Alcumes ou nomeadas
Fixádevos no orgullosa que se sente esta rapaza, esta castroverdense de prol, lucindo unha camiseta co emblema de Montecubeiro, ¡terra de “Puchos”! Isto tamén é patrimonio, loanza e respecto polos nosos valores. ¡Noraboa e grazas, rapaciña, que non todos se deciden a honra-las tradicións do seu país!
“Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese…”, por concesión e atribución divina, segundo nos informa o Xénese no seu versículo 2, 20. Como vedes, iso de dar nomes ten o seu aquel, por máis que os galegos, e non só os galegos, padezamos certas desviacións, como por exemplo chamarlles Sonia ás Sofías, ou Iván aos Xanciños, ou Leticia ás Ledicias, etcétera.
Servidor estábase saíndo do círculo da toponimia, acaso por puro contaxio (contaxio impuro) xa que imos perdendo, ¿acaso por evaporación mental?, o sagrado respecto que nos merecen estes valores patrimoniais. E concretamente no rural, a néboa das concentracións parcelarias estanos eclipsando a riquísima, a ilustrativa, microtoponimia, que tan cara foi aos nosos entregos xa que lles servía de arquivo para conservar e transmitir oralmente importantes valores históricos locais.
Algo parecido está ocorrendo cos alcuños, salvo se acaso nas necrolóxicas pois en tales comunicacións numerosas familias prefiren da-la nomeada do casal, non sempre ben traducida ou ben soante, con tal de que nos lles falte ningunha firma dos seus coñecidos no libro de honras fúnebres. (Non quero ser mal pensado, pero ata pode haber casos nos que lles importe máis a firma de ritual que un sentido Noso Pai, “…por el mismo y por las obligaciones de esta casa”, como dicían os cregos preconciliares).
A nosa conveciña estaba ben documentada de que os “Puchos” eran de Montecubeiro, porque, “… Non hai quen vaia unha ves / á feira de Castroverde, / que non lle enseñen os puchos, / que este nome é o que teñen / sendo de Montecubeiro / os rapaciños enxebres. / I abofé, que non é nome / que os torule nin rebexe, / porque asina os chaman todos / donde queira que estivesen; / que teñen en Lugo fama / ben ganada, de valentes, / e co pau dunha aguillada / ou cos puños, si se quere, / métense entre os paus sin medo / donde ningún se mete, / i antes deixan o pelexo, / que deixar dous pasos eles. / E como o boi turrión / leva regañado sempre / o coiro, tamén estoutros / sacan a cabeza ás veces / sangrando coma un carneiro, / e póñenlle un trapo mentres / que se cura; diso os chaman / os puchos, en Castroverde…” Non lle preguntei á nosa protagonista se coñecía o depósito na BN, Madrid, desta obra do noso paisano Lois do Cando, “A víspora de San Xoán, en Montecubeiro”, que probablemente si, xa que tan culta é; de todos modos, por se alguén quere ia á fonte limpa, orixinal, esta é: BN, R. 757963. O que non sabía a miña interlocutora, pero iso é secundario, é que aquelas liortas en Castroverde víñannos principalmente das xenreiras coas que os de Montecubeiro acolleron a súa translación de “Couto” na ampliación do Concello de Castroverde. O susodito “trapo”, obviamente, era o seu paniño das mans. ¡A inercia, rapaces, que non é só unha lei física senón, e tamén, unha lei socioeconómica!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario