Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

18 febrero, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-I-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

(Esta fotografía está tomada do libro “Escolantes e escolas de ferrado”, de
Narciso de Gabriel, Decano da F. de Pedagóxicas da Coruña. Ed. Xerais. 2.001)

As “Sentenzas”, termo polo que tamén eran coñecidas nesta bisbarra de Castroverde as Corridas do Galo e mailos Tribunais da Pascua, tiñan unha formulación externa, ou visible, de coñecemento vulgar, que era a súa espectacularidade, o seu dramatismo, o seu “teatro”, o seu divertimento. Pero tamén, como toda obra dramática de tese, levaban, encerraban, mostraban, transmitían, unha filosofía interna, que as constituía en canle ou expresión de conflito social, de desafogue de problemas, e por ende, de estímulo de convivencia.

Para entendelas, para ver a súa verdadeira profundidade, temos que situarnos na época en que se celebraban. Eran, aínda, os tempos do “Usted siga bien”, do “Dispensando”, daquel quitarse a pucha e baixar a testa. Unha mestura de fina cortesía e de servil adulación. Téñase presente, tamén, que, precisamente o día que naceu este servidor, 28 de Agosto do 1.930, un grupo de periodistas preguntoulle ó Ministro de Gobernación, baixo Berenguer, se era certo que ía saír un Decreto suprimindo a censura, e o bo do señor contestoulles que, “¡Ya teneis demasiada libertad!”. (Para os incrédulos, aí están as hemerotecas). ¡Por aquel entón, para saca-lo pé da saba había que poñerse medias, discorrer a forma de dicir un mínimo sen que parecese un máximo! Á nosa xuventude isto poderá parecerlle novelesco, pero, o dito, ¡á hemeroteca!

Dicir naqueles parlamentos das “Corridas” algo que hoxe nos poda parecer unha “parida”, unha inxenuidade, requiría entón, ¡e con Franco, despois do paréntese da II República, aínda foi peor!, unha certa audacia, un talento irónico e retranqueiro. Pensemos tamén, por outra parte, que a muller, daquela, tiña un roibén permanente, desde o nariz ás orellas, e non podían dicirse publicamente verbas ou palabras, salvo que se utilizase un malabarismo de metáforas, que afectasen á súa pudibundez.

Non obstante, o característico cando un pobo acada ou recobra certa liberdade de expresión, ¡os ciclos!, é que fagan presenza, decote, as verbas fortes, e incluso as obscenidades, pero nos libretos que cheguei a coñecer desta bisbarra, “sermóns” incluídos, sempre se mostrou esa progresía cunha certa elegancia e sutileza, que di moito do nivel formativo e moral dos seus autores.

Para introducir esta temática de tanto significado e transcendencia na historia local do noso concello, inmersa na xeral de Galiza, coido que sería bo deternos nalgún relembro dos nosos etnógrafos. Para empezar, ou para seguir, eu renderíalle os máximos honores a Vicente Risco, que elevou a cultura popular galega á categoría de ciencia, aínda que na realidade cotiá seguimos téndoa, en xeral, como unha peza de museo, algo que foi, algo que pasou..., ¡descantiá! Segundo Risco, Entendemos (debemos entender) por cultura popular o conxunto daquelas creencias, coñecencias, ritos, usanzas sociais, métodos de traballo e produccións útiles, literarias e artísticas, que un pobo determiñado posee en común, e que non deprendéu na escola nin nos libros, sinón que os recibéu unha xeneración da outra por tradición, calquera que sexa a camada, clás ou estamento social en que se atopen.

Pois ben, para honra nosa, o Mestre Risco prestou unha especial atención ós festexos do Entroido en Castroverde, que ata recompilou, salvándoo da súa probable desaparición e/ou esquecemento un “sermón” botado na Meda no ano 1.928. Cando me refira ós “Predicadores” xa transcribirei un fragmento do mesmo.

Coido que vén a conto encaixar aquí un lamento que fixo Pedro Carro no Ideal Gallego do día 11-11-1.987, baixo o titular “Na busca do pasado – Galicia necesita un arquivo para a recuperación folclórica”. Desde entón, algo se fixo, algo temos, algo se rescatou, pero estamos a piques de deixar escapar, diluír, esquecer, concretamente na nosa bisbarra, que é, ou debera ser, a que máis nos importe, bastante material deste.

Lamentábase Carro: Pero a cultura popular dos nosos devanceiros non lle interesa a ninguén. Non existe un só arquivo nen museo adicado á conservación desas costumes, tradicións, contos, lendas, cantigas, bailes, traxes e vestidos, instrumentos musicáis, convivencias sociais, etc. Esta desgracia galega ven en engrandecemento dende o ano 1.939 deica hoxe en cuio período fíxose todo o posíbel para mentalizar ao pobo de que “o folclore dun país é só a maneira de cantar e bailar da súa xente”. Ademais a verba “folclore” convirtíuse en despectiva e pexorativa.

O Carro conclúe botando lume: Xa sei que aparescerán “os salvadores da Patria” dicindo que, no noso país, existen museos etnográficos e que nos arquivos históricos pódense alcontrar algúns datos encol do folclore galego. Ésto é tan certo como que nunha corredoira podemos alcontrar vinte pesos, pero non é lóxico.

Pola miña parte, No coment! Pasaron os anos, e cos anos a oportunidade de conservar, polo menos a lembranza, de tantas cousas que feneceron no pasado século, no XX, coma quen di, onte, que foron moitas, ¡e non sempre ben substituídas!

Seguiremos co tema, pero, a “pequenas diócesis”, como dixo aquel Albeite, por un respecto ó lector, para non anoxalo, ¡que é o que manda!

No hay comentarios: