Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 junio, 2008

Seriais Literarios

¿Pódese pasar?

-XII-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-


¡Forzas vividoras, que non vivificantes!


Sae en pantalla o Café Centro: veladores en mármore, coas patas de ferro, de ferro forxado; xateiros que barullan nas dúas mesas do fondo, que as utilizan para bota-las contas da última remesa, pagándolles aos gandeiros con mañuzos de papel - moeda que sacan dos petos interiores daqueles blusóns..., ¡máis que mouros, da cor da bosta! Os paisanos, en xeral austeros, ao sumo pedían un grolo de augardente, ao que algúns, por contaxio habaneiro, denominan, buchito, que llela serven dun caneco de barro; un envase tamén cotroso, alomenos por fóra, que ten conta do que lle meten, sexa etílico ou metílico, pois o líquido non é visible ata vertelo naquelas copiñas, auténticos dedís de cana alta. Primorosamente talladas, iso si; acaso traídas de Cuba, daquela Cuba da Lei Torricelli, que foi onde aprendeu Cosme a súa hostalería sui generis, marrá, séxase, de marráns ao espeto, de dobre moral, metade servilismo, metade soberbia, ¡segundo para quen! Por outra parte, naquela tertulia das Forzas Vivas, dominó, dominó e dominó; ¡tres dominios, tres poderes, simultáneos!

A tal momento falaba o Litis, que se sentía, como pouco, director de orquestra; un domador de tigres diante daquelas ovellas:

-Matasáns, voume meter contigo, que entre ti e mailos teus colegas estádesnos creando dificultades; ¡considerables!

-¿Problemas, eu; a quen, como, e cando? -Lucas, sorprendido por aquel tiro libre, engurrou o cello.

-¡A quen vai ser, ao propio Manuel! Por ende, a este seguro servidor. Teriamos que falar diso, pero engorde, que a cousa é solemne.

-¡A min non, non ho, cómame nunca o diaño, que teño unha saúde férrea, de cabalo!


-Manuel, Alcalde, vou por outro lado. -Puntualizou o Litis cunha finta dialéctica suave, falsamente agarimosa; mesmo coma quen corrixe nun cativo, só que con ironía.

-¡Ah; é que contigo nin Deus sabe por onde tiras! ¿Que, a metá fóra, ou máis!

-¡Dalgún modo, pero só en certo modo! Estiven revisando os padróns, ao trinta e un do último decembro, que me incumbe todo iso en virtude do Regulamento de 1.952, e resulta que a poboación de feito, ¡que é a que conta neste Churiz dos nosos pecados!, caeu por debaixo dos vinte mil. Outro descenso, como daquela da guerra, pero este é inadmisible nun Distrito de xente tan nova…, e tan ben rexido!

Manuel deu unha losqueada, forte, pero no mármore; tanto, que ata se mancou, e para aliviarse soprou no moratón, pero como lle seguía doendo optou por rega-la man, aquela manopla peluda, osuna ademais de ósuna, coa copa da augardente, coa súa; con outro soprido, que lle pareceu pouca anestesia, envorcou de segundas a do Aurelio, enteira que estaba.

-¡Iso que dis é grave..., por culpa das subvencións! ¡Cómame nunca o diaño, Secretario, tes que casarte, pero pola Igrexa..., para ter fillos!

Aurelio, que non perdía facilmente a súa flegma habitual:

-Aquí o mal patriota, o sabotador, é este Lucas, noso contertulio, e non obstante, amigo.

O aludido, detendo a xogada:

-¿Eu; mal patriota, eu, con dous fillos de cada muller, todos na escola, e outro de camiño? Iso sen contar os que deixase en Santiago, que alí, como bo estudante de anatomía, observei e palpei, cantidade, practicando en vivo, ¡que é como mellor se aprende!

Aurelio apuntoulle co furabolos, incisivo, acusador:

-¡Ti, ti mesmo, Doutor; directa e indirectamente! E se cadra tamén os teus colegas, que andades receitando pílulas e métodos que vos converten en inimigos públicos. Estou falando en serio; tan en serio, que merecedes que elevemos unha queixa ao Gobernador...; ¡invalidada de antemán pola nosa camaradería, obviamente! -Coa de cal, unha de area: -A cousa está clarísima; e se non, decídeme: ¿cando caeu Roma?

-¡Anda este por onde sae, e iso que lle verteu Manuel esa copa! ¿Pregúntasmo a min, ou ao Ilustrísimo?

-¡A calquera, ao que máis saiba, que así douvos ocasión de lucimento, tal que nun concurso deses da radio!

Aquel desafío do Médico era de obrigado cumprimento para o Manuel que, atordado polos seus complexos, nin o pensou:


-¡Ai, ho, seino! Roma caeu...; caeu pouco despois do desembarco daqueles Aliados en Sicilia, que eu estaba daquela en Grodno, recuando, a cen, que non se me esquecerán aquelas heroicidades da Azul, da Gloriosa. Polas miñas contas, debeu ser na primavera do Corenta e catro, que aquel fantoches do Mussolini tiña moita verba e pouca fortaleza, ¡que se lle ían as enerxías pola Petaca! ¿Teño memoria, non si, Doutor?

O Doutor, escachizándose de risa:

-Pola Pettaci, dirás; pero non é por aí, Manuel, que o Secretario, ademais de cobizar as mulleres do próximo, fondea; sempre fondea, e coido que se refire á caída do Imperio Romano. Ata me parece que sei por onde vai: As comodidades e mailas borracheiras daqueles romanos, o noso viño de Amandi, etcétera; amén de certos vicios inversos; e tamén enfermidades, das secretas: o gálico, que o pillaron nas Galias, e despois espallárono por todo o Imperio. Esa conxunción de circunstancias prodúxolles unha dexeneración hormonal, unha esterilidade xeneralizada, co que descendeu, incluso, a poboación dirixente. Para entón os bárbaros, que se estorbaban entre si, ascenderon de simples lexionarios a centurións de tres vitis, que así foron copando os postos decisivos, co cal, Roma, a Roma imperial, para dicilo nunha soa verba, ¡escarallouse!

Manuel fixo ademán de aporrea-la mesa, por enésima vez, pero contívose, que aquelas mocadas so lle servían para agrava-la risa dos seus contertulios:

-¡Ao carajo podédesvos ir vosoutros, que me acomplexades, cando un, cando outro, de mala maneira, sen piedade; e a ver cando vos decatades de que a miña carreira é agrícola! ¡Ai, ho, que nin poda abri-la boca con estas eminencias! Voulle propoñer ao Gobernador que vos dea un cargo; como pouco, no Goberno..., para que me deixedes en paz!

Aurelio, naquelas tertulias, e sempre, adoitaba ir por onde quería, levando a voz cantante; e á vez congratulábase co Galeno, que tamén se gababa do seu polifacetismo, aínda que en ámbolos dous especialistas o que primaba era a sutileza dialéctica, o abuso psicolóxico.

-Senador Craso, don Manuel, xa que non temos a túa riqueza, ¡polo menos déixanos gozar da nosa cultura! ¿Pero, qué fas? ¡Ti mesmo afogaches o seis dobre, que a ver por onde colocas despois diso!


-¡Porras! É que entre dous sabedores...; ¡un Cristo! ¡E menos mal que hoxe non veu ese Crego! Matasáns, ¡xa está ben! Deixa de ollar por riba das gafas, que xa sei iso da tila, pero non serei eu quen lla acapare ao Cura, ¡que despois non lle queda un sostiendo, coa que gasta! Pero retornando a onde estabamos: ¿Que, qué se fai con ese asunto dos habitantes; non será por culpa, pero algo tamén, supoño, desta emigración tan forte que nos está rareando a bisbarra?

-Haberá que facer dúas cousas, dúas, simultáneas: Regalarlles aos médicos senllos exemplares desa encíclica, da Humanae Vitae; e segunda, desde xa, poñer a sumar no padrón dos habitantes ao teu compadre, ao Ramón, que se segue facendo as estatísticas esoutro chorras, ese comunistoide, coa meticulosidade que adoita, e con esa conciencia da ética internacional, ¡que é como lle chama!, sen atender aos beneficios comunitarios, aos municipais, ata teremos que mingua-la asignación per capita que percibe este Lucas, como Médico que é da Beneficencia Municipal. ¿Oíchelo, Doutor? ¡Por tanto, es parte directa, interesada!

Ao Manuel iso da rigorosidade estatística importáballe bastante menos que repoñe-la súa copa. Pediu e pagou outra rolda, e despois faloulle ao Secretario:

-¡Se só é iso, adiante cos farois, que xa firmarei, onde faga falta! ¿Cantos morreron este ano?

Como vemos, a principal dilixencia do Manuel era firmar, ¡onde fixese falta!

-¡Cento catro! -Informou Lucas. -Algún deses, agora que estamos en familia, pódese dicir que o foi por culpa miña, ¡que aquí non hai monos para ensaia-los tratamentos!

-¡Xa mo parecía, xa! -Aclarouse Manuel, pero o Doc, con sorna, aínda llo matizou máis:

-¡Cantos favores deses anónimos, no máis rigoroso anonimato, séxase, sen factura, lles fixen aos xenros, particularmente aos xenros!

Aurelio, como case sempre, na súa cetrería, voando alto, para alá dos nubros, por riba do ben e do mal, fabricando Normas Municipais:

-¡Iso é mentira, patrañas de Médico! Están vivos, todos eles, sen excepción; vivos no noso afán, así que non digades que caeron. Ímolos repoñer no padrón, inmediatamente; e ti, Doc, deixa de facer eses Certificados do Rexistro; afórrate ese traballo, salvo que chos pidan para corroborar testamentos, que sen testamentarías, neste Churiz tan churrín..., ¡adeus preitos! ¿Que xurde algún incidente? Daquela, cun cigarro aceso, deses do Manuel, esquecido nalgún curro dese Rexistro tan empapelado..., ¡chis-pum-fogo, mesmo como na guerra!

Aurelio baixou a voz para que o imitasen os seus contertulios ao percibir que aqueles xateiros do curro extremo remataran de paga-la entrega, e que a tal momento tiñan as orellas envaradas, ¡atentos aos cocementos das forzas vivas!


-¡Chist! Queda outro choio: que tamén lle quería pedir ao Facultativo un traballo profesional; algo rariño e moi secreto. ¡Iso; secreto!

-¡Vindo do Secretario, secreto terá que ser! -Exclamou o aludido, ao tun-tun, máis ben para seguirlle a corrente.

-Nada diso, caro Doutor, que a encomenda, como todo, vén do Alcalde, que eu, aquí e agora, só son un executivo...; ¡obviamente en favor dos intereses locais, cos teus incluídos!

-¡Ah, claro, executivo...; o que fai as execucións! Agora que os Salmonte non teñen verdugo; ¡nin verdugo, nin rolo, nin picota! Rectifico, que o que é por rolo..., ¡quéroche un conto!

-Déixate de trabalinguas, Doc, que as receitas e mailos certificados das defuncións falos ti. O caso é, falando en serio, que precisamos un estudio da poboación enferma, enferma crónica, ou tarada, ou..., ¡con defectos, con eivas, que resulten certificables! Aquí, entre nós, hai que inxectar cartos neste Municipio, ¡como sexa! Transvasalos, succionalos, rapinalos para aquí, ¡que a Seguridade Social ao de hoxe ten abondo!

O Médico riuse deles, cunha gargallada que moito chamou a atención daqueles xateiros que seguían dándolle á cunca, pero non se decataron de nada pois aqueles munícipes seguían conspirando tal e como se debe conspirar: ¡polo baixiño, a medio ton!

-¡Gran idea a deste taumaturgo, vive Deus; con este Secretario entrou en Churiz...; non sei, o New Deal!

-Vivamos todos, Doutor; ¡todos nós, claro, que a ti tocarache algo, unha febra, desde a cabeza á cauda, como dixo aquel Rei que repartía mercedes! Unha aclaración para o noso Manuel: non me estou referindo aos autos senón as Mercedes. ¿Vale? En canto a ti, Médico, todo iso será se colaboras con xeito, ao son que che toque don Manuel..., ¡que hoxe por hoxe é o teu Alcaide!

-Vexamos: -O Galeno, albiscando un choio, baixou a voz, outra vez, polo menos un semi. -Eu empezaría, nesta colaboración patriótica, por relacionar as desviacións de columna xa que, como sabemos, a nosa xente ten unha xiba monumental, que lles vén de carrexar na cabeza, principalmente na cabeza, aquelas sellas da auga, e mailos feixes, desde a máis remota infancia. Esas radiografías están clasificadas, oficialmente, como grado de incapacidade para o traballo habitual dun labrego. Etcétera, moitísimos etcéteras, que cos certificados médicos fanse milagres, incluso ese tan socorrido de librar do Servizo aos fillos dos amigotes...


-Querido Lucas, -suxeriulle Aurelio, -vai parando con esa disertación dos etcéteras, e deixa á parte eses milagres, polo menos ata que preparemos o peto do santo, que o tema principal, o que traemos ao tapete, ao noso, ao verde, é o tute. ¿Nos ves que hai odaliscas amosadas aos ajimeces da costa Fleming; esas que acaban de asaltar a fortaleza, o castelo salmontés...? ¡O noso asunto é de murallas a dentro; séxase, top secret!

Manuel, escamado, sen entenderlles aquel ensarillamento de verbas incoherentes, pero celoso de que non o deixasen fóra do invento, calquera que fose, que sendo do Aurelio, rendible tiña que ser:

-¿Doutor, qué dixo este Aurelio nese trabalinguas; que ese asunto do Secretario non ten tope? Será porque quere, que mouras é certo que non hai, pero o que é morenas, diso, á esgalla, ¡coa regaña a punto! Quere dicirse, co traballo comezado, que esas dan menos que empurrar, e non se desgasta a verga...; ¡as que queira! -Resultaba evidente que o traizoou o subconsciente, calculando que lle iría mellor se desviaba ao Litis para outra cor, que ao fin e ao cabo Manuel era un galo do curral, insuficiente ao que del se esperaba, pero fachendoso, fatua e pertinazmente fachendoso.

-Manoliño, -burlouse del o Galeno, -frea esa imaxinación, que se o Secretario non ten tope, ti tela longa de máis... Este tope alude, refírese, a outros buratos: estase a referir a unha receita inglesa, a propósito desas mozas que roldaban por aí, aquí mesmo, ao noso lado; ¡e ti, ao natural, sen precaucións, sen profilácticos na lingua!

Manuel, sempre propenso a preocuparse pola excesiva listeza e pola excesiva preparación daquel Secretario, segundo os seus módulos, cousa contradictoria xa que lle agradaba e conviña pero á vez empezaba a ser preocupante para un simple caciquiño territorial, dos da vella escola, dirixiuse ao Médico:

-¡Este carallán...! Oes, menos fachenda e procura levarte co Aurelio, que é perigoso, moito, neses babeis que se trae; mira, de cada verba fai un documento, e de cada documento tira un preito..., ¡en menos do que eu esfarelo esta faria!

Lucas asentiu, concordante, plenamente convencido:

-Xa o teño fichado, xa; dos pés á cabeza; e iso que tiven un suspenso en Psicoloxía Aplicada. Pero volvendo á proposición deshonesta, á que nos suscita este home: Esas revisións previas, esas de chupa-la Incapacidade dos labregos, teñen os seus atrancos, principalmente por culpa dos Avogados e dos Médicos do Instituto de Previsión, tales que...

Aurelio non cedía facilmente a vangarda daqueles plans mefistotélicos:


-¡Para aí, Doutor, que da cuestión xurídica teño unha boa trama no meu tear! En canto á médica, á túa, niso terás que facer as conexións precisas. Encargareime, asemade, de move-los peóns, paso a paso, da dereita para a esquerda..., ¡que tal é como maman as lebres! ¿Víchelas mamar? ¿Non? ¡Pois eu, si, así que che gaño en observador!

Manuel, perdéndose nos puntos daqueles danzantes; e sempre así:

-¿Que é iso de move-los peóns? Secretario, déixate de metás fóra, que aquí xogamos ao subhastado; ¡todos, ou ningún!

-¡Manueliño, qué ben o dixeches: xogamos ao subhastado, ás poxas! Non obstante, pídoche que non invadas o meu terreo, o meu propio; que haxa reciprocidade, que a Gramática é cousa miña. ¡Son palabras túas! O meu peón vai ser o propio Auxiliar do Concello, que así tamén o unto, que para algo se supón que é comunista.

Ese Xaquín axudará aos proletarios pasándome ao despacho tódolos pseudo enfermos da bisbarra, tódolos inapetentes do traballo..., ¡con tal de que teñan apetencia dunha pensión desas, desas de Incapacidade! Iso, esa intermediación, ademais dunha sona merecida, proporcionaralle algún que outro xamón...; e de paso, máis vendas nos almacéns da noiva, que xa a vexo de alcaiota deses corruptos que pretenden cobrar do Estado; ¡unha lexión deles! Tódolos vellos e tódolos mozos, tódolos que xoguen a enfermos crónicos, absolutamente todos, pasarán a ser clientes de seu sogro. ¡Como vou gozar con esta prevaricación inducida, compartida, con ese teórico das utopías!

Manuel, sempre coa teima de que non o fixesen de menos:

-¿Eu, qué; que pinto eu? ¿Quedo fóra? ¡Iso non está ben, que para algo son a primeira, a dignísima Autoridade, que así me chama o Crego!

Pero Aurelio tiña ascendente de sobra como para achantalo; todo o preciso, en todo instante:

-Manuel, ti, coa vara, tes abondo; e vaina conservando, que nos vén de marabilla, ¡a todos! O resto queda por conta do meu inxenio; o resto e mailo reparto, pero non se fale máis por hoxe, aquí, que este non é un sitio idóneo.

-¡Secretario, a modiño, un respecto, que esta sesión, mentres sexa oficial, levántoa eu!

Lucas botouse a rir, nunha fervenza irónica:

-¿Manuel, levántala; seguro; xa non precisas daquel medicamento que che receitei..., o Erectilón? ¡A verdade, palabra de Esculapio, véxote débil! De momento, amosa esas pupilas...

O Fidalgo cabreouse; moito:


-¡Que che digo que si, Doutor! ¿Tan pouca autoridade me atribúes? E ti, Secretario, para de darlle ao tope, ao secreto, e aclárate dunha vez, ou..., ¡ou non empezaras con esa proposta!

-Manuel, acouga, que tampouco é por aí, que para vosoutros non teño segredos, pero canto menos saibades da película máis graza vos fará; ¡sen riscos! Direilles aos paisanos, eu mesmo, que as cousas están difíciles, que terei que molestar xente importante; que para min non lles quero un can, seráfico que son, que o fago todo por servilos. ¡Ah, pero..., que o pero está na Capital, que aló só entenden de billetes, aínda que non deben apurarse por iso, que os cartos da recomenda adelántollelos eu; outro favor que me deben, que xa mos devolverán, daquela, cando cobren os atrasos!

En definitiva, voulles cobrar pouco, unha maquía: de tres a catro mesadas; tódolos atrasos que lles veñan, que así será diñeiro frío, que non lles sae do peto, do deles; unha especie de Imposto de Sucesións, gravado sobre un caudal relicto, para entendernos. E polo que toca ao noso reparto, teredes que confiar en min, coa precisión de que, nalgún caso, traballaremos de balde, por pura imaxe, como fan tódolos médicos que se prezan; ¿non si, Lucas?

Manuel, máis sereno e máis satisfeito con aquelas explicacións, xa se puido entregar ao seu vicio preferente, ao naipe:

-¡As corenta!

Lucas, vencido, deixou as cartas sobre da mesa, disposto á retirada:

-¿Ves, Manuel, cómo se che calmaron eses nervios co cheiro das comisións, dos produtos deses incapacitados? ¡Mellor dito, dos que incapacitaremos nós, coa miña inestimable colaboración! Agora, co novo Secretario, ti xogas con pulso, que nos últimos anos...; ¡parecías aquel Sancho, gobernando de balde unha Ínsula Barataria!

O aludido sorriuse, picarón:

-É que a min as receitas do Aurelio séntanme..., ¡mellor cás túas!

Esgotada aquela estratexia, as "autoridades" non pasaron á seguinte polo milagre de que aparecese en escena, entrando pola porta do Café, aquel Párroco tan simplón, tan inefable, tan..., ¡bieito! Lucas volveuse á cadeira, estirando nas pernas canto lle deron de si, que era moito, para mellor estomballarse; e o Alcalde, que se levantou cortesmente, levouse os dedos á sen para facerlle ao Párroco unha especie de saúdo militar:

-Señor Cura, sempre chega tarde á mesa do noso altar...; ¿como lle chama este Lucas, que non me lembro?

-Chameille, lúdica; séxase, ara votiva dos ludópatas, ¡nos!


-¡Ah; grazas! ¿Il será por aquilo de que os últimos...?

O Bieito deixou caer o seu bonete, beatificamente, no velador contiguo, e inclinóuselles, discretamente, que tampouco era cousa de irrita-lo poder temporal:

-¡A vostede, don Manuel, pásalle igual coa Misa; igualiño! Sequera ben sabe aquel refrán que di: O que chega tarde nin oe Misa nin come carne. Salvando as distancias, niso de come-la carne..., ¡se cadra tiña que ser menos, que o vexo redondo, cada día máis! Pois, precisamente, con tanto saín, esas tarefas dun Concello tan pecadento...; ¡vaia, que se empeza nun infarto, e acábase de funeral!

Aquel inefable tiña boa vontade, pero de tacto, algo menos. Duplicoulle ao Interfecto:

-De todo iso..., non se queixe, que a pesares dos meus bronquios, que lle teño bronquios, ¿sabe?, funo visitar case tódolos domingos deste inverno. Comigo de Alcalde non lle vai mal, que ata persigo aos seus inimigos; ¡xa verá a somanta que lle van dar eses comunistas..., se os deixamos retornar! Lémbrese de que, por desunida, no 36 perdeu a Fronte Popular...

-Que foi á igrexa de cando en vez iso é certo, pero algún dos santos evanxeos tronzouno pola metade; en canto ós seus bronquios, será máis ben por culpa deses xarutos... ¿Que di o Médico diso, que o ten cerca? Andan tan xuntos que logo parecen o César e mailo seu Bruto...; -Aturulouse o Crego, novamente, así que tivo que facer un corte, un tropezón, para dar saído daquela inconveniencia; -quero dicir, ó revés, que Brutus era o que ía para herdeiro do César... Pero non me miren desa maneira, que só foi unha divagación miña, ¡historias do meu latín!

O Galeno preferiu entendelo á súa maneira:

-Santidade, deixe as cousas como están, que en materia de enfermidades, nos, os médicos, temos a nosa reserva, ¡profesional! Xuramentos hipocráticos, ¿entende?

A santidade do Cura non lle impedía decatarse de que metera o remo, sotana incluída:

-¡Deixémolo así que aquí non pasou nada..., de momento! E sigan con ese subhastado, que eu véñolles do Rosario, e non estaría nada ben pasar das devocións ás distraccións, así, de seguido.

Lucas, que era un burlón nato, xa o coñecemos, non perdoaba aquelas ocasións para facturar ao grande, sen piedade; todo ó contrario do Presbítero:


-Este don Bieito é un as, ¡palabra de Galeno! Por iso, de tanto achegalo a nós, vainos converter. Daquela, ¿que faría un Crego tan celoso do seu ministerio..., sen pecadores?

O Bieitiño tampouco era manco cando se arremangaba, pero o malo era que o facía cargado de inocencia:

-Pois..., ¡sería algo así como se vostede nos curase de antemán, a todos, tal que unha vacina!

Salmonte, na súa xurisdición tradicional, familiar, aínda medieval, críase na obriga de mante-la convivencia pacífica, maiormente entre os burgueses, aqueles que consideraba asimilables á súa nobreza, sequera fose por elevación:

-¡Ide parando, que xa está ben de filosofías; me cago nese dos infernos! Aquí viñemos para distraernos dos nosos traballiños neste val das bágoas. ¿Non si, Secretario? ¿Ou é que xa non estás comigo, non me acatas, non me defendes?

-¡Manuel, non digas iso, que se eu fose muller, daquela chamaríanme dona Lealdade...!

Don Manuel Salmonte, a penas lle fixo caso, que naquel intre tiña entre mans un problema adicional, de circunstancias; se chegase a estar na armadura dalgún dos seus entregos, seguro que ordenaba o aforcamento dun camareiro tan remiso, tanto, que non era capaz de tremer diante dun Alcaide:

-¿A ver, ti, mocoso, qué pasa con ese dominó? ¿Non ves que chegou o señor Cura, que é o que domina neste arciprestado? Non acabas de aprende-los costumes da xente de cuna; ¡nin coas dignísimas autoridades! Leña verde e camareiro novo..., ¡quítamos de diante dos ollos!

-Manuel, deixa en paz ao mozo, ao teu vasalo; déixao vivir, ¡que primum vivere, deinde philosofare! Xa filosofaremos co dominó, que a tarde aínda é virxe...; ¡unha das poucas! -Lucas, suavizando e provocando, todo asemade, naquela dicotomía da que tanto gozaba.

O aludido revolveuse no asento, incómodo, cativeiro para aquelas nádegas de boi cebado, motivado por aquel aparente descontrol:

-¿Pero qué raios pasa neste Municipio, que lle deu ao Médico por falar en pentecoste?

Mediou o Bieitiño, tentando exercer o seu perenne e infrutuoso apostolado:


-Señor Alcalde, será que nos visitou o Espírito, e daquela desatou as linguas, que desde que lle gañei aquela partida aquí a don Aurelio esta Vila está como..., ¡santificada! Non llelo debera dicir para non provocar vaidades, pero é certo que a xente mudou de comportamento desde que mandan vostedes. Noto unha cousa...; non sei, un retraemento; máis prudencia, máis discreción, máis silencio... ¡En definitiva, un sometemento á vontade de Deus, unha santificación! Xa notei, tamén, tamén, digo, unha satisfacción xeral niso dos preitos..., ¡que corren menos para a Capital! Polo pouco que me din, moitos concordan en que lles sae máis barato consultarse aquí, na propia Secretaría do Concello, que de seguida vai vostede e arránxalles as cousas, bastante equitativo, bastante ben. Do que se queixan é de que lles cobre aos dous, aos dous litigantes, quero dicir, por ámbalas partes. En todo caso, que Deus llo pague polo ben que lles fai aos meus fregueses, que no tempo que levo en Churiz a metade das melloras íanselles neses preitos das irmandades, ¡tan feos que son polo moito que escandalizan aos morgados!

Notóuselle ao Secretario que deses temas prefería discreción:

-Señor Cura, coidaba que os secretos da confesión coincidían, en paralelo, coa reserva profesional, da que tamén falou Lucas... Díganllo na confesión ou fóra dela, mentres non litigue polos seus estipendios, a min déixeme de lado coas minutas..., ¡que cada un vive de cadanseu altar!

-Non se enfade, don Aurelio, por Deus non o faga, que as súas virtudes nin son nin deben ser secretas, que están na boca da xente..., ¡que este é un pobo agradecido, si señor! Sequera ben sabe iso de que, Vox populi, vox Dei. ¡Dóbrome!

O Alcalde, tratándose de xogo, sempre o vimos animado, unha eminencia:

-¿Pero, qué fai...? ¡Bieito, esas gafas...; nin se dobre nin faga xenuflexións, que puxo o cinco - seis polo seis dobre! ¡Apañados estabamos en Churiz se mandase vostede!

O aludido azorouse de mala maneira e retirou aquela ficha improcedente:

-Os cregos tamén erramos, señor Alcalde, de cando en vez, que xa se di que, errare humánum est.

Refolgou don Manuel, satisfeito de pillalos nalgún renuncio:

-Menos mal, que a min, entre estes sabios que as acertan todas, xa me entraba o complexo; ¡un complexo de mil diaños!

Aquel tonsurado non tiña un hisopo á man, pero bendiciuno de palabra:

-Non hai de qué telo, que vostede é un dignísimo Alcalde, o mellor que coñecín; ¡sempre o direi!

-¿Aínda que lle tronce os evanxeos chegando tarde...?


-¡Non; por favor, iso non; non o faga, que é un mal exemplo; nesta Vila tan piadosa non llo quero a ninguén, e menos a un Alcalde designado pola graza de Deus, en vertical, que é como baixou do Ceo a esqueira de Xacobo! ¡Neste caso, tal cal!

Manuel fretouse as mans, sobranceiro de satisfacción:

-¿As demais..., pásamas, todas?

-¡Non vexo outras! E logo que, mentres ninguén lle tire a primeira pedra, Deus me libre...

A satisfacción do Salmonte era tan grande que lle deu por facer chistes:

-Señor Cura, agora que di iso, iso da primeira pedra, ¿sabe qué me ensinaron, de neno, unha Tata que tiven? Voullo dicir: Que aínda que todos digan, na mesa, Eu tampouco, hai que pensar para si, para que non nos torzan a vontade, ¡Pois eu, de pan, pouco! Polo que engorda, claro; e deixar que nos sirvan as talladas do compango..., ¡mentres queden! Eu tamén lle sei xogar ás guilindrainas...

O Crego fixo que se escandalizaba, se cadra ben menos do que aparentou:

-¡Don Manuel, acórdese do rico Epulón, e para que non me gañen sempre, propoño pasar ao tute...!

Pero no tute seguiron con aquelas bromas tan significativas, tan reflectivas da mentalidade de cada quen:

-Iso non vai comigo, que sempre lle poño billetes na bandexa, ¡que o que é mellor contribuínte, nesta parroquia...!

Lucas, amosando aquela vea ateística da que se xactaba a miúdo:

-¿Non o ten Deus, Deus ou o san Bieito, este Arcipreste que naceu así, tan inxenuo, que por iso o teñen de santo tódolos ídem?

Manuel botoulle un capote; envelenado, por suposto:

-¡Cala, matasáns; ou calas, ou lle digo ao Cura iso das pílulas e dos profilácticos, que os andas receitando por todo o Distrito..., en contra do censo!

Menos mal que aquel Bieito era realmente iso, un bieito: ¡na máis completa inocencia niso dos anticonceptivos!

-¿Que é iso das pílulas; acaso outro invento da lonxevidade..., para retrasar a toma de posesión dos santos?

-Nada, señor Cura, -esquivou o Doc, -non lle faga caso ao Alcalde, que agora non falou ex cathedra; ¡cando estes munícipes redacten un Bando ad hoc, un que sei eu, daquela xa verá a qué banda lle convén xogar!


O Crego non se apeaba da burra, nin da burra nin da súa burremia; e seguía perdendo; ao tute tamén:

-¡Estes condenados! Non lles entendo nada, nadiña, a ningún dos tres. ¿De qué pílulas falan; xa se inventou esa vacina do cancro?

-¡Non se preocupe, que vostede desa receita non precisa, pola graza de Deus, que lle abonda cun Ave María!

-¿E logo, atópame ben? -¡O máis próximo é un mesmo!

-¿Que se o atopo? ¡Coma un crego! Vostede siga rezando, maiormente polos defuntos, que este Concello non precisa dese Deus dos curas; ¡vai de lui même!

Non as tiña todas consigo aquel eclesiástico, que algo crucificado sentíase; o que non discernía era cal deles sería o bo ladrón:

-¡Non sei, non sei; non sei se estarán ríndose de min, o que sería un sacrilexio..., polos meus hábitos! En fin, como dixo o Médico, ¡resignación! ¿Vostede qué opina, san Aurelio? ¿Sabe que significa o seu nome? ¡Case nada: Da cor do ouro! Pero vostede, de egoísmo, de avaricia, coido que nada, que vostede si que é un santo..., ¡se o comparamos co noso Galeno!

-Don Bieito, eu non opino, nunca xamais, que para iso están as Alcaldías. ¡Eu, executo! Mire, este equilibrio noso, este das Forzas Vivas, vai ben: tenlle catro patas, ¡coma os bancos! Vostede, como din os comunistas, dea opio á xente; ¡séxase, resignación! O Doutor vai tras súa, co seu ácido acetilsalicílico, que se non cura o que non curou o Cura, polo menos calma na xente, no pobo, ¡cousa de seu interesante! Don Manuel, vostede con tal de vivir, de vivir ben por suposto, déixanos vivir aos demais; ¡outra virtude! E de último quedarei eu, que servidor, servindo aos tres poderes, ¡servido vai! Nada, o dito, o que se ve: ¡As corenta!

Aquel Crego quedaba, xa estaba, convertido á secta do Aurelio; e quixo poñelo de relevo, inocentemente para máis INRI:

-¡Que razón a deste Alcalde cando fala da sorte que tivemos co seu nomeamento! Señor Secretario, vostede é unha lumieira, un facho, que para min quixera a súa labia; se eu fose Papa, daquela, mesmo daquela, facíao Bispo, Bispo de Churiz...; ¡ou se cadra, Cardeal!

Sorriuse Aurelio, para dentro e para fóra, con toda a picaresca imaxinable, que ben lla cacharon e apuntaron aqueles Inspectores da Fiscalía Celeste.

-¡Pois eu, o que é a vostede, meu Reverendo, sen vacilar, facíao Secretario!

Aos poucos, cansos do xogo e do parloteo, tanto do dominó coma do tute, dos dime e dos direiche, cousa habitual neste tipo de tertulias, ausentáronse aquelas eminencias. Manuel e mailo seu Aurelio, atarefados, a maiores, na montaxe daquela Promotora de Vivendas, que tiña por obxecto directo acaparar os solares, acaparar tódalas terras útiles do circundo da Vila, para transformalas, seguidamente, sen présa, ¡para non chama-la atención!, e sen pausas tampouco, ¡para aproveitarse dos milagres da vara edilicia!, en pseudovivendas, en esponxas zugadoras de tódalas divisas emigrantís, ¡e máis que houbese na bisbarra! O primeiro que lle dixo Aurelio ao consocio, de camiño para o Pazo Salmonte, foi:

-Manoliño, é necesario que teñas máis sutileza co Médico. A ti pásache desapercibido e pouco che vai importar desde que te faga multimillonario nisto da construción, pero non está ben ensinarlle as cartas ao teu sucesor. ¡Se non foses tan burro...!

-¿Sucesor, qué, quén; sucesor meu? ¡Ese non ten fío co Xefe Provincial, nin directo nin indirecto, que o teñen polo que é, un esquerdoso de moita papilla e de pouca efectividade; e logo que non cree en Deus, principio e fin de tódalas cousas, alcaldías incluídas!

-Manuel, atende ao consello: Ti espera sentado, na porta do teu pazo, ¡e daquela verás! Ese tío aínda ignora o seu gran poder de convocatoria para cando chegue a democracia; que chegará, algún día, que ese vello..., ¡xa me entendes, non hai outro coma el, que xa morreu o cabalo de Espartero, e supoño que tamén o de Santiago!

Ti vai ponderando: A medicina estase socializando, de día en día, e haberá un momento en que os vellos, as receitas dos vellos, serán a mellor demagoxia, o mellor dos imáns: consultas gratis, receitas gratis, incluso para os nenos, de produtos modernos, nutritivos...; non sei cómo se chaman; e doutras cousas, das que xa hai nas farmacias, e das que veñan no sucesivo, gratis. Todo iso a nome dos xubilados, na documentación dos xubilados, etcétera. Logo está iso de que os mozos emigran. Aquí terán piso, pero residirán fóra, lonxe, nesa Europa das democracias. Daquela todo será vellos: nas vilas, nos rueiros, nas cidades. ¡Vellos, vellos..., vellos a feixe! Votos do papanatismo, pero tamén do medo; votos de comenencia, votos do conservadurismo máis pragmático, indiscriminadamente de dereitas ou de esquerdas, ¡que iso é accesorio!

O poder do voto desa lexión de vellos, unha xeración de vellos a punto de entrar na última das quintas, ¡na dos pensionistas! Coa lonxevidade en incremento, a cousa será definitiva; e daquela todo irá en contra túa: ¡gastado, queimado, obsoleto coma unha picaña! Contra ti, por suposto, por lei de vida, polas leis do egoísmo humano; e indubidablemente a favor do Médico, un Médico populista, demagogo á vez que compracente; incapaz de reciclarse, de actualizarse medicamente, pero simpático na tona, no superficial, ¡como é o caso deste Lucas! ¿Espertas, Manuel, que tal parece que as miñas profecías estante durmindo, cando debera ser todo o contrario?

-¡Demontres, que se esperto; nunca se me ocorreu matinar niso, nesa posibilidade! A mais de Secretario, ti es o meu augur.

-¡Manuel, posibilidade, non; probabilidade, ou máis exactamente, proxección, seguridade absoluta! A túa xogada, a grande, a definitiva, está na velocidade que lle imprimamos á promoción desas vivendas, que despois, de ricos, cando volvamos, por lei pendular, á democracia, ¡daquela mira cómo se me pon o dedo! A túa alcaldía e maila miña secretaría, para entón, que a metan por onde podan, ¡que as súas Américas serán residuais! Manolón, dáme esa man: ¿Quedamos xuramentados, de aquí e de agora, definitivamente, para facer un de muleta do outro, pase o que pase e digan de nós o que digan?

-¡Ai, ho, por cento un anos; e que Deus che pague un consello de tal categoría! O que non quero é que te vexan coa Mabel, que a xente rise abondo de min..., ¡por outros motivos!

Aurelio, ¡da cor do ouro!, fíxolle un aceno de asentimento, ou máis exactamente, de concesión, de simple concesión formal. Manuel, pola súa parte, tan simple e tan simplón, quedouse reconfortado, e detívose na mesma beiravía, oito pasos antes do seu palacete. Daquela, encarado co Litis, mostroulle unha faciana de tantísimo agradecemento que a punto estivo de darlle unha aperta, pero estaban na rúa, á vista de medio Churiz, que se non, daquela..., ¡daquela mesmo o ía adorar, coas mans encrucilladas por sobre da empuñadura da súa vara milagreira, edilicia, máis luxada e máis prostituída que unha aguillada das de estimula-los touros das vacas!



No hay comentarios: