Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 mayo, 2008

En homenaxe a Manuel Sarille Lenceiro e a todos os familiares falecidos da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

Manuel Sarille Lenceiro, falecido recentemente,
era o Presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, o seu fillo
Xosé Manuel Sarille publicou "Polos fillos dos fillos" sobre os fusilados en Montecubeiro (Castroverde) no 1937


Lembranza para todos eles,
con esta poesía cedida, polo noso amigo,
Claudio Rodríguez Fer.

Poesía que leva por título:

AS TRES MAPOULAS DE MONTECUBEIRO

Por

Claudio Rodríguez Fer

En memoria da humildísima Virxinia Meilán Varela, das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, e das demais vítimas do masacre de agosto de 1937 en Montecubeiro (Castroverde).

Ao mestre exemplar Arximiro Rico, alí martirizado,
e aos seus discípulos directos e indirectos

Manuel Sarille Lanceiro, Xosé Manuel Sarille e
Narciso de Gabriel.



Entre as medorras e os castros,

polos ríos e polos regos,

baixo os soutos e sobre as carballeiras,

onde pacen en paz vacas e ovellas,

o canto do estorniño doce entoa

o nome mártir de Manuela Graña.


Co vento dos cereais e a quietude do leite,

coa nabiza dos nabos e o grelo das nabizas,

coas patacas apañadas e as de debaixo da terra,

a conciencia medra como a herba e as árbores

para imporse clamando monte arriba

o nome noso de Carmen Sarille.


As sombras dos ameneiros e os salgueiros

nas ribeiras de flora flotante,

as carreiras dos corzos e dos lobos,

a verea dos xabarís e o voo das vacalouras

debuxan co fume de afumar chourizos

o nome amantísimo de Virxinia Meilán.


Entre os toxos, sobre a neve,

na seca e nas enxurradas,

tres mapoulas iluminan

noite e día Montecubeiro:

Virxinia, Carmen, Manuela.

Eran fermosas como pétalos.

Perduran como penedos.


No hay comentarios: