Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
Empezarei xurando... ¿Onde e como queredes que o faga? ¿Chégavos coa man na Biblia, ou preferides que o faga no Al Quran? Teño ámbolos dous ó alcance da man, así que..., ¡desta espero librarme, que mal sexa que, con dous avogados, Deus e Alá, non consiga que me deixen entrar pola Porta Grande!
Primeiro, que é/que foi verdade, todo isto, tal cal.
Segundo, que entendo que o que vou relatar é unha defensa do Patrimonio de Castroverde; e por tanto, síntome en pura ortodoxia con respecto ós fins da Asociación. ¿É, ou non é, Patrimonio, unha terra milagreira, paradisíaca, por máis que só teñamos nela un tego de sementeira?
Corría o ano 1.949... Pero máis corrían os madrileños, en particular os ricos, para localizar un condumio selecto, pois, para pan negro, integral, unhas cantas “píldoras” daquelas que recordaban ó Dr. Negrín, con abundantes pedras para que viñesen máis a peso, catro boniatos, e pouco máis, que diso había, ¡empezaba a haber!, en todas partes, nos ¿ultramarinos? de cada esquina.
Daquela ninguén pensaba no centolo, e menos la lagosta... O luxo estaba nas fabas: ¡unha boa fabada, con algo de chourizo e unha punta de morcilla! (Isto tamén entra no meu xuramento!).
Pol de Vilafrío e meu tío de Pousadela (que non poden declarar neste “blog” porque se foron de viaxe, pero nunca nunha mentira me colleron), obtiveron en Lugo unhas “Guías” de Abastos para levar a Madrid..., ¡un camión de patacas de Castroverde! O único que se lles esqueceu foi mencionar que os sacos daquelas patacas irían por encima, ¡facendo de lona!, pero..., ¡debaixo ían as fabas, fabas de Castroverde!
Tan boas eran, as fabas, que lles mercaron o camión, todo, enteiro, na “Criolla”, un establecemento de artigos selectos sito na Calle Preciados, mesmo da parte de arriba do café Varela [i]. O malo do caso foi que a descarga levou o seu tempo, así que, no entre tanto, estiveron parados, nas inmediacións, catro ou cinco tranvías..., ¡con dez Gardas Municipais apremando para que descargasen axiña, e deixasen a rúa libre! ¡Ninguén pensou en se eran ou non fabas, se era ou non estraperlo, que todo o interese o absorbeu aquel problema viario, circulatorio!
¿É, ou non é, unha riqueza patrimonial, dispoñer dunha terra que produza este tipo de manxares? (¿Sabedes o que penso ó respecto? ¡Que somos uns desagradecidos!)
[i] Non hai en todo Castroverde quen ignore que o Café Varela (dos Díaz-Varela de Rois), xunto co Café Pombo (dos Lamelas de Rodinso), eran os clubes, os parladoiros, da elite, da intelectualidade madrileña de entón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario