Por
Ricardo
Polín
Doutor en Filoloxía Medieval e historiador
Polo interese e respecto á verdadeira historia do Camiño Primitivo ao paso polo noso Concello de Castro Verde, publicamos este esclarecedor artigo do socio e colaborador da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.
Entrados no século XXI cómpre un alto no camiño para facer balanzo. A festa rematou. É agora cando vén a conto invocar o título 1 da lei do 96 de protección dos camiños a Compostela e a súa precisa e oportuna definición (ad pedem litterae) como “ben de interese cultural”. Catro palabras que valen o seu peso en ouro, tanto máis se somos capaces de as facer extensíbeis ao conxunto da camiñería histórica do país, un nobre obxectivo que sen dúbida está no cerne da valente proposta que somete a debate o Consello da Cultura Galega nestas xornadas, respondendo oportunamente aos seus propósitos fundacionais.
Cabe lembrar que aquela fora unha norma pensada ad hoc para o que se deu en chamar “Camiño Francés”, a vía
mesetaria primada e potenciada de xeito omnímodo polo poder, mesmo ao punto de
ser contemplada no texto legal como “ruta principal”, cualificación que –andado
o tempo- se nos antolla claramente innecesaria e contraproducente, ao
introducir unha evidente distorsión xerarquizante no que ten a ver co enfoque máis
universal e acaído ao que significa empiricamente o conxunto da cultura
camiñeira atesourada por pobos antigos en constante comunicación e cuxas
calzadas milenarias non son máis que as cicatrices da historia que séculos
despois mostran sobre o terreo a maneira en que os devanceiros aprenderon a
solucionar os seus problemas esenciais de asentamento e supervivencia.
Era inútil pretender poñerlle portas ao campo. Inmediatamente xurdiron
voces reclamando os dereitos históricos de “outros” camiños de longo percorrido
cunha forte tradición odepórica. Claro, as rotas xacobeas non emerxeran por
xeración espontánea, senón por aproveitamento do que en realidade era a nosa
estrutura de comunicación internacional, civil, unha realidade complexa e
racional que non se podía obviar, camiños francos, de libre tránsito e dominio
público, de carácter demanial, nun plano xurídico igualitario. Forzábase así o
recoñecemento oficial na lei do 96 para o que a regañadentes se dera en nomear
co eufemismo de “vías secundarias” ou “alternativas”, subterfuxios utilizados
como unha mera concesión a “outras rutas”, movéndose o lexislador nun difícil e
proceloso equilibrio que a fin de contas desembocaba no artigo 1.2 recoñecendo
o carácter plural do Camiño por antonomasia, como concepto xenérico, ao aceptar
a protección das “rotas históricas recoñecidas documentalmente”, expresión que
na súa estrutura profunda viña dar conta dun feito camiñeiro que hoxe abordamos
con mentalidade moito máis aberta e universal.
Estamos convencidos de que o proceso nacía viciado en orixe: pretender
un tratamento exclusivo dos camiños con tradición peregrinatoria á catedral
compostelá, sen atender ao feito constatado de que –malia a sobreexplotación-
en realidade esas vías xacobeas non son máis que unha parte indisociábel do nó
gordiano da vella rede viaria á que lle atribuímos un especial carácter
histórico, desa tea de araña que foron tecendo distintas xeracións de xentes
camiñantes: un tecido baseado na experiencia e, por tanto, moi ben asentado na xeografía
humana e oportunamente inserido sen feridas na paisaxe cultural, dado que a
tradición fai aos humanos temperados nas ideas, como diría Julio Caro Baroja.
Entendemos que se perdeu unha grande oportunidade para ter redactado
unha verdadeira “lei de protección dos camiños históricos” como elementos
relevantes do patrimonio cultural do país, desbotando esa idea maquiavélica que
pretende explotar en exclusiva a marca “Camiño de Santiago” como
plenipotenciaria, resultado de ter posto na teoría xurídica o carro diante dos
bois. En consecuencia, o artigo 4 da lei do 96 coidamos que debería ter sido
formulada no sentido de admitir que os camiños vellos constitúen un ben de
dominio público de carácter cultural incluído na categoría de territorio histórico,
con aplicación da lexislación xeral galega nesta materia e cos graos e niveis
de protección a estudar en cada caso concreto. De aí derivaría a norma
específica “dos camiños de peregrinación”, non á inversa. Por iso felicito ao
CCG polo seu enfoque aberto e multidisciplinar cara o patrimonio camiñeiro.
De certo, logo de se ter reservado inxentes cantidades de diñeiro
público para o Xacobeo, a conclusión é que a operación mediática montada en
torno a esta cuestión foi devorando a súa esencia e poñendo en risco os
fundamentos do seu “éxito”, devaluando mesmo o propio concepto das
peregrinacións, de tal meneira que o valor a protexer xuridicamente se foi
diluíndo nas desenfreadas ansias especulativas e publicitarias, con
consecuencias tan graves como a urbanización salvaxe da paisaxe rural e
tradicional na que foron inseridos os nosos camiños desde tempo inmemorial.
Nacían os “turigrinos”...
O máis lamentábel é que se perdeu tamén a oportunidade de coller aínda a
tempo boa parte da nosa camiñería histórica. Neste cuarto de século que media
desde entón, a “resurrección” dos anos santos non impediu que finasen mudas as
derradeiras testemuñas orais da cultura camiñeira, os últimos viaxeiros de a
pé, os que transitaron as vereas e corredoiras que fomos enterrando nestes anos
da farándula en que a administración tirou para adiante sen verdadeira vontade
protectora, tomando decisións curtopracistas que adoitan crear situacións
imprevisíbeis, maiormente asentando falsos itinerarios por todas partes,
indefendíbeis no plano empírico-científico e inabordábeis no ámbito xurídico da
protección cultural, só xustificábeis pola presión especuladora que a fin de
contas ten esmagado en gran medida a esencia espiritual e simbólica dos vellos
camiños.
Pois ben, é nesa carreira sen retorno onde
prende a obsesión polos grandes investimentos públicos realizados sobre un
feito en si mesmo sobrio, austero, frugal, severo, por veces penitente,
ascético, místico ou retirado. E fóronse inzando de simboloxías turísticas os
camiños vellos de longo percorrido, urbanizándoos, innecesariamene
artificializados. A consecuencia é obvia: languidece o patrimonio camiñeiro
tradicional, as derradeiras calzadas no sentido pleno da expresión. (Aínda
lembro hai vinte anos os camiños decimonónicos que viñan do Medioevo balizados
de paus-fitos contra a néboa, con pedras-fitas facendo de marcos lindeiros, e
os túmulos, árbores de ritual, camposantos e necrópoles civís á beira destas
vereas con sabor antigo... un rico acervo cultural engulido pola maré
“peregrinatoria” medida a golpe de estatísticas oficiais que consolidan novas
sendas (lonxe do valor simbólico esencial da calzada como ‘camiño andado por
outros, tempo atrás’), unha nova estratexia apartada do teórico espírito
protector da lei do 96.
Bon exemplo deste desenfoque é a maneira en que o reflicten as exitosas
“guías” (“para peregrinos”), mesmo autocualificadas como “práticas”, para
ocultar a súa ausencia de indagación cultural, histórica ou espiritual, inzadas
de recomendacións culinarias, estratexias consumistas e de ocio. Vai embora o
sentido da rusticidade e o trato delicado cara o ambiente, o avance no
coñecemento da terra humanizada conforme a experiencia atesourada nos camiños,
facéndoa invisíbel até que non fique ninguén para aguantar dos nomes (Uxío
Novoneyra na lembranza!).
Con este vasto panorama e o beneplácito expreso ou tácito dos organismos
creados a tal efecto, fóronse alimentando eses proxectos de “adecentamento”, de
“mellora”, disfraces verbais para enmascarar actuacións públicas e privadas impresentábeis,
obras innecesarias resultado dunha concepción atrasada –subdesenvolvida- do que
significa o progreso e a mellora das condicións de vida e a sustentabilidade,
algo propio de mentalidades instaladas no despilfarro por conta da paisaxe, o
imperio do cemento e da urbanización contraria ao espírito da lei de
protección. Simplesmente un dato ben elocuente: malia a doutrina creada para
ese fin, non foi recuperado praticamente nen un só metro de camiño público con
valor histórico ocupado nas últimas décadas. Esta é a outra cara do “fenómeno
xacobeo”.
Mais, aquí e agora prodúcese o feito realmente preocupante: xa non era
posíbel adiar o proceso legal relativo ao documento-base previsto pola lei do
96, o D.N.I dos camiños históricos a Compostela, as delimitacións oficiais
eternamente preteridas por intereses (ou “desintereses”) políticos, xa
superadas por algúns planeamentos municipais cos que entran en contradición e
claramente apremiadas polas declaracións da UNESCO, emitidas ou á espera das
mesmas.
Estes novidosos documentos que se deberían ter aprobado hai máis dunha
década para evitar males maiores, están no punto de mira de numerosos sectores
sociais por seren pioneiros no que atinxe á cultura camiñeira de carácter
histórico e porque da súa resolución depende en boa medida e por extensión, o
ser ou non ser da protección dos camiños vellos e do seu territorio de
influencia, a súa explicación, valoración e orientación futura. Un labor que
–tal e como se prevé na lei do 96- só se pode entender desde o respecto ao ADN
das antigas vereas e onde non cabe a programación caprichosa de “roteiros á
carta”, tal e como ao noso entender se está a facer, consolidando baixo o
abeiro do paraugas oficial numerosas fraudes itinerarias e patrimoniais que xa
cumpren vinte anos sen seren rectificadas e que, por tanto, fóronse asentando e
mesmo teñen vocación de permanencia e ansían conseguir o marchamo de
“autenticidade”, logo do gravoso precedente do acontecido en torno ao famoso
conflito co polígono industrial d’O Pino, a eterna loita entre o “ter” e o
“ser”, entre o “prezo” e o “valor”.
O xeito en que se está a producir a proclamación destas delimitacións,
ao noso entender supón unha preocupante perversión do sistema xurídico e
democrático que nos temos dado e boa proba delo son os argumentos de contestación
emitidos pola Consellaría de Cultura en resposta aos recursos contrapostos ao
documento de delimitación da vía primitiva a Compostela, aos que no sucesivo
nos remitiremos e dos que se desprende a aparición dun novo “dicionario”
interpretativo da lei de protección, certamente alarmante no plano cultural:
acusar pexorativamente de “afán recreacionista / historicista” aos máis grandes
valedores da integridade dos camiños históricos, de facer interpretacións
“froito de ensoñacións persoais”, de recorrer a práticas acientíficas “próximas
á falsidade documental” sobre a base de que o erro central dos recorrentes está
en pretender “reconstruír” un camiño medieval, coa desculpa de que os camiños
citados nos documentos non se poden levar á cartografía ou planos parcelarios
sen acudir ás vías existentes (estradas?), da imposibilidade de saber se por
eses camiños transitaban peregrinos e para onde ían (esquecendo a lóxica
racional e polivalente dos camiños históricos de longo percorrido), reducindo
ramplonamente o mapa camiñeiro a unha simple “coletánea de pequenos treitos de
camiños separados entre si por séculos”, a meras “hipóteses especulativas”
(que, curiosamente, nunca se comproban) ou “creacións” baseadas en camiños
tradicionais, de que as trazas “orixinais” son “paradigmas interpretativos
imposíbeis de determinar cartograficamente xa que os camiños son anteriores ao
fenómeno xacobeo e poden levarnos mesmo ao Neolítico...”, rexeitando así a
posibilidade de recuperar a traza dos camiños vellos alí onde o permiten as
fontes documentais e arqueolóxicas, co pueril argumento de que as
reconstrucións historicistas ou arqueolóxicas están prohibidas pola UNESCO e
van contra os criterios patrimoniais... son terminoloxías deprimentes que nos
producen desasosego, arrepío e malestar aos que sabemos que esta cantinela
adoita ser utilizada como coartada para non dar pasos á fronte, con pulso
firme, na recuperación do noso acervo cultural, nomeadamente en materia tan
sensíbel como a deturpación e profanación dos itinerarios que conectan ao noso
pobo co seu propio pasado e a memoria das súas xentes.
É sobradamente coñecida esa estratexia
evasiva consistente en derivar cara os valores intanxíbeis ou inmateriais todo
o peso argumentativo no que atinxe á defensa do territorio con claro valor histórico,
de aí que -nesta réplica recente da Consellaría de Cultura ás alegacións que
rexeitan a delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago por
impresentábel- se apele máis unha vez a paradigmas como o da continuidade
baseada en conceptos puramente antropolóxicos, dos que se fai unha auténtica
divinización ao consideralos como “integradores, interdisciplinares e
modernos”, xustamente porque “fuxen das recreacións especulativas e da
fosilización dos bens”, cincunloquio que a ninguén se lle oculta que pretende
canear ou agochar o dilema esencial que é a recuperación da trama física da
calzada de dominio público e dos seus valores asociados, inhibición
administrativa e política que se intenta encubrir a toda costa tomando como
valor esencial dos camiños de peregrinación –e por ende da camiñería histórica
no seu conxunto, que é o máis preocupante- todo o que teña a ver co inmaterial
de raíz etnolóxica ou antropolóxica (conceptos que adoito se confunden co
etéreo, coas formas inmaculadas ou as expresións teóricas diluídas na capa
gaseosa ao non contaren co soporte físico que se pretende esquecer...).
Nesta enrevesada dialéctica, evidéncianse interesadas contradicións:
a)
Se de por parte se recoñece unha verdade meridiana como é o feito constatado de
que o camiño histórico non se manteña estático, senón como resultado xustamente
do proceso histórico que engloba, da súa diacronía... admitíndose
implicitamente que hai unha solución final que foi chegando aos tempos modernos
e que é a suma de distintas sincronías ou estadíos concretos, e que ese
resultado final é á súa vez unha calzada antiga que alcanzou a nosa
civilización e que responde a unha toponimia ben definida e a unha traza previa
á construción das estradas decimonónicas e posteriores... por outro lado
denóstase a historicidade (por certo, primeiro VALOR nos inquéritos a
verdadeiros peregrinos) tachándoa de “fosilizante” (entendemos que se pretende
facer sinónimo de “inútil” e mesmo “incordiante”...).
b)
Se por unha banda se basea todo o interese da autenticidade do valor a
preservar no feito de ser identificado ou asumido polos seus portadores
(UNESCO), por outra renégase do camiño vello cando convén non abrir a espita da
reversión en ocupacións (obsérvese que non falamos de “expropiacións”, termo
claramente inapropiado) e entón apélase desde as instancias oficiais á
metodoloxía etnográfica como único recurso ou –concretando en “román paladino”-
á exaltación da sacrosanta fotografía aérea do voo americano do 56-57 que
–curiosamente- non enxerga treitos significativos da vía antiga que temos visto
ao natural e mesmo andado moitas persoas que entón xa eran anciás ou que aínda
non tiñamos nacido.
Nas delimitacións oficiais que se publicitan con toda a carga
propagandística propia do traballo mal feito que precisa de adobíos, admítese
sen rubor a habilitación de vías funcionais “á carta” coa sempre doada desculpa
de “facilitar o tránsito”, actuándose con total subxectividade no canto de
primar a investigación dos treitos de calzada histórica ocupados, as súas
causas e solucións acaídas no plano cultural, recorréndose por sistema ao
subterfuxio da suposta característica de “revisábel” que “teoricamente” posúe o
proxecto oficial e que, na prática, todos sabemos cales son –andado o tempo- as
consecuencias dunha traza asentada en falso, mesmo cando se trata de realizar
desvíos “a lugares de interese” aos que supostamente lles toca a lotaría... Non
é serio.
Porén, onde fica a adopción de medidas cautelares que xa deberan ser
adoptadas hai décadas? As consecuencias deste despropósito son tan obvias como
numerosas: desprotección xurídica do territorio histórico abandonado á súa
sorte, feísmo, deterioro da rede camiñeira, perda de señas de identidade do
conxunto da cultura camiñeira de carácter histórico e desmoralización
xeralizada dos sectores sociais implicados na defensa do patrimonio. Unha
administración pública democrática non debera funcionar así: como se pretende a
nivel xurídico que estas alternativas presuntamente fraudulentas e artificiosas
se acollan ao criterio de “autenticidade” definido pola UNESCO, se
paralelamente se rexeita iniciar o proceso de reversión do paso antigo das
nosas calzadas conservadas até a apertura das modernas infraestruturas de
comunicación terrestre?
Pois non será porque o título 1 (“Da natureza do Camiño”), expresamente
no artigo 2, da lei de protección do 96, non sexa ben claro a este respecto: “A
natureza demanial do Camiño esténdese aos terreos que ocupa e aos seus
elementos funcionais. Con independencia do proceso de delimitación do Camiño
previsto nesta lei, a súa anchura virá constituída por unha franxa de polo
menos tres metros nos casos en que fose necesaria a súa recuperación (...).
Adquirirán igualmente natureza demanial os tramos que se vaian recuperando do Camiño
histórico que estean aínda en mans privadas. Mentres non se recuperen
constitúese unha servidume pública para o paso do Camiño sobre propiedade
privada dunha anchura de tres metros...”.
Mais como a consigna semella ser “non se meter en camisas de once varas”
e tirar para adiante como sexa..., volve a insistirse na entelequia da
tradición e a transmisión (UNESCO, 1994) exclusivamente no referente aos
aspectos inmateriais (pásmense!) “do patrimonio vivo, non fosilizado”,
pretendendo desvirtuar a norma con interpretacións tan rebuscadas como a
suposta pretensión dos reclamantes na “reconstrución” como método a aplicar
semellante ao utilizado no caso de barrios históricos, argumento tan pueril que
cai polo seu propio peso, tratándose do obxectivo de facer transitábel un
itinerario físico, unha servidume de paso... Mal se compadece esta demagoxia co
recoñecemento xurídico dos camiños vellos, da súa traza e elementos funcionais,
antes da fractura do último terzo do século XX, e nada máis lonxano desa acusación
de pretender facer reconstrucións baseadas en hipóteses, cando ao outro lado
non hai simplesmente nada.
A este propósito, entendemos que resulta apremiante saír dos despachos,
supeditar métodos burocratizadores ao imprescindíbel traballo de campo, o cal
inclúe a conversa demorada cos habitantes indíxenas que atesouran unha cultura
centenaria dos camiños, e logo dar pasos decididos para inventariar, catalogar,
protexer, recuperar, divulgar... Hai unha distorsión evidente, un punto de
inflexión filosófico, cando se afirma literalmente que “A autenticidade debe
ser establecida na base contextual antropolóxica que explica os procesos de
creación da paisaxe cultural...”, ou que “as fontes documentais preponderantes
deben ser de natureza etnográfica e subsidiariamente ou complementariamente
históricas...” (os subliñados son nosos), o que leva á administración cultural
galega a acusar aos alegantes de “modelar tratados a gusto do investigador”
desde o momento en que o enfoque é diverxente no tratamento do medio físico, do
patrimonio material, obxectivábel, na relevancia concedida á traza das
calzadas milenarias como factor determinante na constitución da nosa faciana e
estrutura territorial.
Se a nivel
oficial os camiños históricos pasan a ter no inmaterial o seu valor estrutural
máis importante (unha alma sen corpo) e se a Consellaría de Cultura ten asumido
que “o valor está no presente vivo” (non no pasado) e que ese pasado histórico
é “un fetiche inerte obxecto de contemplación...”, ao consideralo como “non
vivenciado”, “non funcionante”, haberá que empezar a preguntarse quen se
encarga de pór en valor e facer visíbel o territorio histórico? (talvez o
paisano que adultera o percorrido dun camiño francés a golpe de brocha para
favorecer os seus intereses especulativos, convertendo en “viva” e “actuante”
dita falsificación agora bendecida por unha delimitación oficial máis que
cuestionada? Véxase o acontecido, por exemplo, na aldea de A Viña, en terras
lucenses dos fazais).
Ao cabo, ese
modo de proceder tan anacrónico, conduce a unha perversión tal como pretender
convencer aos administrados de que é máis positivo (para quen?) derivar os
camiños históricos a estradas e pistas artificiais, con posteriores
investimentos de fondos públicos na realización de obras paliativas que
garantan a seguranza do paso peonil por esas modernas infraestruturas, no canto
de investigar a ocupación das vellas vereas e proceder en consecuencia, como
marca a lei. Nesas condicións non é posíbel aprobar con garantías unha delimitación
oficial seria, tanto máis desde o momento en que xa o título preliminar da lei do 96 contempla o
obxectivo de recuperar, conservar e mellorar os itinerarios históricos, aspecto
decisivo para determinar o réxime urbanístico do Camiño, dos camiños, e das
súas áreas de amortecemento, de cautela e protección.
Indignémonos: cando os alegantes contra a delimitación oficial da vía
primitiva a Compostela reclaman a recuperación da calzada histórica que conduce
ao hospital de peregrinos de Santa María de Gondar (arquidocumentado) e que veu
sendo ocupada por fincas da propia casa nos vinte últimos anos, feitos dos que
somos testemuña, e que mesmo se proceda a algo tan elemental como facer unha
peritaxe arqueolóxica e incluír dito casarío actual no territorio e patrimonio
do Camiño, no canto de desviar este á estrada próxima, adulterando o acceso á
Costa Francesa, a contestación é tan elocuente como a seguinte: “Consideramos
que é mesmo frívolo reclamar a reversión de procesos que o devir da historia e
dos tempos deu por finalizado...”. Sen palabras.
Dúas décadas despois, as nosas cámaras municipais seguen sen inventariar
os camiños públicos, sen catalogar e mirar de protexer as calzadas históricas
que modelaron a súa paisaxe e asentamentos, permitindo o seu deterioro
acelerado ou perda definitiva. A lei debe ser sensíbel a esta realidade social,
primando a dimensión cultural e identitaria dos camiños de antes, abandonando a
visión paifoca que sobre os mesmos ten enraizado na mente das nosas xentes como
símbolo de atraso, escravitude e isolamento. A casuística é simplesmente
escalofriante!
Don Ramón Otero Pedrayo aseveraba que “canto máis temos andado na vida,
máis amor temos aos camiños”. Pois ben, o trato concedido ás antigas vereas, ás
arterias dun territorio secular, dá fe do nivel cultural e dos valores humanísticos
da sociedade que os substenta. Son as pegadas dos viais de tránsito
interxeracional e interterritorial, que trascenden á nosa visión afectiva, os
camiños do corazón. Tal é o respecto á historicidade que está en cuestión na
delimitación e axeitada protección dos camiños vellos, dos de antes, para os
que reclamamos a súa identidade civil. E tamén a demanda de indulto para as
derradeiras corredoiras deste noso pobo, porque con elas vai o noso destino.
En Castrum Veride, camiño primitivo,
primavera de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario