Miscelánea
Os lusiadas
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
Falando da Memoria Histórica: Sempre tiven para min que merecen máis atención os antiheroes cós heroes. Os heroes xa están estudados, exaltados, polos vencedores de tódolos tempos; nos libros, nos periódicos, no cine…; ¡e incluso nos mausoleos! Dos “anti”, ¡vaia vostede a saber cal foi a causa da súa derrota, do seu esquecemento, e ata da súa difamación! A historia dos ananos ou é un traballo mal feito, ou está sen facer.
Falando destas cousas cun amigo da parroquia, concretamente cun ferreiro, co señor Vicente da Ponte, do que xa me teño referido neste “blog”, fóisenos a conversa ao Blanco de Cobula, (José Blanco García, fusilado en Montecubeiro no verán do ano 1.937), un santo incógnito, que nunca irá aos altares pois nin era Cura nin das dereitas. Nestas, díxome o señor:
-Se volvo hoxe por aquel campiño, aí entre Pena e San Cibrao, estou seguro de identifica-lo punto onde teu padriño, e con el outros feirantes, atoparon ao Blanco de Cobula e mais ao Muiñeiro da Laxe, ámbolos dous, xuntos, caídos en cruz, un por derriba do outro. ¡Aquela encrucillada era un bo sitio para situar un cruceiro…, agora que os poñen ata nos xardíns!
-¡Cruz a deles, xa que caeron, ou os tiraron, encrucillados! –Foi o que lle respondín, engadindo esta pregunta: -Por certo, ¿Como era aquilo que me ten contado dos mitins do señor Blanco? ¡Quixera lembralo…, por se fago algunha referencia diso, que a min gústame respecta-la historia, e con máis motivo a do noso Castroverde!
-¿Refíreste ao asunto dos lusos?
-¡Si, si; iso!
-Pois…, o Blanco de Cobula era famoso, aquí e mais na Habana, pola súa forma de falar; ¡un mestre manexando as verbas de dobre sentido!
-Anfiboloxía, se chama. –Metinlle este inciso petulante, pero ao señor tíñano sen coidado as matizacións da semántica.
-Parecía tan pícaro, -proseguiu-, e despois, por dentro, era un bendito, un católico sentimental, pura ortodoxia, ¡que por algo lle tiñan envexa máis de catro! ¡Envexa e avaricia, que os do cuartel de San Cibrao pasaron…, meses…, comendo das súas ovellas e dos seus cabritos! Á saída da Misa, aquí no adro, poñíanse a imita-los mitineiros de entón, de tal xeito, que tódolos veciños o provocaban polas súas habelencias niso da parodia. Lémbrome que sempre empezaba as súas peroradas dicindo, “Queridos amigos, galegos i lusos…”
-¡Si, si; a iso me refiro; conte!
-Pois…, ¡que non houbo cristián que conseguise entender se o Blanco dicía, “galegos ilusos” ou “galegos i lusos”. Ao Cura Lugilde, só lle contestou: “Señor Cura, o que dixen, dito está, que así falou Pilatos; mais, se quere estar seguro das miñas ideas, voulle insistir que eu sempre digo as dúas cousas, ¡e as dúas a un tempo! Agora vostede escolla o sermón segundo se lle axeite, que sempre fai así: ¡Que pensa que os galegos van de par dos lusos…, pois por min está ben; e se coida que os galegos somos uns ilusos, tamén é certo, que á Historia me remito!”. Lugilde enfadouse, e marchou para a igrexa, ¡se cadra rezando en latín, por vinganza, que era algo que non lle entendía o…, ¿Cómo dixeches que se di? ¿Anfibolóxico, non si?
Naquela temática acabei referíndolle unha da Fonsagrada, ¡das antigas, claro, que as recentes aínda estaban verdes! Non a coñecía o señor Vicente, e iso que se sabe estes Municipios de memoria. Trátase disto, contado en poucas palabras:
-Aquel muñidor de don Manuel Portela chamábase Cándido, Cándido Fernández, pero vostede non o confunda co enxeñeiro “Montoutiño”, ese que lles empedrou a estrada desde o Cádavo, ¡que aínda hai clases, como vostede di!
Segundo meu padriño, foi aló polo Dez, daquela que Portela saíu Deputado polo Distrito electoral da Fonsagrada. Xa sabe que lle tiraron unha copla que dicía “Por aquí pasou Portela, pagando os votos con pan e viño; pero detrás, con auga, veu o seu xenro, Montoutiño…” O propio don Manuel, nun agradecemento rutinario, mesmo segundo montaba na besta do Cándido para baixar ao Cádavo, invitouno a Madrid, que o visitase alí nas Cortes, ¡pero non lle dixo como nin cando! Todo isto seica se soubo por un veciño da Lastra, censado en Madrid, que daquela traballaba un dos primeiros taxis que se viran na Estación do Norte, esperando polos galegos a cada tren que chegaba:
-¿Pero ti, alma cándida, que fas aquí, en zocas? –Preguntoulle aquel paisano, aquel taxista.
-¡Díxome don Manuel, xa sabes, o Portela, que quere verme nas súas cortes; non sei se é que vai estercar, agora no outono; e mais todo por aquí non vexo leiras, que tódolos arredores están de arboredo!
-¡Claro, home, claro, que este de aquí enfronte é o Paseo de la Chopera? ¡A ver, Cándido, agarra ese petate e métete no taxi, que primeiro imos á miña casa, para que te poñas presentable, que vés máis afumado do tren que se andases un mes nos terróns, tal que no Campo da Matanza!
-Tamén teño dúas sacas…, estas!
-Oes, que vultos fan, que mancan no lombo… Logo parecen xamóns; ou non?
¡E sonos, que mos deron os amigos de don Manuel…, a ver se lles consigo cousas! Tanto que nos prometeu daquela, e mais os rapaces seguen indo para África, ao Servizo Militar, coma sempre, que mesmo antonte viñeron os gardas, alí á Fontaneira, por un fillo da Remedios… ¡Cómame nunca o demo, que esta situación vouna arranxar eu!
-¡Cándido; máis que cándido! ¡Pero qué listo foi teu padriño, un home cabal!
O paisano notoulle algo de chanza ao taxista, así que lle aplicou a mellor dialéctica, que non debía ser tan mala xa que tantos votos lle conseguira ao señor Portela:
-Don Manuel é un home de palabra, e a min estame obrigado, que daquela metinlle moitísimos votos na ola, ¡ás dúas mans! ¡Xa verás como cumpre coa palabra que nos deu!
-¡Pero mira que es animal; eu refírome ao teu padriño de pías, ao que che deu ese nome!
-¿Ai, ese? ¡Éche do Queirogal, duna casa moi boa pero está indo a menos porque vai vello, e os fillos seguen en Cuba, ámbolos dous, que ata o morgado faltou aos seus deberes…, diso, de morgado! Seica teñen un negocio de hoteis, que din que é o que se acostuma facer na Habana, pero eles aínda non viñeron, ¡nin ricos nin pobres! –Respondeulle Cándido, cándido coma sempre, pero orgulloso de tal padriño e de tal nome.
O taxi arrincou por aquela costa arriba, e Cándido, escarranchado naqueles asentos de gutapercha do coche, sentiuse dono de Madrid. ¡Tan feliz se sentía naquela Corte tan limpa, que se durmiu, ao momento!
-¡Hala, Cándido, esperta e carga cunha destas sacas, que imos subir ao meu piso…, para que te metas na bañeira, que despois falamos do que queiras!
-¿Chacho, e ti vives aquí? ¡Non te facía desta categoría!
-¿E logo, por qué o dis?
-¡Moi alto te ves, que xa contei cincuenta chanzos! ¡Casas destas…, nin en Lugo!
-¡Isto é para que vexas a categoría que ten en Madrid un taxista; eu, polo menos!
Chegaron ao pisiño, que era un ático de pouco máis de media altura, pero podía ser peor tal e como vivían os nosos paisanos, daquela, en Madrid. Abriulles a porta a señora Xosefa, unha muller toda esbrancuxada e anémica, que parira seis fillos, e aleitara, de paso, a seis señuritos madrileños.
-Á miña muller xa a coñeces, ¿non si?, que veu de aló de Quintá, abaixo do Cádavo. ¡Foiche criada de dona Ramona Lombardero, a muller dese tal Salmerón!
-Tanto gusto, señora! Pois eu sonlle o Cándido da Paradavella, pero casei na Lastra… ¿Lémbrase de min?
-¡E non hei! Das feiras do Cádavo, que vostede era tratante en porcos…!
Daquela deron en falar da súa terriña, que sempre foi o tema de cabeceira dos nosos emigrantes. O taxista contoulle ao Cándido que el, cando foi a Madrid, para servi-lo Rei, ¡o Rei e o que cadrase!, alí en Caballerizas, todos lle preguntaron que de onde era.
-¡Pois eu…, de Neira do Rei, despois do Cádavo!, lle dixen ao Sarxento, todo farruco, pero como aquel tío era andaluz, non me entendeu ao xeito, e daquela foise coa chunga ao Xefe, “Mi Capitán, que ezte gallego ez una neneira del Rey, y quiere zer Cabo, o lo que venga dezpuez de Cabo! ¡Mira ti que terá que ver un Cabo co Cádavo, pero esta xente de por aquí só escoita o que quere oír! Así que daquela mesmo me fixeron Cabo, ¡sen estudar nadiña! Coido que foi unha quintada deles, para rirse de min, pero, ¡o nabo de Lugo!, que de seguida aprendín de todo, incluso as leis penais, ¡e aquí me tes, feito un chaufer! Calquera destes días vouvos ver ao Cádavo, co meu Ford, que seica deron en chegar por aló os autos, grazas á estrada… ¡Éche un Ford “T”, ou que te cres! Destes coido que aínda non os teñen en Lugo…
Despois de comer fixérono levantarse da mesa, que mentres xantaron quentouse a auga, que aquela mugre outro remedio non tiña.
-¡Ai, ho, Deu-volo pague, que vou ben limpiño, pero terei que irme, a ver se atopo a don Manuel, antes de que se deite, que daquela que foi á Fonsagrada sempre se deitaba con día, pero, iso si, despois espertaba aos galos! ¿E ti, Ramonciño, poderías levarme, no auto, á súa casa? ¡Xa sabes, por culpa dos saquetes!
-Mira, Cándido, -lle dixo entón a muller do taxista, que algo de protocolo dese dos señores aprendera na casa dos Salmerón-Lombardero-, terás que poñer uns zapatos do meu Ramón, que coas zocas…, aquí en Madrid…, ¡vante levar preso! E despois diso, é mellor que o Ramón fale co chaufer do señor Portela, e que lle pregunte cando pode recibirte… Ti, mentres, esperas abaixo, no Ford… As cousas hai que facelas ben feitas…, ¡como lles gustan aos señores!
-¿A min? ¿Recibirme, a min? ¡A calquera das horas, que xa mo dixo daquela, cando foi o das eleccións! ¡Faltaría menos!
Seica custou traballo calmalo, pero máis aínda facerlle deixar un daqueles xamóns…, ¡para axuda dos gastos!, pois todo se lle volvía dicir que todos tiñan dono, e que cada xamón era para a súa cousa, proporcionados, que así don Manuel levaría ben as contas dos favores que tiña pendentes de cumprir con aqueles electores seus, ¡tan necesitados da súa lembranza!
Entrevista persoal non chegou a conseguila, pero Memorandum de peticións si que houbo, que o redactaron os dous chauferes, ¡ao ditado do Cándido, por suposto! Cos xamóns, de momento, con todos menos co da señora Xosefa, quedouse aquel intermediario, o chofer de Portela Valladares; se cadra con intención de repartir de novo…, ¡desde que tivesen ao Cándido de volta, no tren Correo de Galicia!
Alta geraçao, ínclitos infantes… ¡Si, iso dicía Camoens dos seus, que tamén, meus pobres, as súas pasáronas! De postos a emigrar, tanto tiña ser de Tras os Montes coma dos Montes da Fonsagrada; tanto daba ir á India como ás Indias, ou a Madrid, que parecidas aventuras e desventuras tiveron uns e outros, galegos e lusos, ¡que todos eran, foron, en definitiva, ilusos, pobres ilusos, restrebados polo mundo adiante, e servindo para canto servizo houbese! Esta é a conclusión á que chegamos o señor Vicente da Ponte, un ferreiro experimentado, e eu un simple aprendiz do vivir, do vivir cotián.
¡Que tempos! Dá vergoña, incluso contalo, ¡e menos mal se non temos recaída, que polas trazas…!
No hay comentarios:
Publicar un comentario