Roteiro de Córneas- A Meda – Barredo ata o Camiño Primitivo
Hoxe, sábado, día 13 de xaneiro comezamos cos roteiros de 2007. Roteiro de Córneas- A Meda – Barredo ata o Camiño Primitivo. Tal como estaba previsto, subimos desde a Rotonda de Paderne ata á aldea de Córneas.
Aquí comezamos por ver o fermoso carballo da casa de Pedro Ferreiro,
carballo que propuxemos ao seu propietario, Darío Fereiro, para que o inscriba como árbore senlleira e que el nos facilitou os datos e accedeu gustosamente. Desde aquí dámoslle as grazas a el e á súa familia.
Desde Córneas marchamos camiño da Meda, nunha fermosa mañá de xaneiro, por medio de fermosas veigas abundantes en auga. Na Meda puidemos disfrutar coa visita á aldea, cos detalles das súas casas e a súa formación que nos parece medieval cos seus camiños apretados, arredor do que nos parece unha praza. Na mesma aldea visitamos a igrexa e o seu entorno, e logo baixamos á fonte de namorar.
Logo continuamos polo fermoso val, camiño de Barredo. Antes de chegar á aldea puidemos disfrutar da paisaxe da marxe esquerda, co cantarelar das súas abundantes augas, e antes de entrar en Barredo puidemos ver Vilaxurxo. En Barredo visitamos a súa interesante e remozada igrexa. Dicir, sen embargo, que non nos agradou a súa praza.
Mais do que si gustamos, á parte da paisaxe, foi o seu impresionante rochedo. O rochedo chamado de Pena Blanca. Desde aquí puidemos contemplar o fermoso val, con vistas; da Meda, de Vilafrío, Francelos, Vilaxurxo, Soutomerille, a propia aldea de Barredo, e todo o val, camiño da Pallota e Gondar. Mais, se son fermosas as vistas, máis impresioanantes son as rochas ou penedos da Pena Blanca, con tres grupos de rochas agrupadas en catro ou cinco enormes penedos, que pensamos que se poden comparar ou incluso que superan ás de Pena de Rodas. Lástima do que escoitamos con certa preocupación, “que se estaba intentando abrir unha explotación canteira”. Desde aquí, dicir que nos opoñemos rotundamente a que se abra unha explotación canteira, desfacendo esta impresionante paisaxe de rochas e con estas fermosas vistas, que son o linde das terras de Castroverde co término de Lugo. Rochedo que podemos comtemplar desde a capela do Carme en Vilabade, ou desde a serra do Mirador que son o outro linde de Castroverde coas terras de Baleira.
Pola tarde visitamos a igrexa, sartegos e casa grande de Recesende. Fermosa aldea, que logo da súa desfeita paisaxística dos anos oitenta, aínda conserva recantos de paisaxe ben fermosas, con vistas desde o seu castro ou outeirín de; Penalonga, Rebordaos, e polo outro lado de Souto, Outeiro camiño de San Paio.
Dámos as grazas aos Srs. curas; Raúl Ferreiro e J. Antonio López Pérez por ternos facilitado a visita das igrexas. Grazas tamén a Norberto, Manolo e á familia Reixa.
Con este breve resumo, despedímonos ata o próximo roteiro que lle corresponde o día 10 de febreiro, sábado, pero teredes máis información chegado o momento.
Saúdos e saúde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario