Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 marzo, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?


-V-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

En canto ao Auxiliar, en efecto, non foi recibido a despachar ata o terceiro día naquel protocolo acordado co Oficial. O que nunca chegou a saber Ramonciño, achantado na súa mesa, cravado nela, foi que don Litis, contra todo prognóstico, recibiu ao Auxiliar, ao Xaquín, cunha aperta entrañable, como si se coñecesen de toda a vida:

-¡Home, Xaquinciño! ¡Canto o sinto, que non o puiden recibir antes! Xa sabe, unha Secretaría, ben levada, desborda ao Secretario! Ademais, alédome de telo en nómina, que ía sendo hora de que houbese nestes Concellos, máis ben rurais, xente de carreira, ¡que non é igual que dicir xente con estudios! Cando isto evolucione, xa me encargarei de promocionalo. ¿Que, está satisfeito, aquí, nesta función de tanto relevo socio – político…; e cultural tamén?

Colleuno fóra de xogo, así que saíu de esguello, desconcertado:

-Pois..., verá..., mentres non amainen os ventos desta oligarquía felizmente reinante, "do Noroeste" que dixeron eses da Codorniz, mal se pode loitar á contra dos..., ¡dos elementos! ¿Don Aurelio, péscaas coa man; entende por onde vou?

O Litis, máis listo que todos eles xuntos, que lle cabía Churiz no favo máis cativo do seu cerebelo, de seguida colleu onda, pero ondulouna aínda máis, moito máis, ¡Deus sabe para qué peite cravarlle!

-Si, claro; eu son da mesma opinión. É certo que vai a modo, ¡pero xa estamos no outono! Só hai que mirar para os carballos desa chousa, esa do Alcalde, aí enfronte: as follas retórcense, están curtidas, marelean…; ¡caerán de contado! Por certo, este Gran Edil...; ¡que pena de home, qué abandono, tantísimas hectáreas, no mellor de Churiz, solares en potencia; os mellores!


Vostede e mais eu, ¡que os tempos son chegados!, con altos ideais e coa nosa preparación de índole técnica, estamos chamados a reforma-la Administración Local. Local ou non, que teño boas relacións, gromos perfectos, máis arriba, na Capital; ¡e despois de Pedrafita, tamén! Así que, entre vostede e mais eu, de consún, imos xestar…; primeiro, xestar, para despois xestionar, mudar para non cambiar, grandes empresas… ¡Do ut des, que iso é un mandamento sacro! Por exemplo, de seguro que eu lle podería conseguir, ¡a nome da súa prometida, claro!, unha Estación de Servizo, desas que proporciona CAMPSA aos enchufados do Réxime, que este Churiz, ao que acabo de chegar pero xa me sinto fillo adoptivo, é moita Vila para un só gasolineiro. ¿Que, amigo; qué lle parece a proposta deste conseguidor nato, insubstituíble? ¡E de paso, teña presente que, de gústibus et colóribus non disputándum!

Pero nun á parte, para os seus adentros:

-¡Se desta non trága-lo anzol, mal te vexo, cagallón!

Aquel Auxiliar, ¡meu pobre!, o que é capiscar non capiscou, ¡nadiña!, pero caeu, coma unha pataca, no saco dos agradecementos previos, previa e sibilinamente suxeridos:

-¡Pois, si; certamente que llo agradecería! O pai da moza, don Paco, xa tentou consegui-la estación, a gasolineira, pero..., ¡eses oligarcas déronlle no nariz cos porlóns da porta!

O Litigueiro baixou de ton, misteriosamente, enigmaticamente, abaixándose tamén ao específico daquelas confidencias tan importantes; e de paso deulle unha palmada de complicidade na ombreira a aquel Auxiliar tan auxiliado:

-¡Iso pasa, si, ás veces, e débese, case sempre, por non chamar na porta axeitada! Todo se andará, aínda que hoxe esas cousas están algo máis controladas. Foi unha pena que don Manuel non se molestase en facerlle ese favor…, se quixese e soubese facer un Informe, daquela que...; ¡pero, non, nada, en absoluto; deixémo-lo tema, que teño por norma non criticar aos ausentes!

O que é polas ganas, poríase de xeonllos, pero estaba a cousa dos principios que se abandeiran, así que Xoaquín bastante fixo con estremecerse de pracer; ¡de gusto, de agradecemento e de esperanza!

-Agradeceríallo, afellas que si, moitísimo; e don Paco, tamén, que é un home de comercio; ¡quere dicirse, un home de recompensas! Terémosllo presente..., ¡no noso afán!

Maquiavelo Bis, ou sexa, Litis, para remata-lo conto deulle á súa proposta unha boa lazada, desas de viorto:

-¡De nada, rapaz, que entre nós, as contas son recíprocas, interese recíproco, e non ese dos Bancos...! Isto será, tan só, un comezo do corno, deste corno da abundancia, se esta simbiose, confidencial, nosa, esta especie de masonería branca, funciona ás dereitas! ¿Enténdelo? ¡É importante que o entendas, que dereito non é sinónimo de dereitas, aínda que se aproxime...!

Os homes eficaces, coma os xastres, non dan puntada sen fío, así que Aurelio, despois dun respiro, enfiou de novo na súa agulla para darlle un bo pespunto ao crédulo/listete, ¡ao Auxiliar auxiliado!


-¡Ah, outra cousa, querido Xaquín! Que estiven vendo estes libros, ¡na miña función de Secretario-Interventor, claro, que nestes Concellos cativeiros tense que dá-la acumulación das tarefas!, e coido que non abonda con utiliza-los principios de Contabilidade xeralmente admitidos. ¿Non sabes aquilo da muller do César? Aquí, neste Concello, pode ser de aplicación, pero con reservas, que non me gustan, xuntos, os réptiles coas pombas. Non casan, é antinatural; ¡contra natura, que se di! ¿Entéraste? -¡Aquel imperio, aquelas flexións da súa voz, ora autoritaria e apacochante, ora melosa, sibilina, suxestiva e persuasiva, pero sempre, sempre, enfeitizante!

-Os réptiles, como vostede lles chama, levámolos así de clariños porque o propio don Manuel mo esixe, -explicouse o Auxiliar, subliñando a súa inocencia, -que di que non lle chegan nin para gastos ordinarios da súa alta representación, e que non se poden trascadear de columna…, ¡nin un céntimo! Logo está iso que cobramos a maiores, aí, na ventaíña: Licencias de Obra, xestións, ou pseudo; consellos, opinións...; ¡cousas similares! O malo é que se nos vai todo, ou case todo, niso das relacións...; ¡nas públicas, nesas do Xefe Local!

Xaquín, exhausto, calou, pero non o fixo así o seu adaíl, pois, un bo Xefe, un Xefe con mando en praza que se queira lucir, puntualiza e remacha as instrucións. Esa era a Cartilla do Aurelio, e leulla ao Auxiliar do Concello; ¡por suposto que cunha de cal e outra de area!

-Caro Xaquín, rapaz, que vou por outro lado: Ti debes leva-la Contabilidade, en efecto, pero a Oficial, que para algo es un experto, un titulado. Pola contra, os réptiles deben ser extracontables..., ¡para que non nos mordan, nin a ti nin a min! ¿Eses bechos son cousa do señor Alcalde, non si? Daquela que llos controle Ramón..., ¡xa que son compadres! ¿Non lle bautizou un fillo ao Oficial, a un Oficial de Primeira? ¡Aí o tes: o compadreo é deles, privativo deles! Pero ti, disto, chitón; non digas nada, que prefiro quedar mal, eu..., ¡que estou aquí de novato! ¿Enténdesme? Acto seguido dille que pase; pero non lle digas..., ¡non lle digas que o vou poñer a pelar un gato! ¡Gragrr!

-¡Grazas por todo, don Aurelio, e xa falarei co Paco para que o agasalle con xeito, que ben o merece; quere dicirse, moito!

O Auxiliar despediuse a toda présa, azorado, desnortado, descontrolado e desconcertado, que o puxeran nervioso aquelas posibilidades, pouco menos que se o Secretario lle ofertase participar nunha mina de ouro, que tal era por entón un surtidor de gasolina ben situado e cun bo hinterland, pero ao don Aurelio faltáballe unha puntada, outra, a enésima:


-¡Ah, unha cousa, que me quedaba na..., na recámara! Tendo, nolos dous, o Don, ¡é mellor que me digas, Señor Secretario! ¡Máis funcional! ¿Entendes?

Aquilo foi un esperpento, un barullo, unha puñalada trapeira, unha traca final, totalmente inesperada; un desconcerto mortal, unha diarrea para as neuronas do pobre Xaquín:

-¡Comprendo, don Aurelio; digo, don Secretario; digo, señor Secretario!

Aos poucos, lograda aquela división dos seus axudantes, exacta, final, sen decimais, don Aurelio escoitaba, en aberta, en nova confesión, ao Ramonciño:

-Díxome ese radical, ese comunistoide, o tal Xaquín, que pasase, agora mesmo, de parte súa; pero díxomo con pouca cortesía, case que tratándome de igual, ¡como se eu non fose o Oficial deste Axuntamento! Para outra, cáscolle; ¡como hai Deus que o fago!

-Flegma, Ramonciño, que os gatos con botas non destripan nos ratos; ¡para iso precisan das uñas, telas axeitadas, retráctiles! Xa lle ensinarei a maneira, como din os mouros. Vostede déixelle subirse ás nubes, e mentres, anote as que faga; ¡todiñas! Despois diso, cando teña abondas..., ¡un dossier, que se di! Das graves, por suposto. E daquela páseme o atestado, que xa farei que se dobre ese aprendiz de comunista; ¡que se dobre tanto, tantísimo, que acabará dando coa testa no cu, no propio traseiro!

Aurelio no mesmo ton de advertencia, pero con modulacións, con reberetes de afago, como se estivese aloumiñando, amansando, unha fera:

-Pois precisamente chameino para irlle recortando as ás ao tal Xaquín, que é outra neglixencia telo aquí, apuntando nesas partidas extrapresupuestarias, atípicas, furtadas aos paganos deste Churiz tan..., ¡tan pazguato! Ollo ao porvir, que calquera día invádenos esoutra democracia, a inorgánica; ¡esa merda dos inútiles e dos pobres! ¡Hai que abri-los ollos, estar previdos! ¿Non lle dixeron cómo foi aquilo da República, que se meteu neste país, no 31, da noite para a mañá? ¡Iso da democracia pode amosar da mesma maneira, ao furtivo, coma os ladróns, e tamén da noite para a mañá! Daquela, ¿un comunista, de portas a dentro do Concello, e con eses bechos na man...? ¡Parece mentira en don Manuel tanta inxenuidade! Mire, falando do noso Alcalde: Prepárelle un recibo polo saldo actual, polo deses fondos; e poña, de concepto, tal que..., Donativos Campaña do Nadal. Desa maneira quedarán cerrados, saldados, prescritos e proscritos, tódolos apuntes deses libros, de mal nome, oficiais; eses que está levando o Xaquín, ou, por mellor dicir, ¡traendo!


O Oficial, que seguía oco, desconcertado, trasladado a un país distinto:

-Iso pode facerse, pero..., ¿que pasará coas entradas sucesivas; quen lle pon esas cancelas ao monte do señor Salmonte? Lémbrolle que témo-la xente afeita a pagar por todo, ¡ata por saudarnos! Sen recibo nin protesta, que aquí nunca se lles ensinou a distingui-las taxas das propinas; ¡coma quen di, as churras das meiriñas!

Aurelio, visiblemente contrariado polas pexas daquel subordinado tan estúpido, redundou no seu intervencionismo:

-Para as sucesivas..., digamos, aportacións..., vostede, vostede mesmo, levará outros libros, ad hoc, que lles chamaremos..., ¡xa o teño, Extracontables! Levados por vostede, sine qua non, de propia man. ¿Entende? Vostede é aquí o meu brazo executor, o dereito, así que ten que pecha-los libros cada vez que se ausente, na propia caixa, na forte, nesa da Oficialía, onde teremos, vostede e mais eu, os documentos confidenciais. O noso lema, para que haxa afinidade, ten que ser: ¡Meu dito, teu feito! ¿Vaino absorbendo? Isto noso, a partir de agora mesmo, funcionará tal que un Ministerio; ¡si, iso, o Ministerio dos Chourizos, tal cal!

Pero o outro, ausente, ¡como se lle misasen en latín!

-¿E logo, ese Xaquín..., non seguirá coa B? -En vista do seu desconcerto quixo que llo puntualizase aquel Mandamáis tan..., ¡organizativo!

-A B, si, que esa recadación, digamos que atípica, segue sendo necesaria para o financiamento dos gastos heteróclitos; eses, os de tipo B; ¡quere dicirse, extrapresupuestarios, para simplificar! Ao final de cada día que lle entregue, a vostede...; si, a vostede, o borrador desa Caixa; ¡o borrador e mailos diñeiros borrados da circulación! ¿Estamos, meu querido Oficial; vaise lustrando?

Ramonciño sentíase acaneado con aqueles dimes e dites tan incongruentes, tan exóticos e inesperados, desconcertantes ao máximo; ¡coma quen abala un olmo, agardando polas peras!

-¡Eu, ás ordes; sempre; pero..., esa é moita responsabilidade..., para min, para min só! ¿Daquela, firmarame, vostede, digo, eses verificados da Caixa Negra, da B, ou como lle chamen? ¡Eu pídollo polas boas formas...!


-A “B”, si, que iso de negra é un adxectivo, ¡simplemente pola cor do envase! Mais, diso de firmar, ¡que lle hei firmar, santo de Deus! ¿Aínda non se decatou de que goza da miña confianza? Vostede, Ramonciño, aquí é o meu brazo, o meu brazo en alto, cara ao sol posto, ¡que nin o de Santa Teresa! Séxase, ao dereito. ¿Non llo dixen? ¡Pois si, iso, con tódalas súas connotacións! A única firma que se precisa é a das saídas, para xustificante seu…, fronte ao Alcalde, que por algo lle estou recomendando que lle firme persoalmente eses recibos, segundo retire fondos…

Aquel tío, aquel Litis, tamén era un mestre niso da efectividade do trasacordo, virtude ou defecto que seica é común a tódolos pobos de orixe celta, que os suevos eran máis bárbaros, máis directos. Remachou no cravo:

-¡Ah, outra cousa: Aquí o Asesor Legal son eu; así que..., o dito! Conte con este servidor nas dúbidas, ¡en tódalas dúbidas, en tódalas súas insuficiencias! Ítem mais: Discreción absoluta con ese Auxiliar, con ese comunistoide, que non sospeite que vostede e mais eu...; ¡vaia, que o temos en corentena! Como dicía meu avó, que tamén era Letrado, moi letrado, moitísimo: “¡Ad augusta per angusta!”

Aquela catequización do diaño, do diabólico Aurelio, comezara a dá-los seus froitos: ¡Auxiliar e Oficial, máis enfrontados entre si do que nunca o estiveran! Por outra banda, aquel Ramonciño, receoso das irregularidades do seu compadre Salmonte, e todos eles arelantes e cobizosos co novo sistema das engulidas municipais. Aurelio feito un Xúpiter, tronante e mandante; un Capitán de barco naquel mar proceloso dun Concello tan…, toxeiro, ¡tan indefenso, apixotado! Nesa alarma, ante esas aldrabas do Aurelio, Ramonciño pronunciou un "Amén" fervoroso, un "Así sexa" de catequizado fiel, definitivamente submiso:

-¡Por min, xa sabe, asunto periclitado, tumba pechada! ¿Manda algo, algunha cousiña? Só ten que ordenar por esa boca, que eu..., ¡xa sabe, outro Aladino!

-¡Non, grazas; e non perdámo-lo tempo con divagacións, que vostede, de Aladino, un carajo! A funcionar, rápido e ben, que por algo somos funcionarios, ¿non si, carísimo Moncho? Cousas verdes veredes, precisamente neste Concello, querido amigo, que servirán de pauta aos reitores territoriais...; ¡presentes e futuros, galegos ou non!

Co Aurelio non chegou ningún escándalo: ¡fabricábaos el, el mesmo, que á vista estaban as súas habelencias! Nembargante, en Churiz, aloulados, preñados do seu propio autoodio, entrara a Revolución Tecnocrática, pero máis ben ad intra, co Secretario de receptor funicular. Simplemente con dúas entrevistas, aparentemente protocolarias, ¡á que alí se montou! Aurelio, aquel eximio Secretario, subiu, afianzouse; e Ramonciño baixou, apeouse da propia peaña. De par deles, Xaquín quedou preso nun anzol invisible. A Caixa B seguiu reptando, reptando; rastreira, sempre rastreira..., pero mellor levada, con máis técnica, cunha astucia maxistral, definitivamente aureliana!

No hay comentarios: