ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO
PARADAVELLA - LUGO
Nesta ocasión realizaremos o roteiro conxuntamente coa Asociación “ADEGA” cos que coincidimos na necesidade de reivindicar, ás portas do Xacobeo 2010, unha maior protección dos valores históricos e ambientais desta singular ruta , considerada o primeiro camiño de peregrinación a Santiago do que se ten referencia e que marca, polo tanto, o inicio da cultura xacobea universal. A pesares da riqueza deste Camiño, teremos ocasión de comprobar “in situ” o seu deficiente estado.
O itinerario que nos propón o noso guía é o seguinte: saíndo do lugar de Paradavella, última parroquia do Concello de Fonsagrada, continuaremos camiño pasando polos núcleos de A Degolada e A Lastra, asentamento onde o camiñante encontraba refuxio antes de emprender o camiño á Fontaneira. Nas inmediacións da Lastra visualizaremos os efectos que tiveron sobre o camiño unhas obras realizadas recentemente. Xa no concello de Castroverde, pasaremos polo lugar de San Miguel do Camiño, cerca do cal se asentou no pasado un hospital de peregrinos.
Posteriormente accederemos ao núcleo de Soutomerille que destaca polo seu gran valor histórico-etnográfico: cultura castrexa na Croa, igrexa prerrománica visigótica, casa-torre barroca, etc.; é salientable tamén nesta área o “Castiñeiro da Corredoira”. Logo pasaremos por Báscuas, aquí, poderemos analizar o impacto que supuxo unha canteira sobre o Camiño, e no tramo entre Báscuas e Carballido teremos ocasión de comprobar un exemplo de apropiación particular desta ruta de peregrinación. Finalmente, se temos tempo, veremos as repercusión que sobre o Camiño teñen as obras do novo hospital de Lugo.
Como se pode comprobar polo itinerario descrito anteriormente, este roteiro ten particularmente un obxectivo de denuncia da situación actual do Camiño Primitivo, sen deixar de lado o pracer de camiñar entre a natureza. Para efectuar o itinerario proposto será necesario realizar algúns tramos no autobús, contemplándose tamén a posibilidade de alterar algo a ruta, en función das condicións meteorolóxicas e o estado do propio camiño. A ruta pódese considerar de dificultade media.
O autobús sairá de diante da Escola de Maxisterio ás 9.
Prégase puntualidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario