Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

18 febrero, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-II-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Nestas cousas da CULTURA POPULAR sempre hai que volver a Risco: Na súa pescuda sobre a queima do Entroido encontrou descricións dela referidas ó Piamonte, Italia Central, os Abruzzos, Palermo, Provenza, Vienne, as Ardenas, Nomandía, Saint Lô, a Bretaña, Saintonge, Inglaterra, Westfalia, Baviera, Suabia, Transilvania, Boemia, etc. Nalgúns sitios constatou que se celebraba o “Xuízo” con moitos pormenores, tal que en Koeniggraetz, Kissen, Normandía etc.

Estas verificacións lévannos á evidencia de que arraigou o rito da purificación polo lume en países de relación xermánica, ou xermanizados nos comezos do cristianismo. ¡Daquela está claro que á nosa bisbarra trouxérono os suevos! Tamén é un problema de ecoloxía: Estamos nunha civilización de bosques caducifolios, con secas e con fríos. Témo-lo lume no subconsciente. Por algo non se atopan causas concretas, definidas, únicas ou singulares, erradicables, das queimas do monte: complica as cousas un diaño que levamos no corpo, que incluso pode ser subornable. ¡Así que, ademais de extrema-la vixilancia, e de utiliza-los avións, fará falta un hisopo con auga bendita!

Dou por seguro que Prisciliano, o frugal Prisciliano, aquel asceta rigoroso que din que era, na súa condenación da materia, cando trataba de sincretizar o dogma cristián coas tradicións ancestrais e coas doutrinas da filosofía grega e oriental, xa lles predicou ós seus paisanos, nosos entregos, a morixeración coresmal. E tamén penso que por aqueles tempos xa se decataran as persoas cultas -o clero- da peste da triquinose, como lle pasou a Mahoma, que de aí tirou a súa prohibición do “jalufo”. Así lle foi ó Priscilián na súa prédica, porque naqueles tempos a mellor forma de concitar odios, de provocar calumnias, era, sen dúbida, restrinxirlles as graxas ós catecúmenos: Queixáronse a Itacio; e levárono a Tréveris, diante do emperador Máximo. Abafárono, e acabaron con el diante da Porta Nigra, no ano 385. Pero non debeu ser tan herexe suposto que o defendeu nada menos que o seu coetáneo San Martiño de Tours, o primeiro dos nosos Martiños protectores, ós que lles dedicamos cantidade de igrexas nesta parte do país.

A Igrexa, na súa labor de pasar ó curral aqueles ritos pagáns da época, recomendou a celebración penitencial do mércores de cinsa, que era tanto como dicir, “¡Basta; hai que cambiar de vida!”. A lóxica natural da nosa xente non podía ser outra que iso de, “Véspera de nada, día de moito”. Non parou aí o conto pois a Igrexa debeu darlle outra volta á parafusa: “O Entroido, con eses excesos, é malo!”, así que os xermánicos tamén se quedaron con estoutra mensaxe: “¿É malo? ¡Daquela, queimámolo!

A celebración da Pascua de Resurrección levantaba a veda das graxas, a contrapelo climático nestas latitudes, precisamente cando xa quedaban altos os touciños na despensa, e logo que xa non as pedía o corpo. Entón o pobo miserento, de coresma cotián, tamén fixo a súa reflexión: “Queimámolo Entroido...; daquela queimemos a Pascua!”. Non sei como empezaría o simbolismo, a representación, pero si sabemos de que xeito acabou: Os árabes copiáronlles ós chinos a fórmula da pólvora, e os nosos pirotécnicos, unha vez coñecidas as súas aplicacións, inventaron a moneca xiratoria, queimable. O único que faltaba, se cadra copiado da Inquisición, era a montaxe dun tribunal: ¡Personificar na moneca da “Pascua” tódalas picardías e tódalas queixas do ano!

As chispas e mailas explosións da moneca gustáronlles ós cregos, que así os propios fregueses axuizaban as faltas, sometendo á “pecadora” ó purgatorio, á purificación do lume.

Volvendo ó caso concreto do Entroido, do “Santo Entroido”, que así chegaron a chamalo pola parte de Lalín, de Dozón, e de Castro Caldelas, que tal era a raizame, a devoción que lle colleron ós seus ritos. Chegaba detrás da matanza do porco, que nas casas máis podentes sempre se retrasaba algún exemplar para utiliza-las súas miudezas con tal celebración. Cando caía alto, as filloas de sangue, a cachucha e os roxóns substituíanse por freixós de leite e por fretes de manteiga. O postre habitual na nosa bisbarra, (sobremesa, din agora), sempre foron as chulas de ovo e as flores fritidas, tamén chamadas orellas de frade. Ritos, pois, na rúa, pero tamén nas casas.

O léxico do carnaval en Galicia dá para facer un dicionario:

Abutardas, antroidos, ... Bonitas, borralleiros, borrallosos, boteiros, ... Cigarrós, cinceiros, curruvellos, charrúas, choqueiros, ... Damas, ... Faranduleiros, fareleiros, felos, folecheiros, ... Galáns, ... Irrios, ... Madamitas, máscaras, mascaritas, mecos, murrieiros, ... Pallasos (non “paiasos”, con capa de xuncos ou de palla), peliqueiros,... Vellada, ...

Máscaras e disfraces de oficios, segundo a imaxinación e/ou os medios de cada lugar.

Outros complementos: Cabaleiros – executores do galo, fose á man ou con espada, coas bestas engalanadas. Burros vellos para os “Predicadores”. A “Pascua” adoitaban levala nun carriño cativo, de madeira, tirado por cabras.

De volver a facer, a representar, Sentenzas do Galo, nin eu estaría disposto a iso, nin a Sociedade Protectora de Animais o consentiría, que se aplicase a PENA CAPITAL. O galo, simbolizando dalgún xeito certas brutalidades e/ou malicias machistas, tería, debería ser, castigado, por suposto, pero a outro tipo de penas. Para a mentalidade actual, tanto o Galo como a Pascua deberían ser, humoristicamente, claro, acusados doutros feitos, con actualidade, pero sen ofensas de tipo persoal, sen imputacións concretas a persoas determinadas.

No próximo capítulo: O galo suevo, Braga, Barcelos, Lugo, Castroverde...

No hay comentarios: