FESTAS EN REBORDAOS EN HONRA DE SAN XURXO
Os días 24, venres, e 25, sábado pasados, a parroquia de Rebordaos celebrou a súa festa patronal, baixo a advocación de San Xurxo. Rebordaos é, sen dúbida, unha das máis madrugadoras nisto de celebrar as festas patronais xa que case todas as parroquias de Castroverde, do mesmo xeito que unha maioría de localidades galegas, fanas coincidir cos meses estivais, os máis visitados polos fillos emigrados, familiares e turistas que retornan para pasar uns gratos días vacacionais.
A parroquia puxo este ano o listón moi alto para o resto de festas locais do concello. Nin máis nin menos que tres orquestras, "Os SATÉLITES", da Coruña; "TRÉBOL" de Ferrol e "ALCOTÁN" de Vigo, todas punteiras no ámbito de Galicia e algunha delas super-punteira amenizaron as dúas noites e a mediodía do sábado aos veciños e amigos que quixeron achegarse a compartir con eles a súa festa patronal. Tres excelentes e afamadas orquestras, complementadas coa actuación de "AS CANTAREIRAS de ARDEBULLO", que puxeron o contrapunto enxebre e humorístico ás festas.
Por suposto, non todos os actos foron profanos. Como xa é tradición centenaria en Galicia tamén se celebraron os correspondentes actos relixiosos, entre os que destacan, ás 13:30 do sábado, a tradicional e solemne Misa Maior en honra do Santo Patrón, seguida de procesión que estivo acompañado polo conxunto da imaxinaría da igrexa parroquial. Para que a meteoroloxía non arruinase as festas, programadas con gran esforzo de organización e económico, contouse coa correspondente carpa onde se degustaron todo tipo de produtos e bebidas.
Xa na intimidade de familiares e amigos, tódalas casas da parroquia sacaron ese día os mellores manteis e viandas cos que recuperaron forzas para logo queimalas ao son das cancións e bailes até ben entrada as madrugadas. Parabén, e que se repita moitos anos, con saúde para todos.
( vídeo parcial da procesión
No hay comentarios:
Publicar un comentario