Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

21 abril, 2009

DENUNCIA DAS AGRESIÓNS AO CAMIÑO PRIMITIVO EN SAN XOÁN DO ALTO NO CONCELLO DE LUGO


As organizacións ADEGA, Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio queren manifestar a súa repulsa fronte ao atentado que se está a dar na calzada histórica do Camiño Primitivo de Santiago na parroquia de San Xoán do Alto (concello de Lugo), vía xacobea que goza de recoñecemento e protección oficiais como itinerario de alto valor patrimonial, turístico e ambiental. Informamos de que se está a producir unha agresión de gran impacto contra a traza antiga desta rota no lugar de O Fornelo, onde se apreza a destrución dunha parte da trama camiñeira, incluíndo a caixa do camiño, os muros laterais e a práctica totalidade da vexetación autóctona que delimita este vieiro público de carácter histórico e cultural.

Así mesmo, entendemos que este atentado ao patrimonio resulta especialmente grave no que atinxe á tala da espesa carballeira que circundaba este treito do Camiño Primitivo e das árbores lindeiras á propia calzada ou incluídas na mesma, e contra as paredes do peche perimetral constituído por cercas de artística construción seguindo as pautas da arquitectura tradicional da zona, ben sexa con aliñamento de grandes chantos ou alternando muros de cachotería rústica e vargos en perfecta harmonía.

A isto hai que engadir o presunto soterramento do primeiro treito do vello camiño xusto no lugar en que se desvía da estrada provincial de Lugo a Palas de Rei, onde son visíbeis os estragos motivados por obras realizadas con maquinaria pesada, así como a desaparición total da vexetación da propia vía e mesmo a instalación de peches a xeito de cancela ou o depósito de numerosos postes de cemento coa suposta intención de atrancar ou impedir o libre tránsito por este camiño milenario propiciando a súa desaparición.

Tamén chamamos a atención sobre a presunta irrupción na área de protección do Castro de Rebordaos, recinto castrexo catalogado e situado á beira do Camiño Primitivo pola súa marxe dereita, impacto que afecta non só á unidade histórica que conforma coa vía medieval, senón tamén á masa boscosa que protexía e enriquecía o seu entorno paisaxístico.

Ás portas da celebración do Ano Santo xacobeo do 2010, esiximos a actuación decidida dos organismos públicos e nomeadamente do goberno galego, para a rexeneración do treito aproximado de 1km. de Camiño Primitivo orixinario entre os lugares de O Fornelo e a igrexa parroquial de San Xoán do Alto (ecclesia Sancti Iohannis de Mera no testamento de Odoario do ano 747, onde asentaba o vello mosteiro do mesmo nome que o Tombo de Sobrado remite ao ano 964, refuxio de peregrinos e camiñantes nesta antiga verea ao paso polo castro de Rebordaos e o casarío d’ A Seara, apelando á recuperación dos terreos presuntamente apropiados ou ocupados no itinerario histórico desta vía e que están a impedir a súa utilización como ben público de alto valor simbólico e patrimonial, instando á adopción de medidas cautelares urxentes que impidan a completa e definitiva destrución da calzada antiga desta primeira rota a Compostela e dos seus valores culturais e paisaxísticos, postos en perigo polo que coidamos que ten sido unha actuación pasiva e irresponsábel dos poderes públicos implicados na súa defensa.

En Lugo, a 18 de Abril de 2009


(ver imaxes na banda lateral)

No hay comentarios: