Os asistentes nun dos túmulos do Monciro |
Neste sábado de comenzos de ano, nun día luminoso, comenzamos a camiñata das posibles alternativas do roteiro Montecubeiro –Barredo. Saímos desde a aldea de Carballedo para subir pola zona de Pioute, para aos poucos metros visitarmos un de tantos túmulos, mámoas ou medorras que se atopan pola serra de Monciro, pedimos desde aquí aos organismos competentes (Concello, Medio Ambiente, Cultura…) que protexan estas construcións que se remontan á época megalítica. Desde aquí subimos ata a Lagoa Grande e, seguidamente visitar a Lagoa Pequena que, aínda sendo este ano pasado e actual un ano seco, tiñan ámbalas dúas algo de auga.
Pedimos tamén desde este foro, protección para estes humedais, que se limpen e se protexan. Puidemos observar como entre os lindes de Castro Verde e Pol, existía unha parede, en palabras de R. Polín, desapareceu a parede, fíxose un corta lumes e o entullo foi arrimado á Lagoa Pequena, mesmo collendo parte do humedal. Insistimos na necesidade de protección, porque incluso chegaron a verse patos salvaxes netes humedais. Comentar que todo este monte que actualmente está a pasteiro ou piñeirais, antigamente era cavado para sementar o centeo e / ou adicalo ao pastoreo. Non imos reproducir aquí todas as lendas e referencias que nos deu R. Polín.
Desde a Lagoa Grande puidemos contemplar desde onde arranca o roteiro, é dicir, San Cibrao co seu convento e igrexa e, parte das aldeas que conforman a parroquia de Montecubeiro, á parte de o Pradairo e a Ferradoura de fondo que fan a divisoría con Valeira / Cádavo / “Baleira” e as augas do río Eo coas augas que van ao Miño. Aos nosos pés quedaban as fontes e estreito val que fai o río Azúmara e lugares como a Veiga, Báscuas, Berlán, Sarceda etc. Para continuar vendo a Terra Cha, podendo chegar a contemplar a Serra de Meira e o Cristo do Fiouco na Serra da Corda, con aldeas de Pol aos nosos pés como poden ser; Folgueiras, a Capela das Neves, Cirio, Vigo ou Suegos, entre outros lugares, para voltar e irmos a Córneas, vendo de frente, Córneas, Ameda / A Meda, Pena Branca e Terras de Lugo, desde este punto baixamos ao pé do rego dos Seixos ata o lugar de Córneas.
De Córneas ao lugar do cruceiro, neste lugar encontrámonos cos derradeiros ciclistas, dunha morea deles que participaban nunha proba de orientación; desde aquí fomos polo Camiño Francés ata Vilaxurxo, polo Montre da Pedra Chantada e de camiño ver á nosa esquerda a aldea de Vilafrío, e irmos polo monte da Espiñeira e Agro Vello para encontrarnos de fronte o impoñente rochedo de Pena Branca. Dicir que este intinerario percorre camiños tradicionais que son dignos de conservar. Debemos salientar antes de chegar á aldea de Vilaxurxo os muíños da Pallota e Sal que quedaban á nosa dereita que, merecían ser conservados e rehabilitados, ao menos que se conserven como está a propia aldea. De Vilaxurxo a Vilar dos Naraos. Con este percorrido, completamos o roteiro de hoxe e que agardamos poder sinalar.
Dar as garazas a todos os que nos acompñaron, especialmente aos amigos de Arcas de Sarria e, a Ricardo Polín, unha vez máis, grazas polas súas explicacións.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario