“La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV.
Urbanismo y sociedad"
O pasado día 30 de setembro tivo lugar a presentación da obra do historiador lucense e vicepresidente de Lugo Patrimonio, Adolfo de Abel Vilela “La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad”, que se enmarca na serie Galicia Histórica do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.
O salón Rexo do Círculo das Artes quedouse cativo para acoller o acto ao que asistiron unhas trescentas persoas. Fixo a presentación do acto Javier López Martínez, director xeral da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que dixo do libro que se podía comezar a ler por calquera dos capítulos. Tamén intervíu Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, director do Instituto Padre Sarmiento, que fixo a presentación do autor e xustificou que se editase en español a serie Galicia Histórica para que teña difusión fóra de Galicia.
A continuación Adolfo de Abel Vilela fixo un retrato da cidade describindo a decadencia que a vida urbana lucense experimentou na Alta Idade Media. Falou dos tres intentos de repoboación e da reactivación da cidade que culmina no século XII con Raimundo de Borgoña e dona Urraca, da actividade económica, da hospitalidade, da vida monástica e relixiosa, da cultura, o lecer e as loitas feudais, rematando cunhas notas sobre o goberno da cidade.
O libro, que se estructura en vinte capítulos, ten 700 páxinas e 297 fotografías, índices xeral, de persoas e de lugares, así como un amplo apartado de bibliografía. O prezo de venda é de 25 €.
No hay comentarios:
Publicar un comentario