Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

03 abril, 2014

O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO RECORRE NOS TRIBUNAIS A DELIMITACIÓN DESTA VÍA HISTÓRICA A SANTIAGO

NOTA DE PRENSA

Lugo, a 1 de abril de 2014.- 
O Foro do Camiño Primitivo, agrupación constituída por diversas entidades, colectivos e investigadores vinculados con esta vía histórica a Compostela, impugnou o decreto de delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago (267/2012, de 5 de decembro), mediante recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
  O Foro do Camiño solicita o amparo dos Tribunais por entender que a delimitación oficial da vía xacobea máis antiga atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural, principios elementais atinxidos na lei de Protección dos Camiños de Santiago (1996) e nos itinerarios contemplados pola UNESCO como patrimonio mundial para delimitación dos camiños a Santiago.
O Foro tamén constata un claro abandono por parte da Consellaría de Cultura do mandado legal de recuperación da traza orixinaria dos camiños de peregrinación, adulterando de xeito drástico a definición do seu territorio histórico e deixando sen a debida protección xurídica gran parte dos seus valores culturais e ambientais. A través deste documento, a Consellaría de Cultura verifica a súa renuncia a investigar, recoñecer e recuperar as calzadas presuntamente apropiadas ou invadidas.
A delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada en decembro de 2012 constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia retidos na nosa memoria colectiva e traiciona o sentido simbólico, identitario e conceptual do propio Camiño.

CONSECUENCIAS DUNHA DELIMITACIÓN FRAUDULENTA
A Consellaría de Cultura está a situar torpemente o centro das súas políticas públicas en relación coa peregrinaxe tradicional a Santiago unicamente nas perspectivas turísticas e comerciais, relegando a protección patrimonial a un nivel anecdótico. As consecuencias deste desenfoque de obxectivo estanse a ver, non só na maltreita delimitación do Camiño Primitivo, senón na falla de protección de todas as vías históricas con destino a Compostela.
Baste consultar os medios de comunicación para decatarse que a falta de tutela que está a exercer a Xunta sobre valores históricos dos Camiños a Santiago está a crear conflitos na sociedade e confusión na comunidade de peregrinos. Póñanse como exemplos, a indefensión coa que se atopa á veciñanza de Sarria que, nunha loita exemplar, reivindica a preservación dos valores propios do Camiño Francés; ou o deseño dun “Camiño á Carta” no proceso de delimitación histórica do Camiño Norte, supeditando o seu trazado a interese espúreos e especulativos favorecidos polo oportunismo político na procura de votos.
A Xunta está a favorecer descaradamente o esquecemento das rutas históricas e do seu territorio. Premia os neotrazados apócrifos desenvoltos a partir dos anos noventa e mantidos até hoxe por presións políticas e intereses privados, desviando o itinerario por lugares que evitan conflitos co planeamento urbanístico, con infraestruturas ou fincas particulares, mais que nada teñen a ver co rigor científico que se reclama e cos principios da Carta de Itinerarios Culturais de ICOMOS.
No caso da Vía Primitiva, as irregularidades son abondosas en todo o percorrido: falsificación da vía na entrada e saída da cidade de Lugo, ao paso polo burgo medieval de Castro Verde, a omisión do acceso á vila de Melide polo camiño prerromano da Martagona, apropiacións da vía histórica en Paradavella, A Matanza, Vilalle, camiño real de Vilabade, Mesón de Fraiás, Carballido, A Viña, O Alto,  San Vicente do Burgo, A Retorta, etc., ou o non recoñecemento da conexión coa trama de vías transversais e o seu patrimonio histórico, incluído o intanxíbel.  
Ao mesmo tempo, ponse en risco a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial da Humanidade. Esta proclamación, tramitada en 2007 e presentada a finais de 2012 polo Consello de Patrimonio Histórico do Reino de España, agardábase para o vindeiro ano. Pero este proceso vese agora atrancado pola propia Xunta ao delimitar un trazado físico-lineal pouco coherente coa  existencia dunha paisaxe cultural conforme coa aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.

A XUDICIALIZACIÓN DOS CAMIÑOS HISTÓRICOS
O recurso-contencioso presentado por este Foro contra a actual delimitación oficial desta vía histórica xa é o segundo recurso xudicial que a sociedade civil promove na defensa dos camiños de Santiago. Actualmente as únicas dúas delimitacións camiñeiras aprobadas pola Consellaría de Cultura, as do Francés e do Primitivo, están sendo cuestionadas nos tribunais.
Os colectivos e entidades que levamos máis de 20 anos traballando pola defensa e preservación dos camiños históricos e do patrimonio cultural e ambiental galego vémonos na obriga de xudicializar aqueles procesos de delimitación que non cumpren co requerido pola Lei e que non foron concebidos con diálogo nin participación pública, como é o caso.
Cabe resaltar que o Foro está asumindo custes, esforzos e tarefas de investigación que lle corresponden á Xunta; mentres, a Administración responde con constantes manobras dilatorias e de confusionismo para encubrir a falta de rigor no proceso de delimitación oficial. Baste lembrar que os traballos técnicos foron licitados en 2007, permanecendo paralizada a incoación do expediente até agosto de 2012, demora que ten permitido realizar toda caste de atentados.
A táctica dilatoria tamén se está a aplicar neste procedemento xudicial, iniciado por varios membros do Foro xa hai máis de un ano. Neste momento, o Foro aínda está a agardar a que a Xunta remita a documentación completa referida ao expediente de delimitación da vía histórica para poder formalizar no xulgado as fundamentacións do recurso.
  Finalmente, o Foro do Camiño Primitivo denuncia a ignominiosa actuación de órganos como o Comité Asesor do Camiño de Santiago creados por lei para a protección dos camiños históricos de peregrinación. Coa súa parcialidade, anuencia ou pasividade veñen avalando actuacións  bochornosas que destrúen os nosos elementos identitarios máis prestixiosos e desprotexen a camiñeiría histórica do noso país mediante a promoción de itinerarios alternativos desligados da tradición.

DATOS COMPLEMENTARIOS:
-O Camiño Primitivo é o segundo, logo do Francés, en obter unha delimitación oficial.
-O Camiño Primitivo ten unha antigüidade de XII séculos e está considerado como a máis antiga vía de peregrinaxe cara a Compostela.
-O Foro do Camiño Primitivo naceu en xullo de 2010 e está conformado por preto de 30 colectivos e personalidades.
-A Xunta rexeitou máis de 90 alegacións presentadas polo Foro no período de consulta pública.
-A delimitación oficial deixa sen recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal do Camiño Primitivo e  deixa fóra do seu territorio histórico máis dun cento de elementos patrimoniais asociados.
 Para máis información: Ricardo Polín: 616764447

MEMBROS DO FORO DO CAMIÑO:

Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, LugoPatrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, ADEGA, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo,Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.


REFERENCIAS:

No hay comentarios: