Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

16 enero, 2007

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Por Castroverde tamén se vai ao Santo Andrés de Teixido.

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Debuxo: A.Trillo

Esta historia, esta andaina, pola súa xénese debera ir en catalán, pero como eu escribo para a miña xente, e en catalán só sei dicir, “Vilabella”....! Fose por cansazo físico ou mental, farto de ordenar palabras neste ordenador, tan grande que é que non o dou enchido, o caso foi que decidimos ir uns días a Salou, polo IMSERSO, a parenta e mais eu.


De postos alí, había que moverse, que ese Salou vese nun día. Nunha desas, os do grupo de Galicia coincidimos na excursión de Mundo Social a Monserrat cos de Madrid, ademais dun grupo alemán. Pola miña parte, o primeiro que fixen foi preguntar ós Guías pola sala onde as Cortes da República, na data do 1º de Febreiro do 38, dando lectura ó Estatuto de Galicia, que fora presentado ó señor Martínez Barrio por Castelao, na afastada data do 15 de Xullo do 36, tomou o que se di “estado parlamentar”, precedente que resultou decisivo, absolutamente, cando se elaborou o actual, o de 1.980. Aquela sala debera estar indicada, nominada dalgún xeito, pero se cadra ninguén llelo pediu ós cataláns.

Estaba matinando nestas cuestións cando se me achegou un madrileño, un tal Carballo, co que fixera algo de amizade no hotel de Salou:

-¿Vostede vén ó Museo? –Preguntoume. En castelán, por suposto.

-¡Primeiro quixera visita-la sala onde...! -E comenteille aquel feito histórico.

-¡Boh, Autonomías! ¡Volvemos á España invertebrada...! Estou farto de oír a estes cataláns, que sempre o fan en catalán..., coma se non fosen españois!

Irritoume, e notóuseme:

-Desculpe, pero teño que disentir. Aínda me falta atopa-lo primeiro deste país que non me conteste en castelán se así lle falo eu. Vostede mesmo observaría que utilizo o galego coa miña muller, pero con vostedes, cos compañeiros do hotel, doulle ó castelán, cousa rigorosamente cortés, supoño. ¿Que máis queren?

-¿Galego? ¡Outra desviación dialéctica; un dialecto, quero dicir!

Aquela ironía súa, propia dun Lavapiés dos anos corenta, acentuoume aquela irritación.

-Señor Carballo...; ¿porque vostede díxome que se apelida Carballo, non é?

-¡Exacto! -Contestoume rotundo e breve, como bo castelán, afeitos que están a disparar coa bésta, que tales foron os seus principios, por completo mercenarios.

-Pois ben, por se non o sabe, vaia tomando nota: A primeira é que os galegos xa tiñamos literatura propia dous séculos e medio antes de que agromase a súa lingua, iso que usa, iso que chaman castelán, que español, séxase, de España, tamén é o galego. E segunda, que lle vou dar un consello: Xa que ten eses miramentos, eu, de vostede, tan pronto regresase ós madriles, pasaríame pola calle Reyes, e alí, no número 3, pediríalles que me amañen o apelido, pois a vostede correspóndelle chamarse Quercus robur, que é máis aristocrático!

-¿Que me quere dicir con esa parida? ¿Vaime inventa-lo apelido? ¡Xa sei que outros se poñen Carbajo, pero nos papeis de meu pai sempre o escribiu desta maneira, Carballo.

-Non se me enfade, amigo, pero o caso é que de parida se trata, precisamente de parto, que algún antepasado seu foi parido na nosa Galicia, e daquela un dos seus avós tomou o seu apelativo do punto onde vivía, ou daquel co que o relacionaban. ¡Diso non teña dúbida!


-¿Iso é certo? -Volveume a insistir naquela chanza, receoso e irónico.

-Non só é certo, senón que vostede herdou un atavismo galaico, o de volver a preguntar. ¿Non se decata desa tendencia súa, conxénita, atávica, ancestral?

Non sei se sería un milagre da Moreneta, pero o caso é que desde aquel intre fixen un converso; o malo foi que en días sucesivos todo se lle volveu buscarme para facer preguntas sobre Galicia, que ata lle dixen, para descargarme un pouco:

-Mire, Carballo, cando lle praza, dese unha volta por Galicia, e daquela ensinareille Coruña, polo menos Coruña, que con ir pola estrada xa se fai unha idea, unha mostra, de cómo é o resto. Se queda tempo, levareino a Vigo, que é unha especie de Barcelona, na que falan galego!

-¡Si que acepto; encantado! E tamén quixera coñecer ese sitio a onde se vai de morto, que me ten falado diso o noso Porteiro, outro galego!

-¿De onde é ese Porteiro...?

-¡Díxome non sei que de verde...!

-¿Sería Castroverde?

-¡Sería, que iso sóame!

-¡Puñetas! ¡Mira ti onde tivemos un embaixador honorífico...! Descoide, que vostedes irán comigo, en vida, ó Santo Andrés de Teixido. ¡Prométollo!

Non pasaran nin dous meses cando tiven a sorpresa de escoitar ó tal Carballo. Respondinlle:

-¡Así que conservou este teléfono; pois conserve o meu ofrecemento, que me gustará velos en Santiago, dándolle cabezadas ó Santo dos Croques, que nunca sobra, por madrileño e por listo que sexa!

-Chegamos a esta Vila que chaman Castroverde..., que nos dixo o Porteiro da nosa casa, en Madrid, que o Camiño Primitivo, o de sempre, pasa por este sitio, por xunto dunha leira súa... Pero o caso é que estamos nun apuro, que aquí saben ir a Compostela pero non ó Teixido. Onte mandáronos para un lugar montañoso, pero de chegados alí dixéronos que era..., Teixeda! ¡Todo se nos vai en idas e vidas, pero de aquí non damos saído!

-Está visto que os Porteiros non o saben todo..., nin sequera os do fútbol!

-Mandounos saír da autopista no Km...; xa nin me lembro, e desde alí preguntar polo Camiño Ancho... ¡Neste país todo son camiños, pero ningún nos leva ó famoso Teixido!

Pregunteille en que fonda estaban, e de sabido, díxenlle que me esperase na mesma, que iría eu a buscalos, co meu coche.

Leveinos por Vilalba e polas Pontes de García Rodríguez, onde se asombraron de que os galegos tivésemos tantos fumes...

-¡Ya fueron a menos, que ahora les hacen competencia los eólicos...! -Non entendeu nada, e iso que llo dixen en castelán!

Para afumalos ben afumados, inviteinos a comer nun restaurante das mesmísimas Pontes:


-A ver, ¿que saben vostedes dese Santo Andrés de Teixido, que desde aquí logo se chega?

-O Porteiro díxonos que...

E relatoume a longa historia do Santo Andrés, pero como non hai galego que a descoñeza, omítoa aquí, sequera sexa por brevidade. O único que direi foi o remate:

.../...

-De encontrado con Santiago, en cadansúa cabalería, e segundo ían voando, berroulle Andrés ó compañeiro:

-Estas monturas traspasan os montes que as leva o diaño, que nin que fosen ánimas en pena!

Entón oíunos Xesús, e díxolles desde unha nube, que é como adoita falar aquí en Galicia, que por iso chove tanto...

-¡Rapaces, iso é unha idea boa! Dispoño, desde hoxe, para tódalas ánimas en pena que vaian xuntas, por parroquias, uns por mar e outros por terra, en Santa Compaña, á igrexa do Teixido. E cando cheguen aló, se me rezan por mediación vosa, o diaño deixará de atormentalas, que as darei por perdoadas, e daquela levareinas comigo!

Aqueles parentes seguiron voando, e ós poucos viron pasar, tamén polos aires, un xitano..., na burra do Andrés, na mesma que lle desaparecera aló por Astorga!

-¡Eh, ti, o das melenas, alto, que esa burra é miña! ¿A onde vas? -Seica lle berrou o Apóstolo, medio desaforado.

-¡Mi mare! ¡Xa pensei que me caera outra vez! Compare, que onte merquei esta burra, e saíume tan farsa que me tirou. Daquela morrín..., de morte morrida! E o Jozú de Nazaret, ese da burra mansa, aparecéuseme, e díxome que, posto que a mercara de boa fe, que me perdoaba os meus pecados; todos, incluso os de afanamento! Mandoulle á burra que me levase voando ata un sitio que chaman Teixido, que alí estaría seu dono, o verdadeiro. ¿Vostedes tamén arroubaron..., con esa cara de beatos? ¡Miña madriña, qué bestas tan boas...; tal parecen predicadores!


-Os falares do xitano fixéronlles graza ós Apóstolos, así que tan pronto chegaron ó Teixido, déronlle pasaporte para o Ceo; en directa, sen purgatorio!

-¿Que..., qué pasou co burro? -Preguntoulle a miña muller ó tal Carballo, que xa teño dito que errou de profesión; ¡nunca sabe abondo!

-¡O porteiro non mo dixo! -Foi a resposta do Converso, que xa lle podo chamar así, todo estrañado daquela enquisa tan..., galega!

Entón metín baza, precisamente para embarullalo, que enlear ós da Vila e Corte é un pracer:

-Aquel porteiro se cadra non o sabía con detalle, pero eu si. Esa burra, a do Santo Andrés, era prestada, que os apóstolos fixeran voto de pobreza, un voto compartimental, e segue viva; a burra, digo, que Xesús deulle a inmortalidade, tanto a esa como á que usou El, o Mestre, no Domingo de Ramos. Mais para velas, hai que quedarse a durmir, fóra, o sereno, neste monte do Teixido, unha noite ou dúas, en completo xaxún. ¿Querédelas ver; imos aló? De paso veremos, na mesma Capelada, un rabaño de poldros salvaxes. Os brancos, tódolos brancos, son fillos do cabalo de Santiago, que adoita cubrir aquela egua que lle prestou ó Santo Andrés; faino tódolos anos, na lúa do San Xoán, ¡que niso as leis de Mendel cúmprense, sempre, ó cento por cen!

Carballo non aguantou máis e puxo cara de asasino:

-Mira, galego, non abuses dos madrileños, que iso de devolvérno-las trolas, na Corte está mal visto..., incluso con Autonomía!

Tiña razón e calei, que aquí en Galicia é pacífico, vólvese pacífico, incluso o Fillo do Trono. ¿Que non? ¡Ás probas me remito, que por algo os montes están aplanados! O que non sei de certo é se as persoas somos así de sinxelas porque nos parecemos ós montes, ou se os montes se aplanaron de tan firme que pisamos!

Se volvo a ter algún tropezo con eses descastados, con eses imperialistas que renegan de súa nai, da nai nutricia..., ¡uih, daquela...! Agora que me sei de memoria o Libro de San Cipriano, heilles facer pari-la virtude..., así sexa polo embigo!

_____



No hay comentarios: