Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

02 julio, 2011

HOMENAXE A PACO MARTÍN

 AUGA LIZGAIRA
 
O ESCRITOR NA SÚA TERRA
  
Texto que leu Paco Martín o sábado pasado na Homenaxe que lle fixeon en Lugo a Asociación de escritores e publicado no xornal O Progreso
 
Paco Martín. Foto: La Voz de Galicia
 
Como algunhas das persoas que teñen comigo a amabilidade de estar a ler esta columniña saberán xa, este sábado pasado e por xentileza dos representantes políticos de todos os lugueses, de compañeiras e compañeiros nesa que chaman república das letras e dunha chea de amigas e amigos desta nosa e outras cidades, recibín o galardón que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega entrega cada ano: unha peza escultórica da letra E coa que se quere simbolizar a consideración de escritor que quen a recibe lles merece quen llela conceden. E eu agradezo con toda a miña vontade esa deferencia e mesmo podo dicir aquí sen me poñer rubio que estou orgulloso dela.

«O escritor na súa terra». Baixo esta denominación prográmanse unha serie de actos cos que se pretende salientar a importancia que as orixes, naturais ou adquiridas, acaban tendo na obra de cada quen, algo que a min me fixo volver ao Lugo da miña infancia ou, para ser máis exacto, ao barrio onde medrei. Enchéronseme os ollos da memoria de imaxes dese tempo vital que Rilke definiu como a verdadeira patria do home e delas falei aos amigos que o sábado me acompañaron. Lembrei os xogos, a escola, as plumas esgalladas, as frieiras, os pasamontañas, as tardes de acompañar a miña nai cando ía lavar ao río, as historias de gauchos que o señor Manuel contaba a quen quixera escoitalo, a escordadura do brazo esquerdo cando arremedaba a Tarzán brincando de carballo en carballo e o menciñeiro que ma compuxera á porta da casa coa facilidade que lle supuña colocar os osos dun cativo a quen viña de lle amañar a pata a unha vaca en Fingoi. E as caras e máis os corpos dos homes que volvían do traballo derreados a quen se lles mudaba o cansazo dos ollos en relustros de esperanza e se lles abría en amplo sorriso a delgada liña que viñeran debuxando os beizos apertados ao recibir no medio da rúa os bicos da filla que xoga ao limbo ou do cativo que facía rular o peón no medio da estrada. E as admirables mulleres do barrio, traballando arreo, falando a berros desde a porta ou a ventá, poñendo a roupa ao clareo lonxe do nosos xogos, entregadas até o infinito á súa familia e capaces de converter a escaseza en algo apetitoso, ledo e ilusionante. E nós, instalados nesa seguranza, achegabamonos á felicidade dos xogos manufacturados: pistolas de lousa, carros de nabo, pelotas de farrapos, cichóns de cana de vasoira, bailaretes de carballo, gaitas de sabugo e de palla verde de centeo..., e, polo vrao, ir ao grao de corvo ás leiras sementadas de pan en Fingoi e uns días despois apampar co esforzo das parellas de alugados que segaban e ataban de sol a sol sen apenas acougo antes de che dar paso a ti para rebusca pola restreba, cos cañotos mancándote nas pernas espidas, e o orgullo da volta, permitindo que a palla das raposas viñese darrastro deixando por tras un ronsel de po amarelo...

E o río: as tardes no caneiro do Baluro, no Anguieiro, na Acea de Olga, que eran lugares concretos antes de que a toponimia luguesa lle fose entregada aos construtores...

Mudaron moitas cousas, é certo, pero todo isto que antonte dixen e que agora repito segue a ser o meu xeito de me sentir persoa.

No hay comentarios: