San Francisco e mailo lobo da Vacariza
¡Hai que ver cómo se deforman as verdades co paso, non do tempo senón das xeracións, e máxime agora, que a tradición oral tamén está en crise, outra, pero esta, sociolóxica, precisamente a que comezou coa desaparición das lareiras! Cómo será a cousa que incluso aos Xanciños lles están chamando Iván…; pois algo parecido está ocorrendo co termo da Vacariza, que nos esquecemos de que alí estaba un posto de “vaco”, de vacar, unha especie de posta para descansar e mudar de cabalos, cuadrigas e todo iso, daqueles romanos que tanto ían como volvían entre o seu, ¡o noso!, Lucus Augusti e maila Gigia, ou Xixia, ástur. ¡Pero qué iletrados, crer que daquela os romanos, con tanta pradería ao seu dispor, ían ter as vacas, as vacadas, no alto da serra do Pradairo, expostas ás xeadas, e tamén aos lobos, aos da Serra, que non da loba capitolina!
Falando de lobos: Para lobo aquel macho que lle saíu a San Francisco cando ía para Santiago polo Camiño de Ídem, etcétera, etcétera. Pero terei que entrar en detalles pois, de tanto esquecer, e de tanta terxiversación, igual temos alguén que confunde o lobo da Vacariza co de Gubbio. Só teñen de común que ámbolos dous se fixeron amigos do povereto de Asís.
Para comezar, coas andanzas veñen as chanzas, as chanzas pero tamén os chances, pois sen andanzas non hai venturas nin aventuras, que o mundo fíxose para andar, que ben nos dá exemplo nos seus movementos, rotando e trasladándose. A quietude é cousa, privilexio, de cadáveres. Se Santiago non se puxese de Camiño, igual seguíamos co fouciño, quitándolles carriza aos carballos para elaborar a consabida beberaxe de Asterix; e sen ese Camiño, ¡non tan primitivo!, tampouco nos visitaría nada menos que San Francisco. Grazas ao Santo de Asís houbo convento, e no convento abades, ¡abades de Vilabade, a Vila do Abade!
O que non teño tan claro, pois a tradición é o que ten, que vai deformando as verdades ata convertelas en mito, é cándo lle saíu o lobo, se á ida ou á volta, pero utilizando ese sentido que é o menos común de todos eles, que por alto lle chamamos ¡sentido común!, inclínome a pensar que a cousa do lobo tivo que ser á ida, que por algo lle chamou a atención este sitio: ¡lobos arriba, e verdes abaixo! O convento fundouno á volta, coa santidade acrecentada en Compostela: -Vou fundar un cenobio de poveretes, tantos que hai nesta terra tan rica…, unha terra rica de xente pobre! Despois de domea-los lobos, agora cómpre domea-los tiranos, pois, canto mellor é a terra, máis abundan os terratenentes… ¡Así o pensou, seguro, pois ás probas me remito!
As tradicións hai que puílas de cando en vez, para que non se deformen as lembranzas, que non nos pase coma ao pintor deste cadro, que situou o convento arriba, e o lobo abaixo, cando en Vilabade pasou o contrario!
Cambian os tempos e cambian os nomes: o Abade actual da Vila do Abade chámase Manuel, e non Francisco, pero aténdonos aos feitos, ben parecidos son. ¡Larga vida ao señor Abade, chámese como se chame, pois o importante é o dito, os feitos!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario