Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

15 diciembre, 2013

Roteiro MONTE DE BIDUEIROS e outros lugares


Parte dos camiñantes diante da casa de Fidalgo


Arredor das 10:00 h. saímos de Queizán de Arriba onde visitamos a igrexa e ás tumbas antropomórficas pegadas ao cemiterio, supoñemos que este lugar, pola súa situación foi un castro. Polo lugar de O Fontao camiñamos polo Monte de Bidueiros en dirección á Pena do Picato, mais non chegamos a subir e baixamos a Queizán de Abaixo, pasando polo fermoso lugar de Caxín, en estado de semiabandono, temos que chamar a atención do lixo que encontramos antes de entrar no lugar, cuestión coa que nos encontramos  nos diferentes roteiros que facemos.

De Queizán de Abaixo  pasarmos das Terras do Corgo ás de Castro Verde, con todo, non esquezamos que estamos en Terras do Chamoso. De Queizán de Abaixo en dirección a Gracián, visitamos o muíño e mazo de Andrés, mágoa que este conxunto estea en situación de abandono, desde o muíño fomos  ao lugar de Liñar Longo, onde se enlagaba o liño e se afiaban os fouciños da sega e outras ferramentas de traballo que se facía na ferrería do mazo.

Desde aquí voltarmos ao camiño de Gracián, onde visitamos a casa do Fidalgo, capela e hórreo en ruínas e Fonte das Ninfelas. De Gracián tiñamos pensado ir a Santa Xuliana e continuar camiñando  ao pé do Monte Canteira dos Bidueiros, pero os tiros dunha cacería fixéronnos cambiar de ”ruta”, tendo pensado achegármonos a Arcos (San Paio), polo camiño do Lóngaro; de novo as descargas e avistamento de cazadores fíxonos retroceder tendo que camiñar pola estrada de Gracián-San Paio, polo lugar do Canteiro, o que nos evidencia que estamos en terra de canteiros.

O cambio de “ruta” serviunos para visitar as cruces e cruceiros desta parroquia que ten un total de trece, o que nos fai pensar nun Viacrucis. Chamamos á atención desde aquí  que estas cacerías deberían estar anunciadas e sinaladas dalgún xeito. Rematando deste xeito o roteiro e percorridos deste ano que está a piques de rematar. Agradecer as explicacións de Ánxela Gracián, socia e vogal da Directiva da Asociación.

Boas Festas
Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz

No hay comentarios: