Adeus ríos, adeus fontes!
Nacemento do río Miño no Pedregal da serra de Meira. Lugo |
Tódalas actividades, todos ou case todos os oficios, teñen o seu patrón / patroa, pero, que eu saiba, hai, queda, un pedestal baleiro: o da Ecoloxía. En vista diso, suxiro, propoño, que os galegos designemos á Filla do Cura, que é a máis indicada. ¡Agora que volven os títulos de nobreza, mellor ocasión…!
Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos, adeus vista dos meus ollos… Terra onde me criei, hortiña que tanto quero… ¡Non hai, nin houbo outra coma ela, que xa chorou polas hortas antes desta crise alimentaria, antes de que as pataqueiras se volvesen eucaliptais! (Por certo, hoxe comemos nesta miña/vosa casa…, ¡patacas faraónicas, exipcias, mentres agardamos polas de Carballo, e non estaban nada mal; claro que, a falta de pan…, landras!).
Santa Rosalía bendita, para comezar, pídoche que intercedas polos nosos ríos, polas nosas fontes…, pois, de quitado o Pedregal da Irimia, non conseguín ver unha fonte limpa en toda unha semana de excursión, polos catro ventos. O Pedregal está limpo…, ¡grazas as pedras, que impiden a vexetación luxuriosa na súa contorna! Algunhas fontes quedan, máis ben por onde non pasaron as escavadoras, pero poucas teñen letreiro, ou accesos fáciles. Só están limpas as artificiais, as das vilas; ¿acaso por iso, precisamente por iso, porque son falsas, de traída?
¿Que che vou dicir dos ríos? Coa invernía que tivemos, os arrastres invadiron as beiras, así que, desbordes, barrancos, silveiras, carreiros cegos, prados abandonados…, precisamente os de xunto do río, aqueles que tanto se cotizaron en tempos, pero hoxe preferimos regar con…, purín, que por algo se chama así, purín, tenro e puro! Outra cousa: Pasei por certas pontes que aínda teñen visibilidade, que non ofrecen perigo, ou menos, mentres non renazan as follas das árbores que as flanquean e apuran, auténticas colgaduras ¿ornamentais?, de palco proscenio; outra cousa será de aquí en diante… Agora que vén o bo tempo, agora que veñen as eleccións, Santa Rosalía bendita, pídelle a Deus, ou polo menos a teu pai, que mova as conciencias dos nosos gobernantes…, salvo que non queiran claridade, nin sequera na auga!
Santa Rosalía bendita, faime caso, pois, do contrario, ¡adeus ríos, adeus fontes! ¡Agora, si!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario