Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 marzo, 2007

Roteiro Francelos-Serés-Rebordaos-Bolaño-Castroverde

O sábado día 10 de marzo, tivemos outro fermoso día para facer o roteiro de: Francelos – Serés – Rebordaos, Cova da Valiña- Bolaño- Castroverde.

Comezamos baixando a Rebordaos, onde nos detivemos para visitar a súa igrexa parroquial. Salientar as tallas de San Xurxo, Neno Deus, San Antón Abade do século XVI, popular, e o santo Anxo. Hai referencias históricas desta parroquia do ano 1214.

Salientar nesta aldea a Casa de Vilariño/”Villarino” coa súa grande chimenea, típica dos pazos, que se non é pazo, pombal ten.Seguimos ata Francelos, e desde aquí, comezamos a camiñar, pero antes puidemos observar unha fermosa vista de parte do Concello de Castroverde e Concello de Lugo, volvemos a salientar a vista de Pena Branca de Barredo, e o impacto ambiental que suporía abrir unnha explotación dunha canteira nesa zona.

Logo visitamos a súa igrexa parroquial, con imaxineria do século XIX e século XVIII.

Salientar o cruceiro que se encontra no atrio, e a súa fermosa carballeira, que facemos votos para que continúe alí moitos anos. Antes de saír da aldea, visitamos a casa de Pablo Castedo, que o feliciatamos pola boa restauración e fermosa casa e hórreo, e dámoslle as grazas desde aquí por ternos acompañado, explicarnos a historia dos fornos do cal de Castedo, e por alegrarnos coa gaita ao longo do día, interpretando diversas pezas musicais, xota de Meaño, Himno Galego etc.

Subimos logo ata Castedo, aldea desta parroquia, aquí temos que salientar un horreo que hai ao pé do camiño, a fonte e o cruceiro que hai ao pé desta. Logo fomos ver os fornos do cal aos que aludimos antes, onde se cocía o cal de Xivil.

Desde aquí baixamos a Serés, cunha igrexa parecida ás da zona, con bastante imaxinería, con retábulos, principal, neoclásico, e laterais sinxelos.

Continuamos camiño de Bolaño, pero antes visitamos a Cova da Valiña, con restos prehistóricos duns 14.000 anos de antigüidade, segundo nos tiña explicado, noutra ocasión César Llana e Felipe Arias, e que o Sr. Vilabella, dicía que se fora noutro país, se tería arranxado a zona, e pechado o recinto e cobrar pola súa visita. Desde aquí baixamos a Bolaño, aldea que xa temos visitado noutras ocasións. Salientar o forno do cal, o palco da música, alguns dos horreos, lavadoiros etc.

Pola tarde completamos o percorrido coa visita a San Martiño de Bolaño, por onde pasaba, segundo lle temos entendido a Ricardo Polín, o antigo Camiño Primitivo. Aldea que está nunha situación parecida a Soutomerille, pero que quizais, esta se visita menos porque queda máis apartada. Rematamos coa visita á igrexa actual de Bolaño onde se encontra un retábulo da antiga capela ou igrexa de San Martiño.

Coa colaboración do Plan Xacobeo, Concello de Castroverde e Consellería de Cultura.

No hay comentarios: