaria do itinerario medieval que desde hai séculos accede ao
burgo da fortaleza medieval antes de descender a San Miguel do Camiño, calzada
na que se sitúan todas e cada unha das institucións hospitalarias da
capitalidade deste importante señorío.
A estes efectos, precisaremos o seguinte: o
núcleo medieval de Castro Verde ubícase en torno á fortaleza Mirafermosa,
erixida sobre a croa do emprazamento castrexo que dá nome ao municipio,
formando no seu entorno un pequeno asentamento iniciático coñecido como
Santiago de Vilariño. Aos seus pés esténdense as chairas da Ferraría
transitadas polo que sempre foi identificado como Camiño de Santiago e que
–aínda hoxe- constitúe a Rúa Santiago, vella corredoira até os anos 70, lugar
no que se situaba o hospital para pobres e peregrinos que veu funcionando como
pousada até a primeira metade do século XX e do que conservamos fotografía e
documentación relativa a procesos xudiciais e conflitos entre os seus
administradores e a igrexa e cabido lucenses. Amais, a propia fortaleza de
Castros e Altamiras contou coa súa propia edificación hospitalaria que se
mantivo en pé até finais do século XIX e da que restan testemuños documentais.
Por conseguinte, temos a calzada medieval do
Camiño Primitivo accedendo ao vello burgo pola rúa Santiago, para descender a
San Miguel do Camiño por unha vía de certa envergadura e fermosa traza a carón
do castro e fortaleza, seguindo as terras de Lamalexo, itinerario que conducía
directamente ao Hospital de San Lázaro e á súa Capela, topónimos aínda vixentes
na conexión con San Miguel do Camiño.
Só a reformulación e delimitación correcta
deste treito do Camiño Primitivo de Santiago pode salvar un dos pasos máis
relevantes e mellor conservados do seu territorio histórico no emblemático
señorío de Castro Verde, antigo Castro
Viride.
3.8. Por ende, o núcleo
histórico de Castroverde emerxe estratexicamente no cruzamento do camiño
francés de Asturias co camiño real e comercial de Monforte a Mondoñedo, cuxa
traza resulta ben visíbel e para o que solicitamos a súa plasmación no proxecto
de delimitación, ao que se engade tamén a solicitude de definición gráfica da
encrucillada co camiño real para a Terra Chá e as mariñas de Ferrol no entorno
arqueolóxico do hospital de San Lázaro e da parroquia de San Miguel do Camiño,
vía de conexión transversal de grande relevancia e reiterada presenza
documental.
3.9. Cuestión de grande transcendencia é a
contemplación no proxecto de delimitación da vía que accede ao Camiño Primitivo
desde o antigo hospital de peregrinos de San Martiño de Bolaño (de cuxa
tradición asistencial, amais da documental, aínda fican testemuñas entre os
últimos habitantes do lugar), unha calzada empedrada que conectou secularmente
a vía primitiva co Camiño Norte Interior en Santa María de Meira, interesante
fenómeno xacobeo do que é ben sabedor e impulsor don Joaquín Miláns del Boch e
a asociación que preside desde San Tirso de Abres.
3.10. Claro está, ditas
precisións itinerarias conlevan un reaxuste do territorio histórico obxecto de
protección arredor da capitalidade municipal de Castroverde, sendo
imprescindíbel a tal efecto incluír no mesmo o perímetro da Croa de Bolaño e a
Cova da Valiña, o núcleo histórico de San Martiño de Bolaño e a súa
prolongación polo Val de Bolaño, así como o tradicional barrio da Feira, a súa
trama de pendellos decimonónicos e souto centenario, na conexión co camiño real
de Monforte a Mondoñedo.
3.11. A delimitación do
territorio histórico do Camiño Primitivo ao paso por Santiago de Castroverde,
San Miguel do Camiño, Recesende, San Paio de Arcos e Souto de Torres debe
contemplar a protección íntegra das carballeiras que circundan e configuran
paisaxisticamente a rota xacobea por ambas marxes.
3.12. No caso da parroquia
de Recesende, a franxa de territorio histórico debe incluír o conxunto
histórico formado polo Castro, sepulturas antropomórficas, igrexa parroquial e
Casa Grande, por cuxo territorio pasa o Camiño Primitivo no pequeno vale
fluvial a pé da montaña, con absoluta visibilidade e proximidade desde o mesmo.
Non se comprendería deixar este conxunto fóra do ámbito do territorio histórico
do Camiño.
3.13. A traza histórica do
Camiño Primitivo de Santiago no Mesón de Fraiás (antigo Pipe na demarcación
medieval) non coincide coa contemplada no proxecto, dado que a mesma vén de ser
violentamente alterada coas seguintes actuacións:
* Construción dun alpendre invadindo presuntamente a vía
pública do camiño de Santiago.
* Eliminación da fonte-bebedeiro tradicional que daba á
vía pública, coñecida no lugar como Corredoira dos Chousos.
* Desprazamento do muro frontal e perimetral da finca á
outra banda do Camiño, apropiándose da calzada orixinaria da rota xacobea, a
cal pasa a integrarse na finca particular.
* Desprazamento do camiño medieval varios metros,
introducindo unha pronunciada curva que desfigura o aspecto do entorno e do
propio itinerario.
De ditas actuacións hai constancia gráfica e
documental, presuntamente con coñecemento da institución municipal, mesmo
sometendo estas alteracións a un proceso de permuta que coidamos de nulo
dereito.
O proceso de delimitación debe proceder a
repoñer a legalidade no Mesón de Fraiás, antigo Casal de Pipe, no “Camino Francés
que va para la ciudad de Lugo” (1534).
3.14. A proposta
correspondente ao camiño tradicional de San Salvador de Soutomerille, de
extraordinario valor histórico, patrimonial e ecolóxico, está completamente
errada na súa traza, introducindo un itinerario fraudulento que en nada se
corresponde coa calzada antiga vixente até finais do século XX e aínda
transitada por xentes vivas da comarca. Dado que ese é o itinerario tradicional
e dadas as súas potencialidades culturais, entendemos que non procede o seu
tratamento gráfico como mera variante alternativa, tanto máis tendo en conta as
reiteradas invasións e presuntas apropiacións nalgún dos seus treitos de vía
orixinaria, tamén presente na cartografía militar.
Este treito de vía medieval
parte do interesante casarío etnográfico de Nadela, en sentido norte ao son do
río que vén de Barredo e que cita Madoz, logo do convento de relixiosas
cistercenses de Santa María de Moreira, cruzando cara occidente polo fondal de
Entraszarras para acceder ao Castiñeiro do Neto e seguir o paradisíaco Camiño
dos Cortellos na espesura do bosque, antigo vieiro que conduce
directamente á Casa-Torre de
Soutomerille antes de continuar de fronte ao hospital de Gondar polo minúsculo
camposanto parroquial (o máis pequeno do territorio galego) e a Corredoira das
Varancas, aos pés dos importantes recintos castrexos de A Croa e Castro Peón,
desembocando en liña recta á Corredoira Alta, a través da ponticela de Pontide,
entrada a Santa María de Gondar por onde os lugareños dan fe do paso do camiño
antigo até as últimas décadas.
3.15. Dada a súa inmediatez
e visibilidade, o Castro de Cabreira debe ser integrado plenamente no
territorio histórico do Camiño Primitivo ao paso polo núcleo de Moreira.
3.16. Na saída de
Soutomerille polo Camiño Primitivo que vén de Asturias e vai para Lugo, cómpre
deixar constancia gráfica da encrucillada formada polo camiño vello á Terra Chá
(ao norte, por Barredo) e do que vai para Adai e Castela cara o mediodía.
3.17. Se xa en 1369 se
facía referencia aos tempos en que “o camino françes andava por Gondar, et por
quanto o dito camino se mudou por outra parte, et o dito espital non reçebe os
ditos proves non se fas y aquelo para que foy estabelesçido”, cómpre deixar
contemplada a delimitación oficial desta variante baixomedieval do Camiño
Primitivo, que polo Mesón de Souto de Torres, Empalme de Outeiro, viacrucis de
San Paio de Arcos, Camiño da Granda e as casas grandes de Paderne e de Romeán,
conducía á Costa Francesa de Gondar e ao Cruceiro de Bascuas, seguindo un
antigo itinerario bastante ben conservado e que nalgúns treitos mantén gran
parte da arquitectura camiñeira tradicional.
4. CONCELLO DE LUGO
4.1. A conexión procedente
de Castroverde vía Soutomerille, en Santa María de Gondar, non figura na
delimitación, deixando o seu territorio desprotexido. (Véxase a alegación
correspondente ao paso por San Salvador de Soutomerille).
4.2. Grave omisión da traza
de acceso ao hospital de peregrinos de Santa María de Gondar e da súa saída,
apropiadas recentemente, e mesmo ausencia de mención á propia edificación
actual e emprazamento do hospital. A delimitación oficial debe contemplar a
calzada histórica desde a casa de Saturno, no Barreiro, polo rego Pelamios,
casa e antigo muíño do Hospital e saída por Caparello.
4.3. Ausencia de propostas
de recuperación da Costa Francesa e do Cruceiro de Bascuas, así como da área
afectada pola canteira e cruzamento co camiño real de Romeán. Baleiro de
toponimia camiñeira relevante neste treito de vía.
4.4. Omítese completamente
a variante baixomedieval do Camiño Primitivo polo Santo Estevo de Paderne e San
Pedro de Romeán, utilizada logo do peche do hospital de Gondar. Fica fóra do
territorio histórico todo o seu valioso patrimonio monumental, etnográfico,
arqueolóxico e inmaterial asociado a esta rota. (Véxase alegación
correspondente no municipio de Castroverde).
4.5. Traza adulterada á
saída do núcleo urbano de Bascuas, sen indagación sobre a súa cartografía
histórica que permita endereitar a vía xacobea.
4.6. Violento desvío da
rota tradicional á estrada C-530, ao non se contemplar a presunta apropiación
do camiño público entre Bascuas e o campo da festa de Carballido, ao paso
polos coñecidos como Prados de Barreiras, Pinares de Pita e urbanización As
Regas, cruzando o Rego Carballido deica o palco instalado sobre a caixa do
camiño e peche recente –oportunamente denunciado- para campo da festa.
Omisión gravísima e
inxustificada, polas súas implicacións cartográficas, a protesta social que
crea e o perigo ao que somete aos camiñantes. A proposta limítase a seguir a
traza irrelevante das pistas modernas de carácter pecuario e forestal, ou ben
directamente a estrada comarcal, introducindo un quebro radical no decurso
natural do camiño vello. Consideramos moi grave esta actuación.
4.7. Debe ser integrado no
territorio histórico do Camiño Primitivo o vía crucis da capela medieval de
Santa Locaia á igrexa de Carballido e enlace coa rota xacobea, polas súas
asociacións culturais, espirituais e camiñeiras.
4.8. Constátase o desvío en
falso circunvalando as Casas de Viña en Fazai, inxustificado por estar
operativo o camiño orixinario, contribuíndo aos intentos de peche e apropiación
no lugar, presuntamente impulsados por un particular que invade a vía pública e
mesmo intercepta e desvía a sinalización correcta. Non ten xustificación
algunha.
4.9. Violento desvío
contranatura do itinerario histórico que percorría a ponte das Samesugueiras no
Carqueixo, sen proposta de recuperación –perfectamente factíbel- da rota
orixinaria paralela á estrada de Fonsagrada polo lugar de A Casilla. (A
decisión unilateral que no seu día entendemos que tomou de xeito completamente
parcial o arquitecto do Xacobeo, Sr. Pichel, trazando un desvío de 180º sobre o
itinerario antigo, proponse agora como definitivo, seguindo unha traza
completamente exótica).
4.10. Ausencia total de
definición gráfica das conexións transversais de longo percorrido e de carácter
histórico á cidade de Lugo: camiño de Castela por Adai desde Romeán, enlace co
Camiño Norte da Costa na Chanca, cruce co camiño real de Castela na urbe
lucense, derivación ao mosteiro de Sobrado dos Monxes por Santalla de Bóveda,
etc.
4.11. Ausencia de precisión
toponímica e cartográfica no casco urbano de Lugo, ao non establecer
xerarquización da traza principal (paso polo Burgo novo, Rúa Clérigos,
Catedral, Burgo vello) e alternativas posteriores, mesmo á saída do Camiño
extramuros.
4.12. Non se reflicte na
cartografía o paso pola Rúa Vella da Ponte, como acceso a media ladeira para
vencer a Costa de San Lázaro seguindo a lóxica e a tradición camiñeira de longo
percorrido.
4.13. Déixanse
completamente á marxe do territorio histórico do Camiño Primitivo dous feitos
excepcionais do patrimonio xacobeo lucense na saída do Camiño cara poñente:
Santiago de Saamasas e Santiago de Meilán, pletóricos de patrimonio e tradición
material e inmaterial asociados ao rito xacobeo.
4.14. Corrixir topónimo
“San Matas”, por Santo Matías.
4.15. Invértese gravemente
a cualificación da traza histórica presuntamente ocupada recentemente en San
Xoán do Alto, desde o lugar de O Fornelo á igrexa parroquial, pasando polo
Castro da Seara, en favor do desvío á estrada comarcal, posicionamento
absolutamente rexeitábel logo do esforzo sostido os últimos anos por evitar
esta presunta e reiterada invasión do camiño milenario e do seu territorio
histórico, a unha legua da cidade lucense.
4.16. Ausencia da relevante
toponimia camiñeira ao paso do camiño francés primitivo á saída do Alto.
4.17. Resulta completamente
impresentábel que se deixe fóra do territorio histórico do Camiño Primitivo a
Capela de San Bartolomeu e mesmo a Cruz do Burgo ou o Castro de Canedo. O
territorio histórico do Camiño Primitivo debe integrar estes elementos
indisociábeis do paso antigo cara Compostela e conxunto singular da rota, así
como paraxe natural asociada por tradición camiñeira á fermosa igrexa
parroquial e ao conxunto rural.
4.18. Non se contempla a
traza apropiada da vía histórica desde a saída do núcleo do Burgo á Cruz de
Penalumbre, así como desde esta á encrucillada da Uceira, treito alterado polos
traballos de concentración parcelaria de Poutomillos, denunciados no seu
momento dado que alteraban a traza física do camiño xacobeo, cartografándose de
xeito artificioso todo este treito de terreo ao desviar a traza pola estrada
sistematicamente, sen o menor esforzo de definición do itinerario antigo
contemplado en abondosa documentación catastral e publicado no seu momento.
4.19. Consideramos un feito
extremadamente grave desentenderse da calzada antiga de conexión do Camiño Primitivo
co santuario tardorromano de Santalla de Bóveda, deixado á marxe do territorio
histórico da rota xacobea, así como do paso deste enlace polo castro de
Santiago de Prógalo e da súa igrexa santiaguista de orixe románica, contendo
valiosas tallas do Apóstolo, itinerario percorrido a diario por numerosos
peregrinos con destino ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, por tanto, enlace
transversal e constante co Camiño Norte da Costa.
4.20. Malia o paso actual
-un tanto forzado contranatura-, pola igrexa románica de San Miguel de Bacurín
e a Corredoira da Pegueira, omítese toda investigación da traza orixinaria en
dirección a poñente desde o Castro de Bacurín.
4.21. Non se detalla o paso
do camiño antigo nos treitos en que se conservou paralelo e inmediato á estrada
moderna por O Paso e O Francés,
solapando sistematicamente ambos elementos. Non consta o núcleo inmediato de O
Francés, fundamental no paso do Camiño Primitivo.
4.22. Déixase fóra da
cobertura do territorio histórico o pazo de Recimil, en Poutomillos.
4.23. Non se fai mención
expresa de integración das importantes árbores singulares e monumentais
existentes no territorio histórico ao paso do Camiño, así como de outros
elementos significativos da súa rica cultura etnográfica e paisaxística.
5. CONCELLO DE GUNTÍN DE PALLARES
5.1. Desde que a comezos
dos anos 90 se reorganizou e impulsou a celebración do Ano Santo Compostelano e
da tradición camiñeira a Compostela, é de dominio público a absoluta
falsificación a que nese momento fora sometida a traza do Camiño Primitivo no
municipio lucense de Guntín de Pallares, itinerario disparatadamente desviado
ao sur do concello mediante un enrevesado e irracional percorrido cara o lugar
de Seixalbos, traza completamente forzada que non se compadece con un criterio
científico e mesmo de sentido común na cultura camiñeira, apartándose
completamente da liña continua que de oriente a occidente marca o rumbo deste
antigo vieiro de longo percorrido, aínda con testemuñas vivas do seu paso,
afirmado na tradición e nos vestixios da cultura material e inmaterial, sobre o
territorio histórico correspondente á vía romana XIX e os importantes fitos
deixados ao paso da calzada medieval superposta á mesma.
Unha perversión da traza histórica que a fin de contas só
serviu para introducir un artificioso rodeo e regresar finalmente ao punto de
destino do itinerario orixinario, tal é o hospital de peregrinos de Burgo de
Negral, antigo Vilanova de Negral (Friol), rigorosamente constatado
documentalmente sobre o río Ferreira.
Por tanto, reclámase a delimitación precisa da rota
medieval das peregrinacións e posterior camiño real conforme á verdade
histórica, sobre o territorio antigo contemplado no itinerario de Antonino
Caracalla, tomando como referencia o miliario na honra de Calígula, sobre o
Campo do Busto de San Romao da Retorta, para proseguir por calzadas de
significativo nome na historia da vella camiñería, como A Pena do Rei, O
Francés, A Torre, A Vieira, a ermida de San Mauro (con toda a súa enorme
advocación popular ao pé da coñecida Ponte de San Amaro), deica a Veiga da
Forca que conduce ao municipio veciño de Friol.
6. CONCELLO DE FRIOL
6.1. Chama a atención na
planimetría a ausencia absoluta de toponimia camiñeira, de toponimia menor ou
microtoponimia que facilite a identificación da traza “anónima” que está a
exposición pública, unha liña sen a necesaria precisión gráfica e sen o detalle
necesario que cómpre nun traballo serio de recuperación da senda tradicional a
Compostela.
Aínda así, segundo temos
advertido nas alegacións referentes ao municipio lucense de Guntín de Pallares,
a vía histórica do Camiño Primitivo de Santiago en modo algún se desviou nunca
cara ao sul, por termos das aldeas de Seixalbos e Paraño, senón que sempre mantivo
a coherencia da traza lóxica e común á camiñeiría tradicional, cómoda,
económica e ben orientada, para entrar no municipio de Friol a través da
chamada Costa das Regas, procurando un refrixerio na Fonte do Sapo antes de
remontar o Alto da Grela e a mámoa da Cruz do Burgo, divisoria de freguesías
por onde viñan os antigos romeiros ao hospital de peregrinos de Burgo de Negral
–anterior Vilanova de Negral- rexentado polos frades de Ferreira de Pallares,
con seguranza situado á beira do arroio que corre a se unir co río Ferreira e a
carón do propio Camiño Primitivo, lugar onde se fai doazón en 1223 a favor de ditos
relixiosos “para que reciban en él a los peregrinos, a quienes han de dar
fuego, agua, vestido y limosna”, histórico itinerario para o que solicitamos a
súa precisa delimitación e protección.
7. CONCELLO DE PALAS DE REI
7.1. Resulta difícil de
explicar á luz da camiñeiría histórica e da evolución dos burgos medievais á
beira dos camiños de longo percorrido, mesmo da historia da arte, a redución
drástica que se ten operado na proposta oficial de delimitación do territorio
histórico do Camiño Primitivo de Santiago no núcleo palense de Ferreira de
Negral, deixando fóra da banda de protección mesmo a igrexa románica de San
Martiño e as ruínas do seu antigo mosteiro, así como os diversos cruceiros de
pedra que balizan os seus vieiros sagrados, todo o cal foi conformando desde
tempos remotos o conxunto monumental vertebrado pola vella calzada romana e
medieval, visión de conxunto e actitude dialogante no ámbito cultural que soubo
ver ben no seu momento o arqueólogo don Jaime Delgado Gómez, historiador do
románico recentemente falecido, cuxas altas miras se compadecen mal coa
proposta de delimitación do territorio histórico contemplada nesta fermosa
paraxe por onde andou a mansión romana de Ponte
Nartiae e onde se ergue o templo románico de Ponte Ferreira rexentado pola
orde santiaguista de Vilar de Donas, cuxo antecedente monástico aparece
claramente mencionado xa en 1177.
7.2. Con semellantes
argumentos aos esgrimidos para xustificar a prolongación da linde do territorio
histórico da vía primitiva até abranguer o Castro de Augas Santas, cómpre
incluír o Castro das Seixas en dita franxa de respecto, dado o seu estreito
vencello cos núcleos camiñeiros das Seixas e do Hospital das Seixas,
asentamentos sobre os que mesmo ostenta o privilexio de funcionar como
referente arredor do antigo vial de tránsito que agora se pretende delimitar,
protexer e promocionar, neste último treito do Camiño ao paso polo territorio
de Palas de Rei.
8. CONCELLO DE TOQUES
8.1. Dado que contamos con
rigorosas prospeccións arqueolóxicas do Camiño Primitivo e da vía romana XIX
desde o ano 1993, insistimos na conveniencia de conservar a traza orixinaria da
calzada xacobea polo centro de Santiago de Vilouriz, treito empedrado até os
últimos anos, por detrás das casas chamadas “de José de Penas” e mais “de
Preceuto”, deica o cruzamento coñecido como Braña de Bernedos, onde a Xunta
propón un desvío do itinerario orixinario completamente en falso, propiciando e
dando pé á consolidación de estratexias apropiatorias que pasamos a relatar.
8.1.1. Resulta
verdadeiramente incomprensíbel que a proposta oficial de delimitación do Camiño
Primitivo de Santiago ao paso polo municipio de Toques pretenda consolidar as
manobras de apropiación da calzada tradicional e orixinaria no emblemático e
mítico lugar de A Pena Ferrada, derivando en falso a vía antiga a unha moderna
pista forestal que paralelamente circunvala o Monte da Pedrosa.
Trátase dun treito do
vieiro medieval que descende cara poñente enlazando as parroquias de Vilouriz e
de Vilamor, logo de que xa nos anos noventa fora asaltada a calzada xustamente
na saída de Santiago de Vilouriz pola calzada vella, vial de estrutura e firme
clásico no mundo romano, con trincheira de laxas de pedra e canaletas.
Actualmente, obsérvase como
un particular atrancou con total impunidade o camiño vello xunto á Ponte de
Xancabo, ao achaiar a caixa do vial público para o incorporar a unha finca da
súa propiedade, actuación que só afecta a uns cantos metros da vía pública e
que resulta claramente recuperábel, con reposición da legalidade.
8.1.2. Non é admisíbel que
a administración galega, no canto de sinalar, rozar e liberar de atrancos a
vella traza (de só uns 300
metros de percorrido, polo travesío máis cómodo, aínda
con restos do primitivo enlousado), propoña malgastar fondos públicos nun
desvío do camiño montaña arriba e ao traveso dunha pista afirmada con grava,
introducindo un cambio radical na traza histórica, desvío completamente
artificial que engade un considerábel aumento quilométrico por unha empinada
derivación sen lóxica camiñeira.
O camiño medieval é un
fermoso treito viario, con amplas vistas no descenso cara o río Lagares, un
vieiro aínda virxe na súa estrutura e rodeado de monte veciñal. No punto máis
alto permanece atrancado mediante unha cancela para impedir que saia o gando
dun prado sen fechar e que presuntamente ten como obxectivo engulir o paso do
Camiño, sobre cuxa caixa foi levantado un muro de entullo que entorpece o paso
a carón da Pena Ferrada, pequena rocha cunha gravura que o vulgo identifica coa
ferradura do cabalo de Santiago, dando lugar non só ao topónimo senón mesmo a
unha fermosa lenda xacobea que cómpre recuperar para a tradición camiñeira a
Compostela.
8.1.3. Xa no río Lagares, o
camiño pasaba sobre unha antiga ponte que tivo fábrica de madeira, a Ponte de
Xancabo, agora de formigón. Un paso
sombreado de vexetación de ribeira, sobre as augas troiteiras. Aquí están as
fincas do Chousón, que se anegan de auga no inverno, polo que é preciso manter
limpos os augueiros que drenan a enchente e así impedir que o camiño se anegue
durante varios meses. Este treito histórico do Camiño Primitivo conservou a
calzada empedrada até hai ben pouco tempo, sendo ensanchado recentemente na
subida á igrexa de Vilamor.
Todo este treito de vía,
pintoresco e tradicional, está contemplado de xeito erróneo na proposta de
delimitación que afecta á Pedrosa. Recentemente, as asociacións, entidades e
investigadores que constitúen o Foro do Camiño Primitivo realizaron traballos
de campo no lugar, tendentes ao recoñecemento, limpeza e recuperación integral
da calzada histórica que pasa sucesivamente polos lugares de Santiago de
Vilouriz, A Pena Ferrada, Monte da Pedrosa, Ponte de Xancabo sobre o río
Lagares, O Chousón e a igrexa de Vilamor, en sentido descendente, vía e
territorio orixinario a favor do cal se alega, rexeitándose completamente a
desviación proposta na delimitación oficial conforme aos argumentos expostos.
8.2. Unha maior precisión
cartográfica na proposta oficial permitiría situar a necesidade de recuperar a
caixa do camiño antigo que discorre en paralelo á esquerda da estrada no
entorno do lugar significativamente coñecido como O Francés, no tránsito de
Vilamor á Ponte da Pedra.
9. CONCELLO DE MELIDE
9.1. O coñecido como Camiño
da Martagona non só foi a única vía de acceso do Camiño de Ovedo á vila de
Melide até épocas recentes, senón que se trata do traxecto máis curto e
rectilíneo de oriente a occidente desde a Ponte de Pedra (nos límites co municipio
de Toques), constatándose a súa entrada no núcleo urbano desde tempos remotos,
para o cal se ergueu un popular pontillón de dous treitos sobre o rego de
Pedrouzos, probabelmente con laxas procedentes da cámara dunha mámoa próxima,
cerca dun importante muíño do século pasado.
Trátase dun antigo vieiro
do que se conservaron empedrados próximos ás vivendas até os anos noventa do
século XX, transitando por un vasto campo de mámoas que conduce de xeito
paralelo ao río Furelos deica a popular encrucillada denominada Cruceiro dos
Pelegríns. Con seguranza, esta vía representa o camiño prerromano que pasa
entre unha agrupación de mámoas e sobre o que se asenta a calzada medieval do
primeiro camiño das peregrinacións que penetraba no núcleo histórico de Melide,
utilizado intensivamente na comunicación coas parroquias do norte e do leste
até a actualidade.
O desvío cara o norte, pola
Ponte da Mera e San Salvador de Abeancos, sobre a actual pista asfaltada, tende
máis a obedecer á dinámica propia das calzadas romanas, guiadas a media ladeira
e paralelas aos núcleos de poboación intermedios aos pontos de arrinque e de
chegada, dado que as súas motivacións estratéxicas (alcanzar a mansión de
Iria), militares e mineiras nada tiñan a ver cos obxectivos afíns aos camiñantes
medievais, por tanto, a delimitación proposta contravén toda lóxica
camiñeira en relación coa rota xacobea e mesmo coas comunicacións tradicionais
da vila de Melide cara a Serra do Careón, toda vez que –aínda máis- precisa
virar radicalmente e marcha atrás para encarar a Avenida de Toques e de Friol,
realizando un quebro moi forzado para entrar na rúa Calvo Sotelo en sentido
contrario á tendencia natural de entrada pola Martagona deica o vello hospital
e convento de Sancti Spiritus, sempre cara poñente na dirección lóxica e
constante do camiño de longo percorrido que a fin de contas é a vía
compostelana.
En definitiva, xa a
precaria itinerización realizada por volta de mediados dos noventa ten sido
dabondo contestada nos ámbitos culturais melidenses por canto ten suposto unha
deriva moi forzada no tránsito do Camiño de Ovedo por estas terras, motivo polo
cal resulta a todas luces rexeitábel a omisión absoluta a que foi sometido o
vello camiño da Martagona -desde o Cruceiro de Pelegríns- no proxecto oficial
de delimitación, vía que o Xacobeo derivara cara o norte no canto de seguir a
pegada da rota tradicional en sentido rectilíneo, na máis pura lóxica da
camiñería histórica medieval, para ir dar no núcleo urbano coa rúa Martagona, a
igrexa de San Pedro e o cruceiro que pasa por ser o máis antigo da nosa terra,
desembocando igualmente na rúa Camiño de Ovedo e na praza do Convento, xunto ao
concello e o antigo hospital, hoxe Museo Terra de Melide, argumentación teórica
que cómpre recoller por máis que o antigo Camiño da Martagona fose seriamente
afectado polas obras de apertura e urbanización da moderna estrada, feito que
non é suficiente para borrar da memoria dos lugareños a realidade viaria
antiga, aínda mantendo como alternativa a proposta oficial derivada ao norte do
núcleo histórico melidense.
Por todo o
dito, SOLICITO:
1.
Que se corrixan as numerosas
deficiencias detectadas na Proposta oficial de Delimitación do Camiño
Primitivo, tanto na identificación da traza como na protección do seu
territorio histórico.
2.
Que, á vista das numerosas
deficiencias observadas, se proceda a reabrir un novo período de consulta
pública, debate e reflexión sobre o proxecto exposto e que, por seguinte, se
amplíe tamén o período de alegacións.
3.
Que, no caso de que non sexa posíbel
resolver as deficiencias detectadas na proposta de delimitación exposta en
canto aos criterios legais de delimitación e á identificación rigorosa da traza
e do seu territorio histórico, se proceda á súa anulación de oficio e á
formulación dunha nova proposta oficial que cumpra coas esixencias do bloque
normativo aplicable aos camiños de Santiago.
En Lugo, a 4 de outubro de
2012
[1]
Citando a Arturo Soria y Puig: “Que un procedimiento tan laborioso
no proporcione certeza, sino tan solo probabilidades, puede parecer
decepcionante e indigno de estudio serio. Sin embargo, nadie apeo a la física
cuántica de la categoría de ciencia por aceptar el principio de incertidumbre y
adoptar consecuentemente un enfoque probabilístico. Por otra parte, si en la
búsqueda de la certeza solo consideramos las vías avaladas por restos
arqueológicos inequívocos, nunca podremos formarnos una idea de las redes. En
suma, a más certeza, más fragmentaria será la visión de la red y si por huir de
esa visión fragmentaria, abordamos de frente la reconstrucción de redes, hemos
de habérnoslas con probabilidades o hipótesis que quizás sean en su día
confirmadas o desmentidas por hallazgos diversos.
..//..
El procedimiento
indirecto y probabilístico esbozado tiene dos ventajas. Por un lado permite
datar, aunque sea probabilísticamente, no ya el uso del camino, lo cual puede
hacerse a veces apelando simplemente a documentos medievales, sino de conjuntos
de ellos, o sea, redes. Por otro lado, para datar el uso de las redes nos vemos
obligados a reconstruir la manera en que cada
civilización ocupó el territorio. Vista así, la historia de los caminos es
inseparable de la historia del territorio o de una visión territorial de la
historia”.
[2] “La extensión de 30
metros de protección a ambos lados del Camino de
Santiago no puede ser considerada como zona
de amortiguamiento. Creemos que se trata del área principal”. Cfr. Alberto Martorell
Carreño, “Buffer zones as a tool for protecting world heritage sites: the
case of the heritage routes”. Citamos pola tradución ao castelán deste artigo,
“Las zonas de amortiguamiento como herramienta para proteger los sitios del
patrimonio mundial: el caso de los itinerarios culturales”, en E-Journal de ICLAFI-ICOMOS, xullo de 2009, p. 119,
accesible en liña no site:
No hay comentarios:
Publicar un comentario