Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

04 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua


-IV-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Aínda que hoxe se nos acae mellor falar das “corridas”, é máis certo que a nosa xente, na época do seu apoxeo, nomeábaas “As sentencias da Pascua”. “Vai haber Pascua en tal sitio”. “¿E logo, quen vos fixo as sentencias?”. Dábaselles importancia segundo quen fose o Autor, o “espada” destas “corridas”. Non era preciso que fose da parroquia, pero había que confiar nel, non só para a letra senón, e tamén, para dirixi-los ensaios, que sempre se fixeron coa porta pechada, coa máxima discreción.

De letristas anónimos, nada; outra cousa era que non as rexistrasen como propiedade intelectual, e que todo o mundo as copiase, ¡había poucos papeis para ler, para practica-la lectura!, e que incluso as imitasen, tal que se fosen coplas de cego. Copias copiare, ían pasando de man en man, ¡e iso si que era cultura popular! Por certo, que a influenza do “Catecismo do Labrego”, de Valentín Lamas Carbajal, tanto nas “corridas” do galo como na ideoloxía e nas reivindicacións labregas, foi tremenda; vendeuse profusamente nas feiras de Castroverde, por entregas; e seguidamente foi copiado de xeración en xeración. Podo referir a anécdota de que, desprazado para “facer escola”, nos anos 1.946 e 1.947, tanto en Santa María de Piñeiro como en Librán, en ambas parroquias, ben distantes entre si, os vellos do lugar sabíanse de memoria o Catecismo do “Tío Marcos da Portela”, se cadra aínda mellor có da doutrina cristiá do P. Astete!

A teima da xustiza nos nosos paisanos non é, non foi, episódica; vén de vello, e témola pouco estudada. É indubidable que a condena do galo, en todas as celebracións deste tipo, presupón, tácita ou expresa, a presenza dun poder sancionador, que non sempre, nin en todas partes, requiría as formalidades dun tribunal convencional, pero na nosa bisbarra dábanse acenos especiais, pois sempre se puxo moito énfase no procedemento das sentencias: testemuñas contraditorias, acusación, defensa, testamento, ou sexa, últimas vontades, etc. Nalgún caso ata se designaba un “Presidente da Audiencia”. ¡En definitiva, que había que xustifica-las condenas, fosen do galo ou da Pascua!

¿Quedarían secuelas daqueles tribunais da Inquisición? É ben certo que por aquí tivemos dominicos, pero os nosos, aqueles xerarcas das nosas leiras, tiñan máis de granxeiros que de tridentinos. Tamén é certo que as nosas igrexas foron sucursais de Valladolid, e os casteláns –precisamente recollo un pensamento de Castelao- sempre foron máis papistas có propio Papa. Pese a todo isto, a tolerancia relixiosa, non só en Castroverde senón en toda Galicia, sempre foi proverbial, que aí temos o acollemento que se lles fixo ós xudeus expulsados de Castela. Concretamente no Corgo, aquí ó lado, aínda se conserva o apelido Jacob, rotundamente xudeu; igual pasou na parroquia de Librán, (Valeira), onde se deu a casualidade de que a casa máis próxima á igrexa, hoxe en ruínas, na que funcionaron tradicionalmente como sancristáns da mesma, era a da Eirexe, ¡de apelido, San Miguel! ¡Outros conversos! Cabe do Rego dos Lagartos, aquí en Castroverde, está o lugar de Toldaos (toledanos, xudeus vidos, escapados, da parte de Toledo).

Se establecésemos un paralelo cos “Carnavais” actuais, habería que ganduxalo, porque non se sostén nin nas propias raiceiras:

Aquel onte estaba preñado de rebeldía baixo a careta dunha submisión vasalática; este hoxe, coa rebeldía exteriorizada, legalizada, converteuse nun taboado de marionetas, no que somos manexados coma nunca, pero con fíos invisibles. ¿Por quen? ¡Por todo o mundo circundante, empezando por nós mesmos: polas nosas pretensións, polas nosas apetencias desmedidas, as promesas políticas, os xeos empresariais, os medios de comunicación, a crueza da globalización, eses americanos que nos venden billetes para ir á lúa, unha mecanización que nos converteu en parafusos sen osca, etc. etc.!

Quédanos, pois, acoutado o estudo da nosa teima pola xustiza, que aquí debeu ter as súas complicacións dada a concorrencia de tan variadas xurisdicións en tan pouco espazo:

. Ata xunto da casa da Veiga de Pena (outros din que o fito era o cruceiro das Veigas de Feás), chegaba a xurisdición de Lea.

. En Montecubeiro aínda temos os alicerces do cárcere do Barreiro; e no propio San Cibrao están as casas da Picota, ou cepo dos escarmentos, que recolleron esta lembranza no seu topónimo.

. Da xurisdición de Castroverde quédanos a Praza do Rollo, ó sopé do castelo. Este “rolo” infamante foi eliminado en virtude do Decreto de 26 de Maio de 1.813, por inspiración das Cortes de Cádiz. ¡O rolo non queda, pero a quen lle gusten as emocións fortes suxírolle que se dea unha volta polo Museo de Lugo, que alí, colgadas no mesmo patio, consérvanse as cadeas e mailos grillóns de Castroverde! (O cepo desapareceu, ou está retirado).

. En Pena, antigo señorío das casas de Mondriz e de Carballedo, onde os Osorios e mailos Pardo nomeaban xuíz ordinario.

. O do Picato, que lle correspondía ao Marqués de Castelar.

. Outros señoríos pola parte de Cellán, Pumarega, Soutomerille, Vilafrío, etc.

Como vedes, Xustiza había. Había tanta, que probablemente o que faltase era xustiza; e de aí veña a fame e maila sede que dela tiñan os nosos devanceiros.

.../...

Nos capítulos seguintes daranse fragmentos, comentados, de varias “Corridas” celebradas nesta bisbarra.

No hay comentarios: