Lugo 5 de Novembro de 2007.
Na Serra de Outeiro Maior, dentro dun ámbito de 37 kilómetros cadrados que afecta aos concellos de Castroverde, Corgo e Lugo, a empresa Ingemarga dispón dun permiso de investigación mineira, tendo proxectadas dentro do mesmo varias explotacións de granito, identificadas co nome "San Javier". Varias destas explotacións afectan aos Montes Fontenla e Lavandeira, no concello de Castroverde, propiedade comunal das parroquias de Barredo e A Meda, os cales se atopan coroados por cumios de nomes evocadores –Pena Branca, Pico do Outeiro, Castriño de Abaixo, Castriño de Arriba, Pena da Sarna, Pena da Ruza,...-, verdadeiros fitos paisaxísticos que son, á vez, miradoiros excepcionais dende os que é posible divisar fermosas panorámicas que se estenden en todas as direccións a kilómetros de distancia.
Nestes cumios, escasos de vexetación, aflora o estrato rochoso, singularizado pola presenza abundante de grandes bloques graníticos, redondeados polo paso do tempo e o azoute dos axentes climatolóxicos, configurando unha paisaxe case "escultórica" que nos transmite toda a forza e a esencia da xea. Algúns destes bolos pétreos, desafíantes das leis da gravidade e que semellan conxelados no espazo e no tempo por milagre da natureza, son especialmente aprezados polos practicantes de certas formas de escalada, mesmo de fóra de Galiza, ao escasear as formacións naturais axeitadas para estes deportes.
Esta área serve, ademais, de hábitat a coellos de monte e outras especies de interese cinexético, escasas noutras partes do concello de Castroverde.
A Pena Branca, o Pico do Outeiro e outros cumios próximos destes montes atópanse íntimamente vencellados ao Camiño Primitivo -discorrente a pouco máis de kilómetro e medio ao sur-, definindo conxuntamente un "territorio" identificable por razóns históricas e paisaxísticas.
O valor destes elementos patrimoniais ponse de manifesto nos propios plans da Xunta de Galiza, entre os que se contempla a recuperación de Soutomerille e desta parte do Camiño Primitivo, vindo deste xeito a ratificar a necesidade de salvagardar a contorna destes bens.
As canteiras proxectadas nestes montes pretenden a extracción de granito para fins ornamentais, o que permite á empresa promotora beneficiarse das enormes prerrogativas previstas na lexislación de minas, como a de ocupar os terreos afectados en contra da vontade dos seus lexítimos propietarios (comunidades veciñais de Barredo e A Meda).
Trátase de canteiras a ceo aberto -co impacto paisaxístico que isto implica, agravado polo alta exposición visual dos frentes de explotación, previstos nos cumios- e están previstas para un tempo de actividade longo (30 anos), recoñecéndose no propio estudo ambiental realizado que os impactos producidos non se poderán empezar a recuperar ata a finalización. Estes aproveitamentos mineiros baséanse nunha investigación previa, consistente en sondaxes que non superan os 17 metros de profundidade, o que revela a intención de desenvolver explotacións superficiais, de grande economía para a empresa promotora pero que implican, pola contra, unha estensión e un impacto paisaxístico moito maiores.
De levarse a cabo, a incidencia destas explotacións sería estremadamente alta, así como prolongada no tempo, tanto polo que se refire ao impacto paisaxístico -pola alta visibidade das zonas afectadas, dende varios kilómetros á redonda-, como en especial, sobre a parte destes montes visible dende o Camiño Primitivo. Estas canteiras proxectadas tamén afectan aos propietarios destes montes, como os veciños de Barredo, con proxectos de rexeneración e aproveitamento forestal -plantación de especies forestais autóctonas- iniciados recentemente- e con varias captacións de auga que se poderían ver afectadas como consecuencia daquelas.
Nos estudos de impacto ambiental realizados pola empresa mineira non se contemplan, como deberan, alternativas de localización das zonas de explotación. O criterio básico para seleccionalas foi o de buscar a máxima facilidade e economía de extracción, o que fai que zonas onde o granito aflora á superficie, como as dos cumios citados, sexan as primeiras candidatas.
En resumo, a ameaza real de degradación que se cerne sobre os montes de Barredo e A Meda só é entendible dende a óptica da optimización do beneficio empresarial, nun contexto socioeconómico que se resiste a abandonar as fórmulas de "desenvolvemento fácil" (explotación irracional dos recursos naturais), o que fai necesario, máis que nunca, a concienciación e reivindicación cidadán, para trocar dito modelo cara a formas de aproveitamento sostible que non poñan en risco o patrimonio e disfrute colectivos.
Polos valores históricos, paisaxísticos,… aos que se fixo mención, estes deben ser obxecto dunha especial protección que garanta a súa conservación e mellora, póndoos a salvo de calquera actuación que poida estragalos, como serían as canteiras proxectadas.
Existen diferentes vías para acadar dita protección, como a que brinda o Plan Xeral de ordenación do concello de Castroverde, actualmente en revición, e as previstas na Lei de conservación da natureza, na que se definen diferentes réximes aos que se podería acoller a paraxe afectada: "monumento natural", "paisaxe protexida", "espazo protexido de interese local" ou "espazo privado de interese natural", pudiendo ser instada a correspondente declaración mesmo por particulares.
DESPOIS DE ENVIAR ESTAS ALEGACIONS A XUNTA DE GALICIA DEVOLVE O PLAN XERAL O CONCELLO, PEDINDOLLE QUE INCLUIA OS MONTES AFECTADOS POR ESTAS CANTEIRAS COMO ZONA A PROTEXER DE CALQUER IMPACTO. TAMEN OS COMUNEIROS DO MONTE DA MEDA QUE AINDA NON SE DECIDIRAN A IR EN CONTRA DAS CANTEIRAS, ACABAN DE MANIFESTAR O APOIO A ADEGA, E AOS AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE.
Tamen temos que dar as grazas aos veciños do monte de Barredo, aos Socios e colaboradores de AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE, asi como os socios de ADEGA LUGO.
No hay comentarios:
Publicar un comentario