Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

10 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde


Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-V-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Nota previa, válida para este capítulo e seguintes:
As transcricións están tiradas literalmente dos orixinais que chegaron ó meu poder.

Corrida con dous galos.

.../...

Acusador
¿Viene Vd. a declarar – por los crímenes cometidos,

o es acaso familia – de estos dos detenidos?

O autor tanto puido querer dicir: -Parece Vd. tan animal, tan gallo, como estos gallos...”, como, -Aquí no ignoramos el artículo 436 de la Ley de Enjuiciamiento Criminal”, vixente daquela.

Testigo

Eu dises dous fulanos – parente non lle son nada.
Véñolle para declarar, - ¡e senón non me citara!

Agora xa non son un neno, - ei declarar o que vín.

Todo mesmíño que foi, - sin aumentar nin mentir.

Ei declarar a verdá, - ¡sempre tiven cuidadiño!,

non vendo a miña concencia – por un vaso de viño.

Rotunda alusión ós convites que recibían as testemuñas, pagados polos “picapleitos” ou “homes bos”.

Estando eu na miña casa, - quentando ó lume as canelas,
sintín fora gran barullo – e pensei que eran duas vellas.

Pensando que se leaban – botei mau a esta caxada;

encontreime con dous galos - ¡que eran da Fonsagrada!

Na comarca de Castroverde, daquela, -ignoro os motivos, acaso porque empezaban a vir caseiros desa parte da montaña-, non había bo concepto desa procedencia: “Monte sin leña; fonte sen auga; ...; ...”. Recordo que cando nos saía ós zoqueiros un par de zocas con nós, ou con moita madeira, o cliente desprezábanolas dicindo:”¡E ti pensas que son da Fonsagrada...!”

Sobre todo o Monteiro, - dígolle meu señorito,
¡se o vira encristarse – pro galo do meu veciño!

Quen lle tuvo a culpa de todo – foille o galo Monteiro,

co outro, meu señorito, - axudáballe por medo.

Mire, señor Xuez, - ben sabe que eso é moi serio,

vir os galos forasteiros – galealas pitas o pueblo.

Problemas da endogamia. Importaba moito casar cerca; era unha”concentración parcelaria” automática, que servía tamén para compensar as “lexítimas curtas” dos herdeiros casados no mesmo lugar. As liortas nas festas eran principalmente por faltar á palabra de acompañamento e por esculca-las mozas da parroquia; isto último había que saber facelo: primeiro, conseguir amigos, parentes ou veciños; e segundo, pagar roldas na taberna, algún domingo ou festivo, pero, ¡a modiño, paseniñamente, cautelosamente!, sen “sobresalencia”, porque do contrario de seguida che dicían, “¡Grazas, pero eu non bebo con descoñecidos!”

Defensor do Toribio

¿Fue cierto, señor testigo, - que el gallo Toribio
era un joven inocente – y el menos atrevido?

Testemuña

O Toribio que é o máis novo, - ise ainda é de boas contas;
o outro galeaba as nenas – i él quedábase cas sobras.

De boas contas; de palabra, de concencia, legal nos tratos.

Se algunha pillada fixo – xa verá o fundamento:
é porque as polas non respetan – o sexto mandamento.

Os Curas veña predicar do “sexto”, pero os fregueses tiñan cadora máis fillos naturais. As mulleres propias adoitaban sen tolerantes, como si se sentisen por riba do ben e do mal: “Aquí mando eu, e o que pase fóra desta casa impórtame pouco”. Xeralmente, salvo en xentes das chamadas de “mala naturaleza”, o patrucio recoñecía ós fillos naturais no seu testamento, deixándolles así, “lexítima curta”.

Fiscal

¿Oiga, señor testigo, - tiene algo más que declarar,
o revoca en algún punto – su prueba testifical?

Estamos vendo que os membros do Tribunal, e tamén os letrados, falan castelán. Aquí hai un mimetismo: Trátase de arremedar á xente “da Xustiza”, pero tamén de marcar distancias, que se vexa que os que castelanizan son colonizadores, que hai un abuso e un imperio que amola e doe ó paisano.

Testemuña

Xúrolle, señor Fiscal, - que canto dixen foi certo,
e ainda lle ei contar máis – xa que logo temos tempo.

O paisano vivía nun permanente atordamento: As audiencias do cacique, do superior, eran sempre curtas, e máis ben de monólogo. Ensinábaselles ós nenos: “Fala pouquiño (cautamente), e só se che pregunta o señor”. O que máis tardaba en aprender un labrego era a dicir que “non”, e para iso tatexaba: “Non sei se lle poderei...” “Non llo sei dicir...”

Fixeron outra das súas – alí cerca noutro pueblo;
sacáronlle as plumas todas – on galo que era vello.

Eu, que sempre fun de xenio, - botei a mau nunha estaca,

e iba aló despartilos, - mais despois non fixo falla.

Xuíz

¿Y fué cierto que el Montero – deshonró unha pollitas nuevas
y que despreciaba, el malvado, - a las que eran más viejas?

Testemuña

Xa estaba ca boca aberta – para dicirlle algo máis eu.
Denantes fíxenlle unha seña, - mais vosté non entendeu.

A mesma curtidade: a testemuña fixéralle unha seña, un aceno, pero foi un xesto tan tímido que nin o propio Xuíz o percibira; non se atrevía a falar sen ser preguntado, e ó mesmo tempo non se confesara de todo.

Algunha, meu señoriño, - estaba ben en sazón;
e porque eran algo vellas - despreciábaias o bribón.

E mismo a vista da xente - se poñía a galear;

nunca tal lle pensei ver. - ¡O mundo váise acabar!

Os mozos víanse detrás dos palleiros; e parrafeaban por riba dos valados. Calquera pequeno agarimo requiría a súa discreción. A testemuña vía a fin do mundo coa chegada de novas liberdades ou desenvolvementos.

Dígolle agora, señor Xuez, - que acabei de declarar:
víñame ben medio litro – i un bolo, para me marchar.

O viño e mailo bolo eran preceptivos, como queda indicado. Tamén nas poucas eleccións que se celebraban daquela: o “cunero”, ou máis ben os seus “caciques”, “muñidores”, etc., contrataban a taberna. Xa o dicía a copla de Portela Valladares: “Por aquí pasou Portela, camiño da Fonsagrada..., pero convidou con auga. Detrás veu Montoutiño..., ¡e convidou con viño!”.

Mándome logo a mudar, - que por hoxe non sei máis nada;
sólo lles quería decir – que me dispuxeran a paga.

“Mándome ... mudar”, curiosa expresión de gran arraigo en Canarias, que tamén se utilizou na Baleira e en Castroverde. Como ninguén lle paga nin lle indica que si, que haberá convite, a testemuña retórcese para saír.
...
Acusador

Ese gallo Montero - merece una pena drástica;
hacía burla de todos - y además de cabronada.

Con actitude machista, de “cabrón”, sobresaínte e maligno.
...

Defensor de Montero

Si galeó las pollitas nuevas - fué porque ellas le obligaban,
que en cuanto le veían - allí delante le aguardaban.

Aunque el gallo Montero – es el que lleva la fama,

yo sé cierto que Toribio – era quien alborotaba.

...

(O próximo capítulo, -VI-, referirase á Corrida da Meda,
que se celebrou o 28 de Marzo do ano 1.948)

No hay comentarios: