Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 mayo, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?


-X-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella


Naquela secuencia, na seguinte, coa cámara posta a velocidade de cruceiro, centrando o obxectivo nos interiores da Consistorial, viuse entrar, coa escena translúcida, ao don Aurelio. Ramón, nada máis velo achegarse, tal que un Cabo cuarteleiro, upouse na súa cadeira e acudiu presto, feito un Axudante de cámara, ¡ou de campo!, para recollerlle aquel gabán peludo, de la virxe; mellor dito, así era, así estaba, ata que cubriu aqueles ombros godallentos do tan repetido e nunca ben ponderado don Litis.

-...


-¡Bos días, Ramonciño! ¿Novidades?

-Tan só que estivo aquí o Alcalde, por certo que preguntando por vostede; ¡acaba de irse!

-Cando eu chegue tarde, é que andei por aí, de recorrido, en función patriótica, facendo paces e abortando preitos entre a veciñanza desta bisbarra; ¡eu, coma a ruda, resolvendo preñeces indesexables! Por conseguinte, sempre debes dicir que saín, pero nunca dos xamais digas que non entrei. En definitiva, ¿presentouse algún conflito?


-Na terceira vez que entrou don Manuel a preguntar por vostede mandoume que lle dixese que non se lle ocorra ir xantar ao Mesón do Maragato, que o esperan na Casa Grande.

-¿E logo, tamén irás ti…, sendo compadre?

-Non, que de min non dixo cousa. ¡Deben ser asuntos reservados, dos seus, deses da política gobernativa!

-Síntoo ben, querido Ramón, que nos axudabas a dar conta desa cantidade de xamóns, vellos e rancios, que se lle xuntaron ao noso Führer, ¡por quintais! Estou ata as orellas de magras con ovos, e de ovos con magras. Pouca imaxinación teñen os túzaros deste Municipio, ¡que mira ti que facerlle uns regalos tan groseiros, tan insinuantes, a un fidalgo...! ¡Nin que o fixesen á posta!

-¿Ai si; dio de veras? Daquela, como cousa súa, déalle un bo consello ao meu compadre: Que mande tres ou catro, así sexa dos peores, para a casa da súa comadre, da miña muller, que nós do que estamos fartos é de lacón, que a min, na colleita deste ano, estes pailáns, como vostede lles chama, que esas verbas, antes da súa vida, non estaban no meu dicionario, téñenme de segunda, ¡de segunda categoría, e eu son da primeira! ¿Acordarase diso?

-Non, non me esquezo, que así, de paso, alivio nesta monotonía das magras. Iso é o malo destes Concellos continentais, do interior, séxase, rústicos, que nunca nos regalan ostras; nin ostras, nin percebes, nin lagostas...; ¡co que me gustan esas chilindradas do mar! O meu caso é que a estas horas estará cerrada a pastelería da Virtudes, e daquela terei que ir de convidado de pedra. ¡Coas mans baleiras, eu, que son un acérrimo partidario desa elegancia, tan distinguida e tan social, dos galanos, cousa que se vai perdendo neste país dos túzaros, dos carneiráns!

Ramón, que era un home sabedor, preguntón e abesullante, tanto como lle permitía aquel ventanuco do seu despacho, ese que dá á praciña da igrexa:

-De levar pasteis nin se lle ocorra, que vin pasar, aquí por diante, unha das criadas; esas limpadoras que temos en nómina, aquí na Consistorial, ¿sabe? Levaban dúas tortas, grandísimas; ¡coma as rodas dun carro!

Estaba visto que ao Litis todo lle saía ben; se cadra como consecuencia directa dese planea-las súas cousas tan meticulosa e mefistofelicamente.


-Ben, vale; daquela, perfecto; entón faréille-lo agasallo da miña presenza; e xa que logo, non volverei ata mañá. Outra cousa: Se chaman da Capital, mesmo do Goberno, dígalles, ¡sen vacilación, eh, sabendo o que di!, que estou reunido co señor Alcalde, despachando asuntos, no seu domicilio, que el está con gripe, aterecido da febre, e que por iso non puido acudir á Consistorial. De seguido colga e descolga, para avisarnos á casa do compadre, á de don Manuel. Pero ollo ao parche, que dixo Queipo, non vaia mete-lo pezuño, que vostede, niso de meter, está demostrado que mete, a fondo, ¡bastante mellor do que saca!

Despois dunha panorámica daqueles exteriores, o proxector coouse, centrouse, nos salóns do Pazo Salmonte.

-...

-¡Son preciosas! ¡Querido Aurelio, es un encanto, un ceo de sorpresas!

-¡Agora si que son preciosas, de postas nas túas mans...; harmonizan!

Mabel, raposeira, puxo voz de circunstancias:

-Manolo, ven para aquí, un momento. Mira qué rosas me trouxo o teu Secretario; ¡e de paso, aprende a comportarte cunha dama!

O aludido nin esforzándose lograba controla-los celos:

-¡Ben-sei-ora! Eu non cho puiden traer, que hoxe non fun á Capital. Por certo, estas deben ser das baratas, que pouco chas presentaron; ¡nin lles puxeron papel dese de prata! ¡Uih, se vises o ramo que lle mandei á señora do Gobernador, daquela, daquela que me dixo que de remocionarme, nada; nada de nada, que son o mellor Alcalde de Churiz! ¡Non vou se-lo mellor, se levo dez anos dándolle á vara! E diso das flores, Mabeliña, para outra xa lle direi ao Secretario onde as serven guapas, guapas e ben presentadas.

Aurelio tronzouse a rir, coma unha vara podre, sen molestarse en disimula-la súa ironía:

-¡Ai, si, Manuel! Pois, dáse o caso que para outra vez -arremedou- tamén lle direi, eu mesmo, ao Alcalde, cómo se conseguen gratis datis; baratas e fresquiñas, coma estas, que aínda cheiran á xeada. ¡Manoliño, non te esquezas de que estamos en Xaneiro!

Manuel reaccionou despois daquela crise de celos:

-¡Oes, pois é certo! ¿Como é que hai rosas na praza?


-¡Terei que dicircho, que eu non teño secretos co Xefe, que para algo son o gardián dos teus! ¿Lémbraste desa señora, esa que é parente túa, unha que nos pediu Licenza de Obra para amplia-la casa pola parte do xardín? ¡Realmente é para facer outra, para duplicala, que a vexo vir! De aló veño, que lle dixen que quería recoñece-la finca antes de estudar o seu expediente; e como esa roseira, alí nun curro, cuberta cun invernadoiro de plástico, que algo se ve desde a rúa, é de rosas invernías, daquela dinllas en chufar. A boa da señora subliñoume cánto precisan amplia-la casa, que do contrario non renunciaría a unha roseira tan exótica. Para que non quedasen dúbidas, deume este ramo, tal coma quen se arrinca un ollo, pero é que unha Licenza destas de favor, máxime neste caso, que escaralla unha zona tradicionalmente verde, ben vale unha mada de rosas. Así que, caro amigo, as oportunidades hai que velas tal e como eu fago, de lonxe, con boa perspectiva; e cando non existen de seu..., ¡fabrícanse, á medida da nosa apetencia e da nosa comenencia!

Mabel relambíase con aquelas mostras, efectivas pero tamén afectivas, daquel Secretario compartido; aproveitounas para darlle unha sacudida ao seu home, para metelo en celos, aínda máis, ¡por se non o estivese dabondo!

-¡Aurelio, es un sol! -E deulle un bico lateral, de fazula.

Manuel a tal momento tragaba chispas: aquela muller era súa, licitamente súa; pero o Secretario tamén era seu. Precisaba das dúas propiedades, cada quen na súa función, pero algo tiña que dicir, sequera fose por manter unha aparencia de dignidade.

-¿E logo, eu...; qué son eu, a lúa?

A habilidade daquela provocadora habitual, chamásese Mabel ou Salomé, era sofisticada, bífida; quixo acender unha vela a Deus e outra ao diaño:

-¡Manoliño, ti es..., outro sol! ¡Pero qué digo, máis que un sol: ti es..., un solpor!

O cornúpeta, coa sensación de que estaba sendo burlado na propia casa, en propia presenza, quedouse cos desexos de darlles un lapote, ás dúas mans, pero non lle conviña un escándalo, de momento, ¡mentres lle conservasen aquela vara...!, así que optou por afia-las verbas:

-Serei, muller; serei iso que dis, pero aquí Aurelio é un Secretario, ¡posto por min, ou séxase, coa miña compracencia! ¿Non si, rapaz? Daquela deixémo-las adiviñas, que non se diga que hai desavinzas nas alturas deste Concello; ¡non lle conveñen á Patria, e como Xefe Local que son, non podo toleralas!

Aurelio trenzou naquel fío, que se estaba tensando en exceso; as vehemencias da Mabel podían esperar, así que zanxou:

-O que dis é certo, querido Alcalde, que por algo contas coa miña fidelidade, e tamén coa miña adhesión; ¡inquebrantables! Pero estamos esbardallando con estas bromas, con estas bobadas, e aínda non se me dixo qué celebrades aquí, hoxe.

Manuel, superadas aquelas provocacións da ¿súa? muller, franqueouse:


-Si que celebramos; moitísimo; e algo vai contigo, que aquí a miña dona, se non te invita, rebenta. Resulta que ese irmán seu é tan parvo que lle aceptou esa proposta túa: ¡e por fin vaise ao México, tan pronto como firmémo-lo acordo! Así que, despois de xantar, redactas un documento; ¡pero que sexa ben repenicado, e tan forte coma a poxa dunha besta, con chaves clausais, das boas, desas de sete estalos!

Aurelio, de temoneiro, pero sempre modesto; ¡só finxidamente modesto!

-O que vos redacto é a minuta, que ese documento hai que pasalo por ante Notario, que lle convén levalo así, legalizado polo Cónsul dese país; mellor dito, do país que represente en España, na actualidade, os intereses de México..., ¡xa que non lles admitimos Consulado propio!

Manuel, afeito aos trámites curtos, ao ordeno e mando daqueles xerarcas franquistas:

-¿Chacho, todo iso, para qué, con qué obxecto? ¡Non enlees as cousas!

-¡Non quererás que retorne teu cuñado..., iso, cun guitarro na man, cabreado e co preito perdido!

Manuel deulle unha calada ao veguero, unha máis, outra vez nervioso:

-¿Oes, Aurelio, sabes qué che digo? ¡Que vou deixar de presumir do meu Secretario!

-¿Como; a qué vén esa contradición, querido Alcalde; é que xa non me amas…; iso que dixeches onte, como a un fillo? -Chanzouse, metade en serio, e a outra provocativo, ferinte, enredando as cousas.

-¿Ti es o intelixente? ¡Está claro que se che dou sona, daquela levarante para o Goberno Civil, ou á Deputación; e xa non te leven ao Pardo, tal que de Secretario nese Concello da Garda Imperial!

-Perde coidado, Manoliño, que en Churiz estou no meu prebe; e non penso abandonarvos, ¡polo menos, mentres siga solteiro! ¿Non quedamos en que me deixas cazar, cazar e pescar, aquí, neste feudo dos Salmontes, cando e canto se me terce? Aprende unha cousa, querido Alcalde, que a coñecen tódolos labregos: ¡Non hai Municipio curto nin horto grande...! Isto vén ao caso porque aquí, ti e mais eu, aínda estamos na sementeira: recolectaremos despois, de seguida, en cuestión dun parto, nove meses. Douche a miña palabra, así que vai abrindo esa Grüber..., ¡e non chegará!

Manuel non entendeu cousa; ¡malditas metáforas as daquel Secretario tan intelixente! Volveu ao asunto de México:

-¡Ai, Aurelio, que Deus cho pague, que Mabel e mais eu tiñamos boa preocupación con esa herdanza; tan importante pero á vez tan leada! Esperaba que nos botases unha man, ¡pero o que é con tanto acerto, francamente...!


-¿Que dis, que Deus mo pague? Diso das pagas..., eu teño outras teorías, que as prefiro en especie, ¡pero todo se andará!

Á Mabeliña, como a toda ama que se prece, tardáballe por face-los honores gastronómicos:

-Manuel, es un pesado; non lle deas máis conversa, que se arrefrían eses filetes.

Nun descoido do Alcalde, Aurelio chiscoulle un ollo á Alcaldesa:

-¿Así que vai de filetes…? ¡Pois esa paga dos filetes é un principio ben suxestivo! Daquela pasaremos ao comedor… Non; así, non; eu après vous, como din os franceses; ¡ti primeiro, mon amour!

Mabeliña, captada a mensaxe, estaba radiante; triunfal e trunfal: ¡trunfal de dous trunfos, de dous á vez!

-¿Sabes francés? ¡Cando digo que ti es un sol!

-Muller, si; sei francés, e latín, e artes amatorias..., que mas ensinaron en Dinamarca; ¡buf, tantas cousas, e de tantas maneiras, de tantas posturas, coa turca incluída..., que agora non son do caso!

Noutro descoido do Manuel volveu a facerlle o sinal do tres, pero Salmonte, como de costume, no seu limbo:

-¿Por qué lle preguntas iso dos idiomas? Agora es ti a da conversa... Comamos caladiños, en graza de Deus, como fan os curas, que despois tomámo-lo café no salón da cheminea; alí falaremos, de vagar. Considera que andan por aí esas criadas, que lle poden ir co conto ao teu irmán de que estamos celebrando, de antemán, o seu embarque; ¡iso de que vai de cu co preito de México! ¿Por qué non falamos de bobadas, tal que da xeada que caeu esta noite...?

Aurelio, co pouco que levaba en Churiz, pero xa coñecía a fondo as debilidades do seu anfitrión:

-¡Ou da criada dese Cura do Alvaredo, esa que peneira tan peneirado...!

-¡Chacho, Aurelio; ese é un secreto municipal! E como Secretario, ti..., ¡xa sabes!

-¿Que dis? ¡Aquí Mabel tamén é adxunta; do noso Axuntamento, digo, e non a podes excluír!

-¿Iso? ¿Ela...? ¡Tan só a título de consorte, e vai servida!

De sobremesa, coas criadas fregando na cociña, a discrecionalidade xa era absoluta. Falaba o Litis, ou máis ben, tramaba:

-Ben, pois, agora, agora que estamos en petit comité, atreveríame a preguntarvos, ¿que vos parecerei como socio? ¿Aceptádesme...; iso, por palabras de presente?


Mabel sobresaltouse; non lle importaban as sociedades mixtas, as tripartitas; nunca lle importaron, pero á condición de que fosen secretas, que niso, todos aqueles caprichos anteriores..., auténticos cabaleiros; ¡discreción personificada, que nunca lle fallaron! Outra cousa foi que alguén notase certos indicios, que se propalasen certos rumores, máis ou menos fundados...

-¡Aurelio...; socio, o que é socio, non, que van falar de nós; e a min xa me teñen envexa, maiormente tódalas damas do Círculo...; así, por cousas!

-Non, Mabel, a miña proposta é correcta: un socio industrial é unha cousa lícita. ¡Xa me explicarei!

Manuel, nos loureiros, como de costume:

-¿Iso qué ten que explicar? Socio industrial é...; ¡algo así coma o Paco e maila súa muller! Paco, niso do D.N.I., ten posto, "industrial", mentres que no da muller púxolle, sinxelamente, "sus labores". Os cartos aportounos a muller, e Paco a industria..., ¡que non é pouca industria ter que montar esa besta brava!

Mabel saíu pola honra da súa veciña:

-¡Si, si, labores moitas, moitas, pero se non fose polos cartos dela..., maldito se chegaban á casoa deses "Grandes Almacenes"; tan grandes son, que afogaron tódalas tendas desta veciñanza! Ten clientes a barullo, iso é certo, ¡pero o que é amigos...!

-Explícate, Aurelio, que por algo es o meu Asesor:

- Agora mesmo, que a cousa é sinxela: A miña pregunta é, ou quere dicir, que se, poño por caso, montásemos un negocio, entre nolos tres, ¿que vos parecerei como socio, como socio industrial, ou sexa, invisible, na retagarda, na sombra?

-¡Raios! ¿Na sombra; na sombra, sen facer nada, co argalleiro que ti es?

Aurelio denegou cun aceno, aclarándose, abaixándose ao coeficiente intelectual salmonteño:

-Alcalde, non sexas tarugo: Na sombra quere dicir traballando moito, moitísimo, a eito, pero..., ¡coa cabeza!

Para Mabeliña todo o que fose actividade cerca do seu Aurelio dáballe esperanzas de tempos mellores. Oportunidades, digamos..., ¡fricativas!

-¡Sendo así, por min, encantada! ¿Socios, os tres; mesmo unha familia? ¡Que ledicia, que ben!

Pero Manuel, dentro do alcance do seu foco, era cauto, excesivamente desconfiado; ¡como tódolos burros!


-A modiño, muller, con discreción, que se chega a sabelo o señor Gobernador, daquela pódenlle entrar malas ideas…, ¡para o Axuntamento! Teremos que andar paseniño, con cautela, que lle quero moito á miña vara...; ¡despois de ti, por suposto!

Maquiavelo tranquilizou no seu Príncipe, no seu alumno:

-¡Por suposto que iremos paseniñamente! ¡Pero qué ben nos entendemos, xa de entrada, ti e mais eu, caro Manuel! A isto chámaselle, simbiose, que quere dicir, sin..., ¡sen escándalo! Non teño dúbidas de que estamos perfectamente concatenados, nolos tres. ¡Pola miña parte, si!

Pero aquel "Príncipe" de Churiz, cadora máis celoso, nin con esas garantías:

-Aurelio, razoa nisto; e a ver cómo nos concatenas, ¡sen escándalo público! Sobre todo, sen riscos para o meu cargo, que esta vara, che repito, non a solto..., ¡nin por todo o ouro do mundo! ¿Sabes por qué? ¡Coa vara na man, síntome Conde! Por se non o sabes, algún antepasado meu non pagou non sei qué para herdar o título, a transmisión patrimonial, e daquela..., ¡daquela a nobreza fóisenos ao nabo de Lugo!

-Tranquilo, Manuel, que nisto, coma en todo, eu razoo; de seguida, e ben…, concatenado! Pero aínda non me destes o voso placet para entrar de socio...

-¿É francés…? ¡Este Aurelio…; vaia forma de chamarlle ao pracer; e despois din que en Francia son entendidos...!

-¿Dis iso pola cousa das presentacións, cando se responde "¡O pracer é meu!"; non si, Manuel? Pois iso do placet ten a mesma orixe, pero neste caso non é francés senón que procede do latín, directamente, que xa dicían en Roma, plausum captare e plausum dare. Aquí, entre outras acepcións, significa compracencia, conformidade nunha aceptación. ¡Como vedes, nada; un simple termo protocolario!

A admiración do Manuel subía e subía:

-¡Carajo; ti, en cuestión de latixos, gánaslles aos Cregos, que iso nunca llo oín ao noso Bieito, que por certo prefire que lle chamemos don Benito, co cerimonioso que é! Daquela, se queres ser socio meu, ¡no que sexa!, quedas aceptado, que contigo, ao de agora, todo nos está saíndo ben. Mabeliña, déixate de mirar ao fixo para Aurelio, coma unha boneca, e atende ao negocio: ¿estás conforme?

-¡Ah, si; por min, encantada; no que propoñas! -Non tivo ocasión de devolverlle o chosco, pero, polo seu énfase, ben que lle transmitiu un latexo, unha palpitación, fortísima.


-¡Daquela, imos aló; sen preámbulos! Ante todo, señores Salmonte, señor conde do Monte Salvo, quede en claro que se nalgún aspecto non casamos, ¡por min, tan amigos, que aquí non pasou nada!

Manuel sentiuse nun formigueiro con aquela preparación psicolóxica tan machacoa, tan correosa; na súa simplicidade non estaba afeito a andar con reviravoltas:

-¡Que si, ho; que xa che démo-lo placet, ou como coño se diga! ¡Veña, explícate, que se nos vai o día e aínda non arranxamos cousa!

No hay comentarios: