ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS: NON AO
PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!
Marcha nacional en defensa do litoral. 4 de novembro, 12h no porto de Corrubedo.
Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta.
Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e encefalogramas planos nos despachos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido ambiental: Millóns de metros cadrados de litoral liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes– cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido social: A Xunta pretende agasallar ás empresas con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido económico: A acuicultura en terra só representa o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo –e mesmo poñendo en perigo– a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, chamamos ás galegas e aos galegos a berrar connosco no Porto de Corrubedo, o 4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá, contra esta aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a Xunta.
CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.
APOIAN (a 24 de outubro): Greenpeace, Quercus (Portugal), Amigos da Terra, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Comite Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, Colectivo Fusquenlla, Colectivo Ecoloxista Verduxo, Ortigueira Sostible, Plataforma Ártabra21, Comité de Defensa das Rías Altas, Rede Litoral Vivo, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Altofalante (Ribeira), Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes, Asociación Amigos de Corrubedo, Plataforma Veciñal contra a piscifatoría de Baroña, Asociación Cultural "Fuco Buxán" de Ferrol, BNG do Barbanza, Asociación Pau da Luz (Corrubedo), Asociación Cultural Barcas do Minho (Chantada), CNT-Compostela, PP de Ribeira, BNG de Porto do Son, Asociación profesional XORNAGA (Xestión e Organización de Recursos Naturais de Galiza), Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Rede Litoral Vivo, Veciños/as das Mariñas (Oia), IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira), Foro Social Temos Dereito a Saber, 'O Ribeiro', Bouzas Móvete, Confraría de Pescadores de Corcubión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario