Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 noviembre, 2007

Miscelánea

Crime e Castigo

Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella


Non, esta historia non é de Castroverde, nin tampouco dos seus arredores, pero o relator si que o é, e logo que todo iso é relativo porque Sodomas e Gomorras tamén as hai en Galicia, ¡con ser unha Terra Santa, outra! ¿Quen non ten visto algún western, e tirado deles a súa moralexa, por máis que nos queden lonxe, no tempo e no espazo? A presente coido que non ten moral, nin moral nin moralexa, pero o que é pasar, pasou, que diso dou fe!
O bo señor, ademais dun stradivarius, e de varias casas que se fixo construír en Lugo, tiña don, ¡por Salamanca! Sobre diso, unha criada xamón, ¡para todo uso!, daquelas de antes, que ben merecía un testamento…, ¡a falta doutras satisfaccións! Eu tratábame cun irmán do ricacho, pero agora xa podo contalo pois ámbolos dous están…, ¡polo menos, no Purgatorio! Encontrándose enfermo o ricacho, dunha enfermidade incurable, díxolle seu irmán:
-A ver, rapaz, ¿que che dixo o Médico?
-Pois…, ¡que testar non mata a ninguén, pero eu sonche algo supersticioso!
-¡Niso ten razón, que matar non mata! Mira, ho, por nós non te preocupes, que para vivir temos, e aínda nos sobra algo, pero está o caso desa Manuela…, ¡que che merece un agasallo!
-¿Esa tetuda? ¡Xa o ten! ¿Ou non é pouco que podan casar con ela, cando eu falte, coma quen di, coa viúva dun rico? ¡Daquela vana pretender tódolos mozos da súa parroquia, tódolos palurdos…, coidando que lle deixei o saquete dos euros!
-Desde logo, irmán, ti non tés conciencia. Unha muller que te serve tan ben; unha moza na flor da súa vida, arrimada cun vello asmático…, ¿e vala deixar sen sostén?
-¡Nunca o levou…, que así non tiña que quitalo!
-Mira, voume, que teño o coche mal aparcado, e ti fai o que queiras, que contigo non razoa nin o demo maior! Se precisas algo, ou vas a peor, que nos chame Manuela…
-Espera, ho, espera, e alcánzame esa carteira dos documentos; esa que teño na silla…
-¿Que vas facer?
-¡O que ti querías, irmán; un cheque de medio millón de euros…, para darllo á Manuela!
-¿Tanto? ¿E non será moito?
-Ti queres que a deixe recoñecida, non si?
-Home, é que…, se lle das agora ese diñeiro, daquela…, ¡daquela igual deixa de coidarte, e como nós vivimos na Coruña…! ¡En fin, fai o que queiras, pois o diñeiro é teu, pero eu agardaría a que cobremos eses pisos da nova urbanización…!
Tocáronlle o timbre á criada, que pasou ao dormitorio, de seguida, cun cafeíño quente para o enfermo, toda agarimosa:
-¡Xa os oín parolar desde a cociña, e falan demasiado, que este home, alasando de continuo, non debe fatigarse!
O enfermo:
-Irmán, ¿ves canto me quere? ¡Pois eu penso corresponderlle! Toma este cheque, Manueliña, que vai sen datar; pero doucho cunha promesa: Se me vou de viaxe, ¿entendes?, daquela cóbralo, ¡no mesmo día do óbito, que así é diñeiro negro…, e non pasa por Hacienda! Pero…, se chego a levantarme desta cama, entón mercareiche unha casa, aquí mesmo, no centro de Lugo, e coas rendas non precisas casarte! ¿Váleche?
-¡Que cousas ten: tanto que o coido, e vostede pensando en morrer!
Uns días despois atopámonos de novo na Coruña, e vin que o meu amigo levaba unha garabata negra. Decatándome do que pasara:
-¡Ben que o sinto; e tamén que se me pasase a necroloxía, que sempre as leo no El Progreso!
-Non a houbo, nin esquela nin funeral! Coidamos que, se está no inferno, daquela serían gastos inútiles. ¿Enténde-la cousa?
Quedei sen verbas ante un caso da maneira, pois máis gordas cá esta nin ao Fedor Dostoievski se lle houbesen ocorrido. Pero o meu suspense durou pouco, que deseguida tiven as aclaracións pertinentes:
-¿Coidas que se librou do inferno un home que lle deu á querida, in articulo mortis, un cheque de quiñentos mil euros? ¡Pois si! Pero, o que son as mulleres de mal vivir: ¡Aínda ben non saíra eu de xunta a meu irmán, aquela prepa foise ao Banco, co cheque!
-Ti falárasme dunha certa condición…
-¡Falara; pero o que non che dixen foi que meu irmán, un home previsor onde os haxa, naquela conta só tiña calderilla, que a usaba para paga-los recibos da luz…! A Fulana, ante o refuse do Banco, achegouse á Notaría máis próxima…, ¡para protesta-lo cheque, e coa mesma xa non volveu para xunto do enfermo, que morreu en solitario! Ao terceiro día deuse o casual de que chamei para dicirlle que xa ían ingresar aquel diñeiro dos pisos, e como non me collían o teléfono, presenteime en Lugo… O Forense certificou que o rigor mortis era como de corenta e oito horas…
-¿E agora, que?
-Estámosche en preito coa Fulana, que esa golfa, encima do seu abandono, chámase aos cartos! ¡Claro está, nos dicimos que lle roubou o cheque, que o tiña firmado para min, para seu irmán, que me encargara venderlle unhas casas, cos poderes recíprocos que tiñamos, e que lle ingresasen naquela conta os compradores das mesmas, como diñeiro negro, que mellor nos será pagar unha multa que perdelo todo!
-Nese caso, ¿quen pensas que gañará o preito?
-¡De momento, ela, que xa se casou cun cubano, un tipo que ten uns bíceps coma as polas dun carballo!

E despois hai quen di que este mundo non é divertido… ¡Eu diría que, tanto como divertido, o que é, é variopinto! De postos a reflexionar, neste caso e noutros parecidos, a pregunta que se me ocorre é, ¿cales abundarán máis, os anxos ou os diabos? Gustaríame sabelo, pero, ¿a quen lle pregunto?


No hay comentarios: