PÓR EN VALOR A TORRE DE CASTROVERDE
Por
José Enrique Villarino Valdivielso
da
Asociación Cultural
“Amigos do Patrimonio de Castroverde”
José Enrique Villarino Valdivielso
da
Asociación Cultural
“Amigos do Patrimonio de Castroverde”
Así leva moitos anos. Case desde sempre. Por suposto, desde que eu coñezo. Pero, a TORRE de Castroverde non pode -non debe- seguir así. Soa, baleira e inútil. Debe recuperar o papel que un monumento da súa categoría tivo, merece e merecen os que ao redor dela habitan, véndoa día tras día ergueita; reflectido nela o orgullo, a fidalguía, o señorío, gañado con suor, século tras século, gañado tras moito traballo e moitos sacrificios dos habitantes dese fermoso Vallis Viride romano, salpicado de castros onde moito antes habitaban pretéritos señores, desde as bravas terras do Monsciro e o Cuperio até onde as terras contiguas ao Chamoso case se funden co Pai Miño.
Nos tempos que corren para pór algo en valor hai que rescatar os beneficios da virtude. E virtudes para acoller variadas e boas cousas ten a nosa TORRE. Corren tempos desfavorables para todo aquilo que teña que ver cos diñeiros, e máis coas subvencións. Non podemos -non debemos- fialo todo nas axudas das institucións, sexan do Concello, a Xunta ou o Estado, aínda que teña que habelas. A sustentabilidade, hoxe de moda, non é outra cousa que a capacidade das persoas para perpetuar os recursos que os nosos devanceiros nos legaron. A TORRE debe valerse, no que poida, por si mesma e nós axudarlle a conseguilo. Como? Diso imos falar a continuación.
Deixemos aparte litixios sobre dominio, propiedade, usos do chan e demais xuricidades que lle afecten. Resóltas éstas, poñamos que as institucións, e o Concello á cabeza, deciden facer algo para garantir o seu futuro. Que facer? Pois algunha que outra idea se pode pór sobre a mesa para conversar, para falar e para debater, cousa sa onde as haxa. Ocórrenseme tres, que se resumen nunha , o xa devandito: PÓR EN VALOR A TORRE. Pór en valor a Torre é facer que ela, e por si mesma, xere os recursos que axuden a facer viables outras funcións menos comerciais e máis altruístas, xunto coas axudas permanentes que debe recibir das institucións autonómicas e nacionais, xa que as arcas do Concello non deben estar para moitas alegrías. As funcionalidades da TORRE estimo que son tres: A primeira, unha FUNCIONALIDADE COMERCIAL, de lecer e negocio, que provea de recursos a outras funcionalidades menos retribuibles. A segunda, unha FUNCIONALIDADE INSTITUCIONAL, a máis propia e identitaria, a histórica, resume do xenio das xentes da terra. Esta función é facer da TORRE un espazo de memoria e convivencia, aberto, de futuro para a comarca. A terceira FUNCIONALIDADE, FORMATIVA. Xunguir o pasado e o futuro mediante o coñecemento; aprender dos devanceiros para ser capaces de innovar, que non é outra cousa que anticiparse ao que vai vir mediante a capacidade de crear, de facer cousas novas. Todas elas poden e deben convivir nese único espazo de forma harmónica, ordenada e serena. Aquilo que non ten unha función, o que non serve para algo, acaba morrendo.
Por exemplo, o Concello, ou quen corresponda, pode habilitar unha concesión para a explotación dunha ACTIVIDADE COMERCIAL DE RESTAURACIÓN e/ou HOSTALEIRA, mellor ambas, dunha escala adecuada, preferentemente a algunha iniciativa local, mediante o correspondente "cánon", non afogante, que debe acomodarse en contía e tempo ao desenvolvemento e éxito paulatino da iniciativa. O importe debería aplicarse integramente no financiamento parcial das outras dúas funcionalidades. En segundo lugar, a Deputación debería financiar parcialmente tamén o acondicionamento duns espazos destinados a TALLER E MUSEO ETNOGRÁFICO e DE INTERPRETACIÓN do alto CAMIÑO PRIMITIVO e dos recursos turísticos da bisbarra, para que non só sexa un espazo morto, senón que o taller lle de vixencia e actualidade ás investigacións sobre o pasado, nun marco de recursos para poder desenvolver conferencias, congresos, etc sobre a comarca e o CAMIÑO PRIMITIVO e non só sobre a comarca. O CAMIÑO debe ser un eixo esencial nesta estratexia de dar contido á TORRE e a bisbarra, sen esquecer o papel primordial de ser tamén un lugar de encontro das xentes. A terceira funcionalidade podería concretarse, en estreita conexión coa anterior, nunha ESCOLA-TALLER, financiada con recursos da Xunta e a Deputación, onde raparigos e raparigas da zona aprendan oficios e saberes xa case perdidos e cuxos coñecementos se apliquen á restauración do patrimonio local, á vez que participen na súa restauración e comercialicen empresarialmente, a particulares e terceiros, os traballos en que se plasman estes saberes. Aquí xoga un importante papel de asesoramento e xestión a URG (Universidade Rural Galega).
A pouco que boten a andar estas tres iniciativas, unha tras da outra para non coller unha enchenta, cos investimentos previos de restauración e acondicionamento a cargo dos organismos citados implicados e a axuda das institucións onde non cheguen as actividades comerciais, e de todos nós, poderemos chegar a ver unha TORRE rexuvenecida, útil e refulxente. Espello de Castroverde no que nos miremos todos, orgullosos de que, garantida a súa permanencia, vai seguir sendo parte do noso almario onde habita a memoria non só da nosa paisaxe vivida, senón tamén do interior, do máis persoal e íntimo.
Setembro, 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario