Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

04 marzo, 2008

Seriais literarios

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Esta novela sociolóxica recolle/pretende recoller,

ou formular,

unha sátira retrospectiva do apoxeo que tivo o

caciquismo rural

nos séculos XIX / XX

¿PÓDESE PASAR?

Conto vello

Segunda edición

escanear0006

A primeira edición publicouse en formato de libro clásico,

pola Editorial Berlán, no ano 1.991,

hoxe esgotada.


Non, non é un libro de Historia,

mais,

pola cuestión que lle serve de fondo,

¡igual puidera selo!

___


P. Pois, como se obrou o misterio da conceución do Sacretario?

R. Na mala idea do señor Alcalde meteu o cacique o mal pensamento de que para acabar co País era perciso un home de sangue moura, malas entranas e piores feitos; por un sopro do demo saíu un corpo como o cobizaban, uníronlle un alma atravesada, firmaron o nombramento, i o que denantes era solasmentres home quedou feito Sacretario.

Frei Marcos da Portela

(Valentín Lamas Carvajal)

Catecismo do Labrego

A.D.G. de 1.889

Tivo razón D. Valentín ao afirmar que aquela figura, a dos Secretarios de Concello, (estámonos referindo ao século XIX, non se interprete mal!), foi diabolicamente concibida. Daquela foino para:

. Prevalerse dos seus coñecementos técnico - xurídicos a cambio dun modesto salario, tal e como ocorreu cos escribáns dos Señoríos, desde a Idade Media. ¡Quen manda, paga; e quen paga, azouta! Así lles botaron as culpas, as referencias, de tódalas falcatrúas, de tódolos chanchullos emerxentes, fosen converxentes ou diverxentes, visibles ou invisibles ao exterior. O señor Alcalde e mailo/s Cacique/s eran veciños e amigos, xeralmente da propia Vila, mentres que o seu Secretario, de ordinario, non; por ende, como foráneo que adoitaba ser, un tipo desgregable e indefenso, dos de usar e tirar, ¡se tal se terzaba!, xa que, para máis inri, para máis indefensión, fóra do de chupóptero, outro oficio ou dedicación xeralmente non tiñan, que nin se lles acomodaba, pois aquela función era das que imprimen carácter.


Este maquiavelismo, este fabricar, ad hoc, cabezas de turco, estaba ao alcance de calquera dos caciques; ¡de todos! Formaba parte do sistema: Os Secretarios preparaban e daban apoiatura legal aos manexos, ás chafalladas caciquís. A cobertura moral, paralelamente, prestábanllela, de grado, os Curas do rural, ¡outros conseguidores!, en mil maneiras beneficiados por aquel triángulo, por aquelas ententes municipais. Nas vilas onde houbese Médicos e/ou Boticarios , este elenco ampliábase, pero con frecuencia os Facultativos complicaban aquel equilibrio local, máis ben polas súas desavinzas filosófico - científicas, ou pseudocientíficas, leándose a miúdo cos homes da Igrexa, en xeral bastante curtos de preparación, integristas a máis non poder, a dar cun martelo; catacaldos, rutineiros, indolentes e intolerantes, todo xunto e todo por tras do seu sorriso beatífico, e da súa voz marmuriosa, cun pietismo de ensaio. Iso á parte dos pecados, propios e/ou xerados, de quen andase pringado, pringado e pingado, dos que participasen naqueles pasteis crematísticos, enfornados, avivados, naquelas tertulias, naqueles conciliábulos, das chamadas “forzas vivas”. ¡Ou máis que vivas, vividoras!

En definitiva, que se alguén debe estar agradecido á democracia son os señores Secretarios; por suposto que xunto cos demais Técnicos e Administrativos da Función Local, pois, ao delimitarse os seus cometidos, as súas atribucións, coa mesma quedaron exonerados, de jure et de facto, de culpas alleas; por engado, bastante asépticos daquelas trapisondas nas que se viron involucrados, a cotío, ás veces inexorablemente, no réxime franquista, naquel de, ¡as franquías para os amiguetes, para os da “adhesión inquebrantable”!

O retrato que aquí se pergeña, un tanto caricaturesco, por suposto, só pretende conservar para a Historia, pasar á Historia, á Memoria Histórica, algunhas, só algunhas, daquelas compoñendas, clásicas, preconstitucionais, daqueles homes…, ¡públicos!, do franquismo, verdadeiro aluvión endogámico de certas familias, que se constituíron nunha masonería apaixonada, efectiva, precisamente, contraditoriamente, no senso da corrupción amiguista que se lles atribuía aos do triángulo aquel, aos do ¿triunvirato? Esta nova ¿irmandade?, precisamente coa Lei de Represión da Masonería na man, xerou a máis correúda das masonerías, un entramado, monolítico e monopolizador, excluínte en tódalas áreas do poder e da influencia. Pero, centrándonos no tema: O XX deixa/deixou tras si un bo rosario de experiencias municipalistas, de nin se sabe cantos misterios, pero con poucas glorias:

O primeiro dos intentos rigorosos para reforma-lo Réxime Local propúxoo Maura, tomando corpo naquel proxecto de 1.907, pero acabou, despois dunha morea de emendas, ¡como tantas outras reformas socio - políticas!, na papeleira oficial, ou sexa, ¡empantanado nas Cortes!


Primo de Rivera, no seu peculiar estilo, a golpe de espolas, permutou o sistema de Concelleiros polo de Forzas Vivas de cada localidade. Tras súa, Calvo Sotelo, sendo Director Xeral de Administración Local, pretendeu evolucionar aquel coup de fouet elaborando uns novos Estatutos, Municipal e Provincial, pero non houbo vontade política para levalos a efecto, a pesar de que se trataba, obxectivamente, de aplica-los principios, os principios e mailas técnicas, dun goberno municipal máis avanzado. ¡Iso recoñecéuselle, incluso por xuristas marcadamente esquerdosos!

A obra de efectiva adaptación democrática dos Axuntamentos iniciouse co Decreto de 16.6.1931, que restableceu a Lei Municipal do ano 1.877, se ben deixando en vigor unha parte do Estatuto Municipal de Primo de Rivera. O art. 9º da Constitución do 31 establecía que, "Todos los Municipios de la República serán autónomos en las materias de su competencia y elegirán sus ayuntamientos por sufragio universal, igual, directo y secreto, salvo cuando funcionen en régimen de Concejo Abierto. Los alcaldes serán designados, siempre, por elección directa del pueblo, o por el Ayuntamiento".

No 1.934 a dereita española, motivada polo movemento revolucionario e aplicando criterios altamente autoritarios, disolveu as Corporacións locais, auspiciando a Lei Municipal de 1.935; democrática, si, relativamente, pero con notables concesións ao tradicionalismo municipalista. Seguidamente veu o triunfo da Fronte Popular, que restituíu nos cargos respectivos aos alcaldes e aos concelleiros que foran destituídos no 34.

Nos primeiros tempos do franquismo reformouse a Lei Municipal do 35, pero, de facto, a norma aplicable foi a resultante destes ¿principios?:

. Desarticulación de toda fórmula de participación democrática.

. Substitución do réxime xurídico organizado, pasando á relación vertical, séxase, de confianza, entre tódolos axentes da Administración (Ministro-Gobernador Civil-Alcaldes).

Todo iso compatible cunha relación cooperativa, incluso de osmose, cos intereses das oligarquías locais. En definitiva, a explicitación, e mailas concomitancias, dunha ideoloxía municipalista que dimanou da cocteleira dun fascismo entreverao de corporativismo tradicionalista.

No 1.941 emerxeu un proxecto de Código de Administración Local, pero neste río revolto, co Alcalde en funcións de Xefe Local do Partido, sentábanse na mesma mesa, ¡case que redonda!, os caciques locais, os tradicionais e mailos emerxentes, cos representantes do Partido Único; ao socairo, tamén, dos antigos combatentes, abondosos en gran número de municipios, que colgaban a guerreira caqui nunha percha, e a branca na noutra, ¡segundo as ocasións e/ou as conmemoracións!


Co Punto VI de F.E.T. e das J.O.N.S. ante os ollos, ben puido definir Fernando Albi, en 1.942, que, "es municipio quien puede serlo, quien posee vitalidad propia para cumplir sus obligaciones mínimas". (¿¿!!) ¡No comment!

Aquel aparello administrativo tan grotesco consolidouse, pero desprendéndose un chisco da fraseoloxía fascista, da imperatora, a partir da Ley de Bases de Régimen Local do 17.7.45, que tivo un longo proceso de sedimentación xa que non foi desenrolada ata que o fixo a Lei do 18.12.1950. Para o municipalista Morillo-Valverde, esa Ley de Bases do 45, xunto cos desenrolos posteriores da mesma, o que estableceu non foi unha figura de Alcalde senón outra ben distinta, pero igual de retrógrada, ¡aquela dos “Corregidores”! Con todo iso, a centralización e maila uniformidade quedaron redondeadas, e toda a xestión municipal subordinouse ao Alcalde como delegado de plena, de máxima, confianza do Goberno. Este mecanismo completouse co empobrecemento das entidades locais e co establecemento dun sistema pseudo-democrático mediante o cal podían acceder aos Axuntamentos, case que en exclusiva, a Notabilidade Local e mailo Partido Único.

Pero a partir do 1.967 as institucións municipais entraron nunha prolongada crise, ¡outra!, que determinou a formulación de varios intentos de reforma normativa; mais que nada por culpa do elevado abstencionismo que se rexistrou nas municipais do 70, aquel Goberno opusdeista tecnocrático decidiuse a intentar outra reforma, esta vez máis positiva, da cuestión local; ¡a enésima, que non a derradeira! Formulárona naquel Proyecto de Ley de Bases de Régimen Local do 17.12.1971. Este proxecto xa é digno de consideración: Ía ao retorno da figura do Alcalde como Presidente da Corporación, minorándose aquela fasquía de representante do Goberno; propugnaba a designación de Alcaldes partindo dos Concelleiros, ou á proposta destes, e impartía un sistema electoral por terzos, sen outra variación que a de establece-lo voto obrigatorio. En definitiva, que tentaba romper coa uniformidade tradicional concibindo réximes municipais notorios, tal que o de núcleos diseminados, municipios turísticos, municipios en expansión, municipios - comarca, municipalidades urbanas, municipios de valor histórico - artístico, municipalidades metropolitanas, etcétera.

Así, a trompicóns, coa trompa por diante, ensaio tras ensaio, segundo lle conviña en cada momento á Ditadura vertical, centralista, e como tal, coactiva, fomos chegado á transición democrática, en definitiva á Constitución do 78, que por ser de onte mesmo, e vixente, está fresca no ánimo e na memoria do lector, circunstancia que me/que nos aforra, endilgamentos prolixos e/ou superfluos.

Xosé María


PRÓLOGO DA PRIMEIRA EDICIÓN

XOSÉ MARÍA GÓMEZ VILABELLA, provinciano lugués das terras de Castroverde, naceu á nosa amizade nos lonxanos días da nosa xuventude. Xa van aló ben anos. Daquela remataba de publicar “Castroverde”, un breve e delicioso estudio da súa terra natal e andaba facéndolle as beiras á que é a súa compañeira, entón estudante de Maxisterio.

Gómez Vilabella fixo de todo ou de case todo. Comezou sendo zoqueiro. Máis tarde realizou estudios mercantís e idiomas, estivo empregado na banca, pasou dez anos en África, e non sei qué máis; aínda así tivo tempo para escribir algúns libros. Trátase dun autodidacta polifacético que soubo tirarlle á vida o meirande proveito. En galego a un home así chámaselle un milmañas. O seu lema é: "Primum vívere, deinde philosophari".

Despois do seu relato en galego Cacería de ciclóstomos en Ifni, terra que el coñece moi ben, danos agora ¿Pódese pasar?, que chama "conto vello", mais que a nós non nos semella tan vello, senón novo e actual.

Estamos, ao noso xuízo, diante dun escritor popular no sentido máis nobre da palabra. Gómez Vilabella escrebe unha literatura clara, directa, latexante, viva, que vén de O Tío Marcos da Portela, pasa por Lesta Meis e chega a Neira Vilas. Un xeito de contar como se fala, coa imprescindible carga literaria, que prende ao leente -como dicía Otero Pedrayo- dende a primeira deica á derradeira liña. En definitiva: literatura para a xente do común, en afortunada frase de Blanco Amor.

¿Pódese pasar? conta, con graza e con eficacia, as avesorías e godalladas dun alcalde e dun secretario de concello na época franquista. Un retrato verdadeiro e obxectivo, feito con retranca e fina ironía, do noso caciquismo e das súas tristezas e miserias, que a xente -estamos seguros- recoñecerá e que a súa lectura lle será proveitosa. Desexamos e agardamos que, despois da lectura deste libro, os dormentes abran os ollos, contemplen a realidade e obren en consecuencia.

Manuel María

(Trátase do noso eximio poeta Manuel María Fernández Teijeiro.

A súa biografía pode consultarse na Gran Enciclopedia Galega, Tomo 27. Edición. El Progreso)



No hay comentarios: