Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

14 abril, 2011

Miscelánea

 
Estamos no século dos sucedáneos
 
¡Si, de veras! Succedaneu = Posto no sitio de. As menciñas xenéricas desprazan á nai que as pariu; os xuntoiros indefinidos acadaron status e consideración matrimonial; traballaban os mozos e descansaban os vellos, pero dun tempo a esta parte traballan os vellos para que gocen do paro os novos; as guerras de índole económica, ¡todas o son, sempre foron!, reciben o paliativo de “apoios humanitarios”. Etcétera, etcétera. Se aínda vivise o noso Curros Enríquez, ¿que exclamaría, qué diría no sitio daquel Deus que tanto se escandalizaba no XIX? ¿Chegaríalle cun: “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”?

Comecei a semana indo a unha panadería de segunda opción porque a nosa, a habitual, cerra os luns, ¡de luns fan domingos!, e como observei que estaban metendo barras conxeladas nun aparello eléctrico, díxenlles que daquelas non, que prefería pan de leña. A rapaza riuse, non sei se do vello ou do que lle dicía o vello: “Se o quere de leña saque o auto, porque terá que ir a Ousá, a Carral, ou a Cea. ¡Escolla!”.

Cando tiñamos esquecida a chicoria, con cafés deste mundo globalizado a elixir; cando xa ninguén opina que, “produtos bos eran aqueles de antes da Guerra”, viñeron, volveron, contraatacan, os sucedáneos. O caso é que entramos no seu imperio abolindo, por desuso, a verba correspondente, “sucedáneo”, que xa a poden retirar dos dicionarios, por obsoleta. Responde a un concepto superado, tanto, que xa nin os nenos veñen de París, que iso é o colmo do abolicionismo. Agora os nenos, por non ser menos, veñen cándo, cómo, e de mil formas, pois ata se puxo de moda parir debaixo da auga. ¡Que lonxe queda aquela barca que fixo Noé para que, incluso, os animais escapasen da auga! Nin a Pinta volve a Baiona, que agora descóbrense os territorios en jet, nin a Arca de Noé volve a aterrar en Noia.

Á lúa xa fomos, e aeroportos para lanzarse á lúa de mel en Galicia temos tres. Si, soamente tres, pois o de Lugo segue de aeródromo, maiormente debido a que…, a que o diñeiro que nos van prestando os chinos vaise para os outros. ¡Xa non quedan “conseguidores” en Lugo, cousa tamén incrible! Os préstamos dos chinos… ¡Esa é outra! Na crianza dos que hoxe somos vellos competiamos para levarlle ao Párroco, “para los chinos”, cantos selos, usados, dabamos conseguido. ¡Hoxe sélannos eles, remitíndonos á prosperidade, ou á insolvencia, segundo lles pete! Tamén ocorre, e concorre, que o comercio de Galicia foi auspiciado polos indianos, coa excepción dos de ultramarinos, aos que debéramos chamar “ultramontanos”, porque os desenrolaron os maragatos. Aí temos outra derivada daqueles selos: Os grandes almacéns, as teas, os zapatos, as chilindradas…, tamén nolas trouxeron os chinos! ¡Daquela, que ninguén os tache de desagradecidos!

¿A civilización, a globalización, son boas? Para algúns, si, como tamén o foi a guerra de España para os aleutos, que por algo dixo Franco, e precisamente en Lugo, que dela, “los ricos salieron máis ricos”. Amigo Curros, cómo te escandalizarías se reencarnases! A vantaxe sería que agora non hai Inquisición, e poderías dicir o que che viñese en gana, aínda que ninguén che faría caso pois hoxe en día os críticos, os Quevedos e mailos Curros, están demodés! Todo é global, todo é natural, todo é perfecto e todo aceptable, ata o punto de que aceptamos como democracia ese sucedáneo das listas pechadas; ¡outro sindicato vertical!

Xosé María Gómez Vilabella
 

No hay comentarios: