Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 marzo, 2008

Miscelánea


Hoxe empeza Abril…



Xosé María Gómez Vilabella



Non, non é igual resucitar en Castroverde que facelo, poño por caso, no Sáhara. ¡Ese é outro dos favores que lle debo a Deus, que me salvase, que me dese unha prórroga naquelas liortas da entón chamada África Occidental Española!


Abril, flores mil; e sendo en Castroverde, ¡dez mil! Por algo teño encargado que as miñas cinsas se depositen ao pé do meu cercis siliquastron, na propia finca das “Andoriñas”. Se me vou no verán, polo menos as pegas acudirán ao meu transplante; e de acaecer no outono, as follas dos carballos baixarán para darme abeiro por debaixo da saba branca desas neves invernías que adoitan baixar do Pradairo. Así, cando chegue a primavera, o que de min quede será flor, herba, cheiro vexetal.

Estes luxos, para min, valerán máis que tódalas necrolóxicas que alguén me poda dedicar. Avanzada esta longa vida de traballo e de traballos, de amigos e de inimigos, ¿onde mellor se pode estar, que outra aspiración se pode ter, que supere o pracer de situarme cerca dos meus entregos, e con eles, aqueles veciños, aqueles mestres, aqueles compañeiros da escola, todos aqueles que me axudaron a formarme, particularmente os supostamente inimigos pois, ¿quen fai por ti, pola túa madurez, pola túa purificación, máis que os inimigos? ¡Sen o estímulo dos inimigos aínda estaríamos nas cavernas, tal que na Cova da Valiña!

O que lea isto que non se equivoque, que non estou fúnebre, senón todo o contrario: ¡Estoume anticipando á miña resurrección primaveral! Daquela, isto é poesía, por máis que así non o vexan os mentalmente cegos! As coroas que adoitan aportar nas funerarias están rotas, arrincadas, partidas…; pero aquel que se durma en Castroverde, ou que para alí o leven, terá, teremos, un xardín perpetuo, o que queda do Paraíso Terreal!

Iso de situar o Día dos Defuntos á entrada do inverno, é un erro litúrxico. ¡Abril é o tempo dos defuntos! En Abril todo renace, todo florea…, ¡todo resucita, particularmente en Castroverde!



No hay comentarios: