¿Pódese pasar?
-XI-
Novela satírica
de
Gómez Vilabella
-o0o-
...
Aurelio entrou en materia, pero acaso por onde menos o esperaban:
-O que me tedes que dar, tamén, é un empréstito..., para entrar con dignidade na vosa compañía, que eu, ao de hoxe, teño as ideas, que é o principal, por suposto, pero fáltame o secundario, o ferro; ¡séxase, metálico! As miñas terras están nas Américas, concretamente na Habana, que ese castrón de Fidel arramploulle ao meu pai..., ¡nin o sabemos, un fortunón! Noutras verbas: ¡Eu teño as artes e vosoutros poñedes as partes! ¿Entendido?
Manuel conformou; sempre conformaba con tal de que o seu interlocutor tivese algún ascendente:
-¡O que queiras, Secretario; salvo que pidas a caixa do Concello...!
-Non, por agora, non, que esa témo-la débil, e non resiste unha empresa; quero dicir, das miñas.
Mabel, previsora de que non se lle escagallase aquel triángulo..., ¡financeiro!, adiantouse ao seu home, ¡ao oficial!
-Eses cartos..., para que Aurelio se faga socio, connosco, no que sexa, adiántollos eu, da miña conta; e se non chegan, tanto me dá empeña-las casas como vendelas, que as rendas van curtas. Por min nunca se rompen as sociedades...; ¡o que pasa é que, cando fago amigos, vai este Manuel e célase!
Aurelio, especialista en nós, tamén en nós, atou ben atado, sen pararse naquelas indirectas da súa Mabel:
-Fíxate, Manuel, o que é a intuición feminina; qué cousa tan marabillosa: aínda case non empecei a falar, a expoñe-lo negocio, e aquí, esta Mabeliña, ¡un encanto, que xa colleu onda! Pero vou ao miolo: agora que estudei, que coñezo a fondo, as posibilidades deste Concello, estiven matinando, precisamente con Voltaire, que, ¡il faut cultiver notre jardin! Para empezar, nesas leiras que bordean o Camiño do Rego das Abrairas, esa corredoira que empalma coa estrada principal, despois da Farmacia Nova...
Con aquela saída, ao seu criterio de pata de banco, non contaba o Alcalde. Desconcertouse, e así o expresou:
-¿Que dis, Aurelio; un xardín, un xardín público, nesas leiras? Se non as teño mercadas, todas, a eito, é porque non valen o esterco que lles botan; ¡non hai peor terra en todo o Distrito! Por se non te lembras, eu sonche Perito, ¡da Escola de Pamplona!
O Secretario fíxolle acenos de calma segundo lle ía explicando a súa trama, mesmo en fase de urdido:
-Manuel, nisto dáme un voto; de confianza, se entende, que estou empezando a explicar o planeamento..., ¡do noso xardín!
Que lle desen leccións noutras cousas, ben, ¡pero o que é en cuestión de leiras...! Salmonete inquietouse:
-Noutro asunto, en calquera, tes o meu voto; o voto, a bota, e, se fai falla, un par de legues; ¡o Axuntamento en Pleno que sexa! Mais, o que é en terras, ¡cuate, estás a monte! Ademais de ter a carreira axeitada, herdei este apelido de Salmonte..., ¡que se cadra quere dicir, o sal do monte!
Aurelio seguía debandando, urdindo, tramando:
-Manuel, a confianza que che pido é para que escoites: De entrada podería pedirvos un préstamo en diñeiro. ¿Non quedamos niso? ¿Que si? Pois agora veñen as inversións: Como a un lado dese camiño, entre a estrada e mailo río, hai catro leiras; e da outra banda temos cinco ou seis, que xa lles levantei o plano, e téñoas medidas, a milímetro, discretamente, por pasos, facendo como que me distraía escoitando os paxaros, daquela, ti, Manuel, compras unha de cada man; ¡pero teñen que ser das do medio, precisamente das interiores de cada agro! ¿Entendíchelo?
-¡Si, ho; merco esas leiras, dúas, das interiores; vale; e ti, que es o socio industrial, vas e seméntaslles toxos! ¿Toxo da mariña, supoño; do brando? Despois montas unha fábrica...; tal que de bencina, da sintética, coma os alemáns. ¡Hainos nese de Castro con menos tolemia; coa metade!
Mabel tiña a experiencia persoal de que non era sensato discutir co seu señor, co Señor da Casa Grande, por máis que lle gañase en cartos, ¡pesos cheirentos ao permanganato, pero cartos en definitiva! Cartos procedentes daqueles tumbaeros da súa ascendencia, da cubana. Temperou nos seus homes; ¡de presente, dous!
-Manuel, ¡como es de enfexo! Deixa que Aurelio se explique; ¡co ben que o fai!
Con esta venia, o tal Litis-Maquiavelo-Aurelio seguiu maquinando:
-Esa compra, e tamén as sucesivas, faranse a nome de volos dous, señores de Salmonte, sal-do-monte, como lle gusta ao Manuel. Comigo facedes un documento, privado, pero elevable a público, de data posterior, onde vos merco a terceira parte de todas e de cada unha desas leiras; proindiviso, por suposto. ¡O que chaman un testaferro, que neste caso é de sentido inverso!
Mabel, propensa ás golfadas, ás golfadas e ás golpadas, empezaba a entende-la matraca; como única obxección:
-¡Estou conforme; si, ao completo, menos nunha cousa! Como eses cartos, os que temos dispoñibles, son meus, que a caixa dos gananciais témola escorrida, daquela eses empréstitos fágoos eu: ao Manuel, para o seu terzo, con escrituras separadas, que este pirolán un día destes vaise por aí..., ¡a bailar!, e daquela, ¡nin cartos nin parella!
Manuel, ás dúas velas:
-¡Está celosa das miñas viaxes..., oficiais! ¿Muller, quen me vai querer, a min, un vello...; quen que non sexas ti? Pero non se discuta, que eu conformo niso do empréstito.
-¿Vedes a miña concatenación? -Aurelio estrullábase as mans, e non precisamente de frío, que naquela cheminea da Casa Grande ardían a tal momento dúas cañotas de carballo; dúas, á vez, que dúas eran as grandezas: ¡Alcalde e Fidalgo! -Ti, Manuel, se che preguntan para qué queres esas leiras, dilles que queres volver á egua, canso do teu Mercedes; que as precisas, esas leiras, para sementa-lo toxo. ¡Si, si, toxo verde, mol, do da Mariña, para que o teu caseiro llelo pique ás bestas! ¡Intuición que tes, Alcalde! Pero sigamos co plan: Fíxate ben, que iso é o que dirás; ¡a tododeus, nesas compras, nas primeiras! Unha leira de cada lado do camiño, no medio da agra, só se lle ocorre a un Perito Agrícola..., ¡pasado de osca! A ti que non che importe, que tamén os hai que se fan os loucos para librarse do Servizo; ¡tan só un listo facéndose pasar por burro é capaz de enganar aos paisanos deste Churiz, que xa os tenteei, ben tenteados!
Salmonte nin por comenencia quería aquel sambenito:
-¿Burro, eu? ¡Ai, non, que por esas non paso; e menos aquí, no meu Churiz, onde os meus entregos foron Condes, un Señorío, que o noso era daqueles de forca e de coitelo, que incluso tiñamos verdugo!
Mabel, con máis luces; máis luces ou máis picardía:
-¡Burro, que es máis burro que tódolos contrarios da parada, todos xuntos! Pero, cacho animal, se canto che di Aurelio é que fagas ese papel..., ¡para fode-la xente! Non entendes cousa; ¡e de negocios, menos!
O aludido agachou as orellas, asnalmente, para que o seu Secretario montase aquela trama dunha industria tan estúpida; ¡iso é o que pensaba Manuel!
-A segunda fase do plan consiste -seguiu expoñendo Aurelio- en que lle presentarás ao Concello, ao teu, a ti mesmo, unha solicitude para..., ¡para Actividades Molestas! Si, si, exactamente iso; ¡que vas poñer dun lado desa corredoira unha granxa de pitas; e no outro, a dos coellos! Para daquela cambiaches de opinión e xa non mercas ese cabalo. ¡Estratexias de divertimento do inimigo, que se di! ¿Enténde-la cousa, Manolón?
-¡Cómame nunca o diaño, que daquela estes súbditos, estes veciños, vanme poñer unha albarda; e por riba, un saco de pedras!
Aurelio nin se dignou escoitarlle tales evasivas:
-Como es..., iso, Perito, ti queres facer experimentos modernos, cousa moderna; de enxeñería xenética, poño por caso. Experimentos á túa conta, para ensinarlles, despois, aos veciños, que con iso pretendes facerlle un favor á mocidade, evitándolles a emigración; ¡algo parecido ao que fai ese Mestre de Ourense, ese das Cooperativas, o Franqueira! Con este propósito, tan científico e tan laudable, nin os cernícalos deixarán de estarche agradecidos. A terceira parte, a guinda do pastel, será que os donos das outras fincas, das confinantes, por nada deste mundo quererán soporta-lo cheiro das túas granxas, nin das pitas nin dos coellos, que xa me encargarei de propagar que non me fas caso en cousas agrícolas, que te tes por sabido, pero que iso das reprodutoras hainas no meu país, e todas apestan; ¡lo menos, lo menos, en cen metros á redonda! Daquela, coa xente convencida, vas ti, que es un fidalgo, e para non prexudica-los veciños das outras, das lindantes, mércaslles, por unha insignificancia, ¡tódalas súas, todas! Coas lindantes, coas seguintes, por ámbolos lados dese camiño, que nos farán falta, todas, e máis que houbese, para lograr un monopolio, ¡digamos, soarego! Mira, Manuel, tal e coma se os Salmonte volvesen á exclusividade do seu feudo medieval, ¡séxase, antes dos aforamentos! ¿Poste torvo, ou é que aínda non o tes claro?
-¡Este argalleiro do nabo! Oes, de postos así, decididos a arramplar con todo, se alguén non nos vende ao barato, daquela vou eu, como Alcalde, e plántolles unha expropiación. ¿Por causa de utilidade pública? ¡Máis barato!
Aurelio botouse as mans á cabeza; tíñao por burro, pero algo menos. Volveu a cargarse de paciencia e seguiu desenrolando naquel plan do seu propio desenrolo, ¡privado! Do seu, que o municipal importáballe pouco ao Trío da Bencina: ¡todo lume, pero escondendo o fume!
-Manuel, a modo, que isto faise con suavidade, coa suavidade dun Alcalde listete, que estes lugareños tan atrasados, xente coma esta de Churiz, son coma mulleres, todos eles: ¡cantas máis caricias, con tal de que sexan suaves, máis dan de si! Neste suposto, quere dicirse, se escornan, entón diraslles que non queres prexudicar a ningún veciño, ¡faltaría menos!, pero que en par desas granxas pode haber, incluso, infeccións do pasto, e por iso, ti, de boa veciñanza, lles permutas as fincas, todas, se non chas venden, polas que teñas nos arredores, pero na parte máis oposta da Vila, aló por contra dos barrancos, ¡inútiles para solares! Que planten castiros nelas, mentres ti plantas, nas súas, nas que foron deles..., ¡bloques de casas, consecutivos, moitas! ¿Manolón, percíbelo; veuche o siso, veuche o acme?
Non o captaba; en absoluto:
-¿En definitiva, qué coño queres facer con esa cantidade de leiras: un campo de fútbol, dous, tres...? ¡Demasiada terra!
Nada, que o ínclito Rexedor seguía sen rexer. Aurelio fíxoo rabiar, a pracer, pero aquel Manuel pasaba por todas con tal de entrever xuros, xuros doados..., para paga-los seus mecos, a ser posible, francesas!
-Díxenche en certa ocasión que eu son urbanista..., ¡e nin así asocias as ideas!
Pero Manuel, erre-que-erre, sen cheira-la fortuna que entrañaban aquelas perspectivas, aqueles confíns, grandiosos, aurelianos, desorbitados; ¡especulacións multimillonarias! O resto, ¡muxas!
-Meu Secretario, como Asesor Legal tes comigo o que queiras, pero no tocante á agricultura..., ¡un parvo! ¿Meterme, eu, a vixiar esa porcallada das granxas? Daquela nin os casaldeiros quererán facerme ese traballo..., ¡que antes emigran! Chacho, terás que seguir matinando noutros negocios, ¡tal que nun serradoiro!
-Alcalde, ¿que clase de político es ti? Voucho disparar, á mesmísima boca da xerra: Desde que sexan nosas tódalas leiras do circundo urbano, tódalas idóneas para construír, e desde que vexan por aquí un Enxeñeiro, que o traerás ti, de propósito, xunto con Axentes, con Técnicos deses da Extensión Agraria, etcétera, todo un tinglado, o preciso para seguir a ficción dun proxecto agrícola, daquela, ¡zas!, cambias de opinión, de socato, outra vez, ¡que para iso, vales! Escoita:
a) Os veciños terán un camiño bo, expedito, para ir coas cubas a ese Rego das Abrairas, ¡que o Miño quédalles a trasmán!
-¿A por auga; para qué? -Preguntou Manuel, intrigado, somerxido naquela nebulosa cerebral inchable, expansiva.
-¡Para caso de incendio, so burro; para o que sexa; qué máis che dá! O importante é que lles fas, cedendo unha propiedade, túa, túa, subliño, un acceso ao río. Pero ao que ía; atende:
b) Ti, magnánimo Alcalde, aínda que te prexudica nos teus proxectos, niso das granxas, ante a pública e reiterada petición, ¡miña, por suposto!, accederás a ceder gratuitamente dúas franxas de terra, rectilíneas, cara ao río, de forma que ese camiño quede de once metros; ¡co afirmado e coas beiravías por conta do Concello!
O inocentiño do Salmonte perdíase nos puntos:
-¿De once metros? ¿Por qué? ¿Imos face-la festa do patrón; ou unha corrida de galos, agora que non quedan bestas e que a Protectora dos Animais, tal e que sei eu...?
-Manuel, faremos algo máis práctico. Escoita: Esa gran avenida é para os camións cisterna, para socorre-la Vila; para que podan cruzarse con comodidade, e rápido. ¿Entendes?
-¡Ah, sendo así! Entenderte non é doado; ¡cómame o demo, que noutra tal nunca me vin!
-Manoliño, e Mabel, non abrades aínda a boca, ¡que se vos vai facer auga co que vén despois! Cando teñamos todo a punto, que calculo que se fará en cuestión de noventa días, eu preparo o Concurso dese Aparellador, asunto no que estamos conformes. Co Aparellador posesionado, vas ti e decretas unha suspensión temporal das licencias de obra, ¡para modificación e ensanche do casco urbano! É un dicir, que todas, non, que as nosas xa as teremos aprobadas; ¡autoconcedidas, de antemán! Así englobamos tódalas parcelas desas granxas nonnatas, esas leiras que na semana anterior ían para granxas..., ¡cheironas! Dese xeito tódolos terreos da Vila de Churiz, tódolos construíbles, ¡nosos! ¡Nosos, nosos! ¿Comprendedes a xogada; agora si? ¡Ai Manuel, Manuel, qué fatigoso resulta explicarche un negocio, por elemental que sexa!
Á Mabel medráronlle os ollos, que xa os tiña, de seu natural, amplos e raxados; pero o que é Manuel seguía desbordado, parándose nas minucias:
-Secretario, a modiño, que te pillei nun renuncio: Gústame iso de acaparar os solares; todos, tódolos da Vila, sen excepción, ¡todos en por nós!, pero, ¿para qué queremos un Aparellador se ao outro día empezamos a denegarlles aos veciños as Licencias das Obras, incluso nos arredores, que o Centro, a parte boa, a nivelada, para daquela témola nós, copada ao cento por cen nesa operación rotunda, envolvente, tal que aquelas do Caudillo?
-Manolón, que non é a Guerra de España; ¡isto é unha guerra sucia, económica! Centrándonos na materia: Entre outras comenencias, querido socio, dignísimo e admirado Alcalde, ti e mais eu seguiremos en olor de santidade, ¡que para iso teremos un Aparellador, para loitar coa veciñanza! Nosoutros teremos a función específica de revira-lo Plan Urbano cara a onde mellor se nos acomode, a onde máis rendible nos sexa, cara ao río, gañándote, de paso, o agradecemento dos teus veciños..., ¡en vista de que xa non lles fas esas granxas cheirentas! Manuel, un bo consello, un consello de sentido práctico: Móntalles aos vasalos, sempre, unha morea de complicacións, de molestias, de imposibles..., ¡e acto seguido fas que resolves ao seu favor, que ese é un full de ases, o mellor do mellor!
Manuel resollaba ao verse en lardo vivo coas suores daquel éxito inxente, inesperado, incalculable, inminente...; ¡tódolos íes do dicionario! Case chorou coa emoción, co sufoco daquela emoción: ¡El, un Salmonte, elevado, retornado ao feudalismo, encastelado no corno da abundancia, e precisamente por aquel Secretario, por aquel Aladino do que chegou a temer que lle pispase a muller, diante das propias nafres!
-Mabel, chatiña, saca outra botella, desas de cava, que este ambiente afógame; non resisto tanta prosperidade caída do Ceo. ¡Unha lotería! ¡Ai, ho, vaia Secretario providencial, que é bo descorrer; e menos mal que estás da miña parte, que terte na outra..., manda truco!
-Alcalde, que non es capaz de sopesa-la prosperidade que che espera: ¡Miles de vivendas, un formigueiro, tal que unha esponxa para zuga-los aforros de tódolos emigrantes, de tódolos pasmóns desta bisbarra; milleiros de homes e de mulleres papando frío e molleiras incontables; pasando fame, mal durmindo en barracóns, pragados de frieiras e de influenzas, lonxe da súa xente, sen ter con quen falar ao seu xeito..., por Europa arriba..., e total para que nolos tres andemos de chea, de chea e de troula, máis quentes cós coellos!
Manuel, que xa estaba obnubilado, máis cego que nunca, máis palimoco que nunca:
-¡Seguro que non, meu Secretario; e seguro que me vas dicir que eses solares da granxa, dunha granxa que non será granxa en cousa dun ano..., casas de oito ou dez alturas! ¡Rañaceos, coma nesa illa da Nova York! ¡Cómame nunca o demo, que é bo descorrer; nin que foses Ministro!
Aurelio seguía frío, sarcástico, comenenciudo, impasible, gozando co divertimento mefistofélico da súa propia malicia:
-Os meus cálculos van por aí, pero con máis discreción. Desas leiras teñen que saír...; ¡teñen que saír dous centos de casas, das de catro alturas! Dous patios, con oito vivendas por planta; milleiros, en definitiva, tal que unha coelleira, para cando retornen eses coellos do monte, eses seareiros que están agora na seara da emigración, morriñosos da súa Vila e traballando arreo para nolos tres, ¡sen decatarse diso! ¡Ten graza!
Volvendo ao planeamento dos pisos: De catro, só de catro plantas, que os vellos enténdense mal co ascensor, e para cando o queiran poñer, nin cartos terán; en definitiva, que tampouco fai falla escandalizar na veciñanza. Con esas construcións, aínda nos sobra unha leira, a de xunta o río, a da parte de arriba, que para esa teño plans diferentes...
-¿Esa, esa é a que queda para producir o toxo da miña besta; non é?
-¡Salmonte, marraches! Esa parcela va-la regalar ti, ti mesmo, ¡ao propio Concello!
-¿Eu? ¿Un regalo da maneira, despois de recalificada para solares...? -Escandalizouse Manuel, túzaro, cobizoso, mesquiño.
-¡Xefe, se iso che digo, iso farás! -Impositivo, autoritario, sen darlle treguas. -O que realmente vas doar son as nosas partes, tres, pero coma se fose túa, que eu sigo, e seguirei, na sombra..., ¡ao longo de toda esta industria! O triángulo éche escaleno: Eu, coa miña capacidade, penso; Mabel, anímanos, ós dous; e ti dá-la cara, que se non a tes dura, grandísima si que o é..., ¡coma un boi! Manolón, non me mires con facha de asasino, que nesa parcela, na doada por ti, pola magnanimidade dun fidalgo, dun Alcalde excepcional, fillo preclaro e benfeitor desta Vila, farase, faremos, ¡a Piscina Municipal! Unha gran piscina, con tódolos complementos deportivos do caso, que revalorizará os bloques das casas, ¡as nosas! Figúrate, casas cunha piscina inmediata, nun parque, xunta ao río, ¡con cartos do Goberno, que ti pos a leira, e vai ben!
Mabel púxose a bailar de gozo diante dos seus homes; ¡dous! Unha especie de danza ventral, das de sete veos, facendo que os tiraba de enriba, imitando unha película de harén turco. Mellor prefería darlle un bico ao seu Aurelio pero decidiuse por agarimar no Manuel, con disimulo calculado, ¡para celar ao outro!
-Manuel, Manueliño, pasaches da cotra á potra, que con estes plans do noso Aurelio, ¡xa ves! Retiro áureo: en París, en Niza, en Mallorca...; ¡onde nos pete! Para daquela déixoche traer esas bailarinas á casa, pero facendo como que son doncelas miñas, ¡polo qué dirán, que outra cousa...! Sexan roibas ou morenas, que incluso me valen as mulatas, polo estilo daquelas que tiña meu pai na súa mansión habaneira para darlle ao abano, que me dixeron que diso vén o nome da Habana, que por aló abanan aos homes unhas mozas ás que chaman jineteras..., ¡maiormente cando lles proe a entreperna!
Manuel, meu pobre, tamén conformou niso:
-¡Si, Mabel, un retiro precioso, con todo iso e algo máis, con moito de sobra, que ata me farei abana-los coxinetes! O malo, se volvemos ao comunismo, será ter que deixar este Churiz tan precioso, este paraíso que tanta ventura nos promete...
-¿Sentirás iso, meu amor; e deixarme viúva, despois de aguantarte todos estes anos, iso non?
-¿Viúva? ¡Que me importa o que fagas de viúva! Os teus verdores leveinos eu, por diante dos outros; así que, para os que veñan detrás, para os pobres, para eles, as pelellas, as sobras; ¿non si, Aurelio?
Aquela indirecta era tan ordinaria que non lle pasou desapercibida ao seu Secretario, pero saíu pola tanxente:
-¡Por min, vale! Pero iso da pobreza, iso da Beneficencia Municipal, é outro tema, que hoxe, aquí, nesta sesión privada, son asuntos privados. Oficiais..., ¡os do Concello! ¿Enténde-la cousa? Por unha asociación de ideas...; ¡case se me esquece un pespunto, un detalliño insignificante! Este, Manuel: coido que estaría ben que deses xamóns, tan presentados e tan recortados, que os tes a sobrar, e non é cousa de levalos á feira, que ata se porán rancios..., mándalle algún, tres ou catro, ao teu compadre, ao Ramonciño. Xa sabes que ese Oficial está demasiado cerca de nós, e non é cousa de que, co antollo de catro miserables xamóns, lle entren sospeitas doutros bocados máis..., ¡apetitosos! Darlles as sobras aos cans famentos ás veces é prudente, ¡ademais de barato!
-O que es ti, velas vir de lonxe, mesmo polo aire, meu Secretario, que nin que foses unha vella desas que botan as cartas; maldito se non estás en todo..., ¡unha xoia!
Aurelio pavonouse. Manuel pillara un complexo determinante, definitivamente crónico. E Mabel fervía coas arelas de botarlle os brazos ao colo a un mozo tan audaz, tan pillo e tan listo, que prometía cubrila con aqueles diamantes especulativos; ¡toxeiras convertidas en solares!
-¡Xefe, hai que irse cos tempos; e por outra banda, na terra dos cegos, tal que esta Galicia, é rei o que ten un ollo!
Á Mabel saíalle aquela fervenza por tódolos poros da súa abundante encarnadura; escapóuselle un suspiro:
-¡Niso de irte cos tempos..., sempre contigo, Aureliño; co corpo e coa alma!
Manuel algo percibiu, que algo se escamou:
-¿Que lle dis, muller...; qué bromas son esas, estando eu diante, de par túa? ¡Non tes vergoña, nin quen cha meta; a vergoña, quero dicir!
A súa muller, ¿compartida?, empezaba a albisca-lo ouro no seu tesouro:
-¡O que oes, Manueliño; que concateno con este proxectazo do noso Aurelio...; co corpo e coa alma! Tamén che digo que desde hoxe o noso castelo, ese de aí arriba, volve a ter Señor: Ti, vello Salmonte, herdeiro daqueles condes do Monte Salvo, que é o que poñen eses pergameos que tes no despacho; aínda que es medio parvo, medio parvo e máis bruto cós arados... Si, si, que ben sabes que é certo. Tivéche-la sorte, a sorte ou o acerto, de acertar con este Secretario de perendengues, que non só é capaz de argallalas, senón, e tamén, de montalas, de montar as burras de Churiz, unha por unha, que todo por aquí só hai Manueles; ¡Manueles de fachenda, pero sen ideas, que diso non saídes!
Aurelio sentíase vencedor:
-Mabel, esa palabra que me dedicas, iso dos perendengues, ¿é positiva ou negativa, pois no meu dicionario...? ¡Nin nese das picardías do Cela!
-Non lle fagas caso á miña muller, que esta golfa sen escrúpulos emborrachouse co cheiro das onzas..., ¡antes de fabricalas!
Ela riuse, a pracer, facendo castañolas cos dedos e bailoteando diante dos homes:
-¡Anda que ti, Manueliño dos Escrúpulos, Manuelón da Calderilla...; quen te viu e quen te ve; ou por mellor dicir, quen te verá de hoxe en diante, apañando cunha pá nos pesos que che vai fabricar este Aurelio! E a min, ¡a min!, cos abrigos de visón, catro ou cinco...
No caso do Manuel a tal intre mesturábaselle a cobiza co temor; ¡demasiada dose!
-¡Esta Mabel…! Que non te tente o demo poñerte a presumir antes da hora axeitada, que se pode celar a muller do noso Gobernador, e daquela...; ¡daquela dáme pasacalles, antes de cobrar esas especulacións do noso Aurelio!
Aquel Hipersecretario, sempre conciliador; á súa maneira, que tampouco lle interesaba doutro xeito:
-Decátaste, Mabel, de que o señor Alcalde, teu marido, é máis listo do que opinabas ti, fai pouco.
-¡Será, home, será; que xa din neste país que con boa escopeta e can prestado..., cazan os parvos!
-¡Cazaremos, cazaremos; moito; ámbolos dous!
-¿Ámbolos dous? ¿É que non somos tres? -Manuel volvía a celarse; con toda razón.
-¡De aquí en diante, para certos negocios, seremos coma un, un só! ¿Tres deuses? ¡Que va; un só verdadeiro! ¿Enténdelo? ¡Convenche entendelo e deixarte de celos, caro Manoliño, que os homes celosos desfán os imperios! -Con esta andanada desarboroulle a pouca arboradura que lle quedase ao ¿capitán? Salmonte.
-¡Centella! E ata terás razón, que isto xa se parece a Santísima Trindade, que o Párroco sempre a empeza a explicar, e despois atrapállase, que nunca dá rematado; ¡ennobélase!
-Querido Manuel, querido socio, querido Alcalde, ti tamén es trinitario: Eu sonche mellor teólogo có teu Párroco, que fago milagres da túa propia terra, das súas toxeiras, ¡do que tiñas diante dos ollos, e ti sen apalpalo! Un ceo trinitario, co corno da abundancia derramando..., ¡froitos! ¡Xa o verás!
Manuel asentiu. Se aqueles cornos, aquelas xenas, públicas e notorias, lle traían o nunca visto en riquezas, en categoría social, en mangoneo caciquil..., ¡que todo fose pola Patria, pola Patria e polos Patricios, co Salmonte incluído nos xuros, por suposto!
…
No hay comentarios:
Publicar un comentario