Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

04 marzo, 2011

O aventureiro "Juanes percorrerá desde o día 7, 6.000 quilómetros en bicicleta sen apoio"

Jesús García Juanes

01/03/2011 - El Progreso (Lugo)

"O aventureiro de Castroverde Jesús García Juanes, inicia o día 7 un reto que consistirá en percorrer coa súa bicicleta 6.000 quilómetros na pista de kárting de Outeiro de Rei sen axuda externa. Trátase dunha aventura bautizada como Reto Moto 2000, xa que o seu obxectivo inicial era enfrontarse coa súa bici a unha moto de 75 centímetros cúbicos que non podería dispor de ningún tipo de asistencia. García Juanes quería demostrar que o ser humano e a bicicleta «son máis eficientes do que pensamos», pero como ningún motorista recolleu aínda a luva, afrontarao en solitario."
 ......................................................................
(ver máis)

25 febrero, 2011

Miscelánea

Dúas aceas con pedigree, ambas no río Azúmara


Diante do muiño da Laxe  (Montecubeiro)

Aos animais recoñéceselles o seu “pedigree” respectivo, e ás construcións, non? As construcións teñen vida, igualmente: xenealoxía, antecedentes…, pais, en definitiva! Alguén as xerou, poñendo alma e vida, non só en facelas, senón en conservalas, en gozalas, en parilas. ¡E cantas veces foron nutricias, por xeracións, en particular os muíños e mailas aceas, conceptos diferentes, pero fundidos na acepción popular! Deles / delas saíu o pan de cada día, pero tamén a música de cada día, en particular a nosa, a dos nosos antepasados, esa dos compases 6 por 8; daquela son monumentos, monumentos monumentais, e ata diría, se non mo tomades a herexía, sacros!

A da Laxe ten dous fitos tráxicos; dalgún xeito, traxicómicos, pois no fondo dos dramas, de quen os causa, sempre hai un ridículo, unha comicidade humana. En poucas verbas:

O tío do muiñeiro actual , un solteirón moi divertido, que se non fose un home-home daría unha clásica muiñeira, retranqueira e pícara, tivo a debilidade de piropear a unha veciña que non merecía afagos. Vaidosa ela, nada máis chegar á casa do seu home, -viñera de fóra, e aínda non coñecía a retranca dos de Montecubeiro-, deulle as queixas daquel muiñeiro que…, que tentou seducila! Seica non había tal, pero a vaidosa aproveitou para auto valorarse diante do seu Otelo. Aquel Otelo, montado en cólera, con máis mala uva que cerebro, presentouse de inmediato no cuartel de Montecubeiro, e acusou ao muiñeiro da Laxe, que era máis moreno que aquel árabe que inventou as aceas, de…, roxo! A inmediata foi o seu fusilamento, e medio século despois gravaron o seu nome na pedra dos inocentes, esa que hai no campo de San Cibrao.

O outro fito foi que o prestamista que dera cartos para reconstruí-lo muíño, ¡con usura, seica!, nada máis coñecer aquel fusilamento desprazou un cerralleiro para que cambiase a pechadura, achaiando a propiedade de inmediato, sen sequera falar cos herdeiros. ¡Polo saldo, a propiedade enteira! Houbo que correr a buscar diñeiro para apealo daquel macho.


A muiñeira de Mosteiro

Aquí houbo outra…, traxicomedia? ¡Iso é o que di a miña “muiñeira”, que vola transcribo seguidamente! O que non estea conforme coa miña versión, coa que lles teño oído aos vellos do lugar, que escriba outra, se lle prace:


¿Que pasou, muiñeira,
qué lle fixeches ao troiteiro de Castro do Rei?
Señor, picoume a pedra e picouma de vez:
tanto se emocionou, tanto acelerou,
dálle que te pego, dálle que che dou,
que se lle foi o martelo…,
pola moxega!
¡Escangallamos a peneira
de tanto que peneiramos para volvelo ao seu!
Tra-la-ri-ro, tra-la-rá.

¿Que fixeches, muiñeira,
onde está ese troiteiro de Castro do Rei?
¡Señor, o que tiña que pasar, pasou:
Volveu coa cana empalmada,
e daquela deu en apañar nas troitas…,
por debaixo do meu refaixo!

¡Escangallamos a peneira
de tanto que peneiramos para volvelo ao seu!

Tra-la-ri-ro, tra-la-rá

Rapaces de Pol, vide moe-la moenda,
e de paso picádelle a pedra,
que non ten quen lla pique…,
á súa maneira!

Repicádea con xeito, por arriba e por abaixo,
punto vai e punto vén,
e non coma ese troiteiro de Castro do Rei,
que tan mal lla picou que se esfarelou!
Tra-la-ri-ro, tra-la-rá.

Xosé María Gómez Vilabella

24 febrero, 2011

ROTEIRO ARCAS DE SARRIA E AMIGOS DO PATRIMONIO

Preme na imaxe para agrandar
DERRADEIRO ROTEIRO DOS MUÍÑOS:  RODINSO- ACEA DA LAXE OU MUÍÑO DE VEIGA
SÁBADO, 5 DE MARZO DE 2011










Con este roteiro, rematamos os percorridos dos muíños que, comenzaramos o ano pasado, precisamente coa Asoc. Arcas de Sarria, comenzaremos en Rodinso ou Nabeda, dependendo do estado dos camiños.

Neste roteiro partindo tamén de Rodinso, polo camiño que vai ao pé da serra da Atrevida e Agro do Campo, dirixímonos á  zona norte do municipio cara a ladeira da serra do Miradoiro polos lugares de Nabeda e Teixeira, nun ascenso duns 200 metros nun quilómetro, aproximadamente. A serra fai honor ao seu nome cunhas fermosas vistas sobre o poñente e sobre os vales de Castroverde. Baixamos en dirección ás aldeas de: O Gruñedo, Maceda, Vilarín e As Cabozas. Chegando ao val do río Azúmara que nos  leva ao muíño de Veiga. De Nabeda ao cruceiro de Teixeda entre a serra do Miradoiro e A Bouza e todo o val de Castroverde.

Ás 9:30 h. En  Castroverde ao lado do Pereira desde onde nos trasladaremos  
                   en autobús ata Nabeda.
Ás 10:00h. Sairemos de Rodinso ou Nabeda.
Ás 13:00 h. Chegada ao muíño, hora aproximada.

Xantar, nun restaurante da zona. O prezo, trataremos de axústalo a 15 €

Comunicalo antes do día 1 de marzo, no tefono habitual ou no correo electrónico, por motivo do xantar e autobús, por motivos de organización.

Saúdos. Manolo Muñiz

NOTA:
-Se o tempo fora malo, poderiamos variar o percorrido.
-Percorrido, aproximado, de 12 Km

Cruzeiro de Teixeda
Teixeda ao fondo
Camiño ao Campo de Ladrán


"DÍA DE ROSALÍA" EN LUGO. 24/02/2011. MUSEO PROVINCIAL

RESUME DA EXPOSICIÓN "ITINERARIOS POLO CONCELLO DE CASTRO VERDE"

Alumnado na Exposición de Itinerarios polo concello de Castroverde,conferencia de  M. Muñiz


   Coa exposición dos Itinerarios polo concello de Castroverde, no día de hoxe, luns 21 de febreiro, que fixemos  para alumnado de 5º, 6º de primaria e 1º e 2º de ESO, coa devandita exposición, rematamos a Actividade nº 7 que veu organizando durante este mes de febreiro a Asoc. Amigos do Patrimonio no CPI de Castroverde.
Comenzouse expoñendo a idea dos Itinerarios, falando brevemente da riqueza e diversidade cultural que posúe o concello, para seguidamente, pasar a expoñer algúns dos roteiros. Aludindo primeiramente ao Camiño Primitivo, para seguir polos roteiros de: Vía Romana XIX,  Val do río Tórdea, Furís-Páramo, Soutomerille e os roteiros dos muíños; Rodinso-muíño da Laxe ou Veiga e Rodinso-muíño do Ferradal, entre outros.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz

RESUME DA VISITA DA ASOCIACIÓN "OS SENDEIROS DE FOZ" AO ROTEIRO DO VAL DO RÍO TÓRDEA.

 
Amigos do Patrimonio de Castroverde con os visitantes de Sendeiros de Foz


Nesta mañá, do día 20 de febreiro, visitáronnos os amigos da Asoc. Sendeiros de Foz, para visitar o roteiro do val do río Tórdea. Arredor das 10:15 h. da mañá comenzou a camiñata desde o Camiño Ancho para baixarmos a San Xulián de Pereiramá e desde aquí á Espasande, onde é de salientar a súa igrexa románica, desde Espasande a Goi, onde á parte do castro e sartegos alto medievais, son de sinalar o muíño e mazo. Logo fomos a Tórdea, onde á parte de destacar a súa igrexa prerrománica con outros elementos senlleiros, temos que aludir que por esta parroquia pasa a Vía XIX Romana. Seguimos camiño de Uriz, Cellán de Mosteiro e A  Pumarega onde temos que salientar as igrexas románicas e os pazos de Cellán de Mosteiro e A Pumarega. Desde A Pumarega Ao Vilar e desde O Vilar a Cellán de Calvos para baixar á San Xulián de Pereiramá onde ao pasar a parroquia voltamos ao lugar do comenzo do roteiro.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz

ACTUALIZACIÓN:  A visita na prensa galega:  
O Progreso,  
A Voz de Galicia

20 febrero, 2011

CONFERENCIA DE PILAR GARCÍA NEGRO NO CPI DE CASTROVERDE. 18/02/2011

Pilar García Negro, antes da conferencia no CPI de Castroverde

O clamor da rebeldía.
Rosalía de Castro: ensaio e feminismo.


No día de hoxe tivo lugar a conferencia de Mª do Pilar García Negro, que xirou arredor das obras de Rosalía; Cantares Gallegos e Follas Novas. Aludiu ao seu comenzo académico impartindo aulas da materia de francés no Seminario de Lugo, onde a maioría do alumnado era galego falante e que ela impartiu as aulas na lingua deles, a lingua galega; logo marchou ao IES Eusebio da Guarda en A Coruña, onde continuou a facer o mesmo, xa que non tiña, non vía porque tiña que ser diferente o que antes fixera e agora seguía a facer, impartir aulas en galego, aínda que se falara de morfoloxía, sintaxe ou literatura castelá. Facendo alusión á formación e educación que recibiran os seus pais que, fora en castelán e no desprezo e autoodio á nosa lingua, como segue ocorrendo actualmente, para o que aludiu ao programa de televisión e, que non é preciso citar, onde a nosa lingua segue a ser desprezada e autoodiada.
Somos galegos e galegas por moitas diferenzas con outros pobos e culturas e unha das diferenzas é a nosa lingua e non falala é unha grande estupidez.
Panorámica do alumnado asistente


Quen isto proclamou e defendeu foi unha muller, Rosalía de Castro. Rosalía unha muller ilustrada, culta, que lía literatura europea en francés, que tiña coñecementos de filosofía, que coñecía moi ben a Biblia, pero que ao mesmo tempo tiña un grande amor ao seu país. Eleva a lingua popular a un nivel culto a través do libro, Cantares Gallegos. Libro que hoxe está en galego e non nos chama a atención, mais escribir en galego un libro, integramente en galego hai máis de 150 anos era toda unha heroicidade, sendo totalmente rupturista ese feito.
Rosalía é a que inaugura as nosas letras e é a galega máis universal, sendo a máis coñecida pola emigración, mais non só pola emigración, senón por entusiastas de todo o mundo que, inclusive queren saber onde naceu a nosa poetisa.
A seguir fixo referencia a Follas Novas, en alusión ás follas novas da renovación da natureza, nas árbores caducifolias, mais non só iso, senón en alusión á renovación das follas dun libro, que se publicou en 1880, e que certifica con el a valía da nosa lingua para calquera cometido: metafísica, política, filosofía ou para denunciar a emigración e sangría do despoboamento da nosa nación galega.
Referencia á Asoc. Amigos do Patrimonio e ao “cartaz / rol” onde recollemos elementos da nosa arte popular e iso significa que somos un pobo cunha cultura, cunha riqueza moi importante. Riqueza que vai desde a costa ao interior. Na obra de Rosalía non só hai cantos populares, senón unha defensa da nosa riqueza das inxustizas que se comenten coa nosa Galicia. Tamén unha mensaxe contra a igrexa que somete ao pobo, facendo unha defensa do cristianismo auténtico e puro non acorde coa prédica da igrexa, ilustrándoo co poema que alude á morte.
Tamén a comprensión do suicidio, aludindo á muller que se suicidou no mar. Diagnóstico da falta de desenvolvemento atribuíndoo a nós mesmos, cando iso non é así, senón que nos empobrecen, que é moi diferente.
Alusión ao poema da “negra sombra que me asombras” que, nos introduce en temas tan profundos que ningunha outra literatura da súa época chegou a tan alto nivel, onde se combinan recursos diversos e, con tan profunda harmonía enntre o fondo e a forma.
Concluiu a conferencia en alusión ao poema –XAN- cunha fina ironía ao servizo dun diagnóstico social que preocupaba á nosa autora. Para facer referencia ao día da muller traballadora que será para o vindeiro 8 de marzo, con referencias ao machismo e ao feminismo e que, se queremos ter unha verdadeira democracia, as diferenzas do dominio lingüístico e dominio machista terán que desaparecer, animando a todos e, especialmente aos rapaces, á súa consecución.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz
 

RECIBIDO DOS AMIGOS DE CASTRO VERDE DE PORTUGAL



Os amigos de Castro Verde de Portugal enviánnos esta  referencia sobre a páxina da Escola Secundaria c/3C de CastroVerde  con a organización e as bases do Festival de Cine e Multimedia 2011 "100 Cenas". A outra referencia fai mención ao vídeo promocional de dito festival, que recollemos máis arriba. As bases de participación no festival cinematográfico pódense consultar na páxina do Centro.

16 febrero, 2011

Remitido pola "ASOCIACIÓN TERRAS DE LUGO"

ÁBRESE O PROCESO DE SELECCIÓN PARA UN POSTO DE TÉCNICO/A

A Asociación Terras de Lugo abre hoxe o prazo para a recepción de solicitudes daqueles/as aspirantes interesados en traballar como técnicos en prol do Desenvolvemento Rural do seu territorio de actuación (Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, Outeiro de Rei, Rábade e Lugo zona rural).
O derradeiro día para entregar a documentación requirida nas bases de selección será o vindeiro luns 21 de febreiro de 2011.

DOCUMENTOS DO PROCESO DE SELECCIÓN:

BASES DE SELECCIÓN

INSTANCIAS