Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

05 mayo, 2011

ÉXITO DE ASISTENCIA NA PRESENTACIÓN DO LIBRO "ITINERARIOS POLO CONCELLO DE CASTROVERDE" POR MANUEL MUÑIZ, AUTOR E PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN

Mesa presidencial: O presentador, M.Muñiz, X. Mª Arias, Alcalde de Castroverde, Pablo Ferreiro, portavoz de BNG, Manolo Gómez,Vicepresidente da Asociación e Antón Figueroa, Xerente de Terras de Lugo

APOIOS E AGRADECEMENTO : VERBAS PRONUNCIADAS POLO SR PRESIDENTE

En primeiro lugar e moi particularmente ás institucións citadas na contraportada desta pequena publicación, en segundo lugar, á Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde,  especialmente aos membros da Xunta Directiva (Pepe Yáñez, Felipe Arias, Manolo Gómez polas súas observacións e Enrique González Riobó pola súa inestimable colaboración) e a todas aquelas persoas que nos acompañan en todos os roteiros e actividades. Permítanme que agradeza dun xeito especial a amabilidade e o traballo que, tan delixentemente, realizou Antonio Figueroa, sobre todo á hora de elaborar os planos dos diferentes Itinerarios.
Comentar que esta é a terceira publicación que dun xeito ou doutro realiza Amigos do Patrimonio de Castroverde, xa no libro de As Feiras de Castroverde, comentabamos que era este o libro que abría o camiño a outras posibles publicacións e, aludiamos a un posible libro que falara dos Roteiros, pois así queremos que sexa para, deste xeito, dar a coñecer o patrimonio do noso concello, desde os fitos prehistóricos ata a actualidade.

Vaian pois estes Itinerarios coma unha homenaxe á miña familia, a todos os socios e veciños de Castroverde e, que sirva de guía a todos aqueles que  nos visiten.

Como diciamos arriba, outra das posibles publicacións que temos pensado realizar será sobre a “Fala de Castroverde”, para dese xeito completar unha aspiración que tivo o catedrático de árabe Xosé Mª Fórneas Besteiro cando estudaba Filosofía e Letras alá polo ano 1952 en Madrid e que realizou un traballo sobre “O léxico da parroquia de San Paio de Arcos”,  o que, tan amablemente, nos fixo saber o noso socio de Honra Xesús Alonso Montero, por outra banda, o da “Fala”, é un traballo que ten pendente de realizar, quen isto escribe, desde a década dos anos 80 do século pasado.


Manuel Muñiz Besteiro

Saúde, Terra e Lingua, marzo de 2011


PRÓLOGO
de
Xesús Alonso Montero

   Non sei se existe en Galicia unha guía de itinerarios turísticos tan documentada e viva como esta que acolle os roteiros de Castroverde, concello que, por ter suscitado esta guía, é xa un concello privilexiado. Concellos e comarcas con máis riqueza monumental e artística aínda non contan, en Galicia, cun manual didáctico para o viaxeiro curioso tan preciso, completo e axeitado.

   Débese esta magnífica monografía ó entusiasmo da Asociación “Amigos do Patrimonio de Castroverde” e ó saber – ós saberes – do profesor Manuel Muñiz Besteiro, e tamén ó feito de que este manualiño para turistas esixentes foi redactado e ilustrado tras seren camiñados moi conscientemente os disitintos itinerarios varias veces. Por se fose pouco, o autor da guía coñece e manexa a bibliografía “ad hoc” máis pertinente cando se trata de explicar  un topónimo, de precisar unha data, de mencionar un estilo arquitectónico ou de atribuír a autoría dun retábulo ou dunha escultura. Aí están, entre outros, os traballos de Nicandro Ares, Ricardo Gómez Polín e Xosé Luís Laredo Verdejo. En canto ás fotografías do manualiño, moitas e ben logradas, van acompañadas de textos breves, moi sintéticos, pero claramente, explicativos. Estou convencido de que será moi útil e gasalleiro camiñar por estes itinerarios de Castroverde na compaña desta magnífica guía.
  Eu propóñolle a Manuel Muñiz que, na próxima viaxe, cando remate a xeira, os viaxeiros, nun xantar literario, fagan unha selección dos fermosísimos topónimos que ornan o mapa da comarca de Castroverde, algúns tan sonoros, tan evocativos ou tan suxestivos como Pereiramá, Croa de Soutomerille, Fonte do Pacio, Penalonga, Augalevada, A Frairía, Azúmara, Fonte da Bica, Riomol, A Azoreira, Outeiro de Vellas, Lourentín e Vilar de Cas  (aldea natal do autor deste manual). No futuro, esta guía debería completarse cun capítulo estritamente idiomático no que se recollesen as voces peculiares de cada aldea e de cada lugar, tal como fixo, hai cincuenta anos, o profesor José Fórneas Besteiro coas palabras de San Paio de Arcos, a súa parroquia natal.
Tamén nunha guía tan interesante como a presente, habería que incluír, nos intinerarios xa explorados, as casas natais das personalidades da comarca, desde os homes de Letras, como o citado Fórneas Besteiro (1926-2003), un dos grandes arabistas hispanos dos últimos tempos, ata as mulleres de vida abnegada e arriscada na loita pola xustiza social, como a gran Enriqueta Otero (1910-1989) ou o gran defensor do voto feminino, Manuel Cordero Pérez (-1981-1941-). Hai moitas outras personalidades.
   En canto a min, desexo, canto antes, transitar algúns dos itinerarios deste mapa feito para turistas esixentes, e, xa no camiño, parolar cos amigos á sombra tricentenaria do castiñeiro de Soutomerille ou beber nas augas limpas do peculiar muíño de Lamela. Hai outros muíños incitantes, coma o de Pestana, e castiñeiros máis venerables como o de Tamaredo, que xa cumpriu o medio milenio. Polo de agora, limítome a felicitar ós promotores e ó autor desta guía, que honra a Castroverde e a Lugo. ¡Beizón, profesor Muñiz!

                                                              X. A. M.
                                                 Vigo, 30 e marzo de 2011

No hay comentarios: