SOS abellas: a Xunta, valedora da patronal química e pasteira, cómplice de envelenar o monte |
ADEGA. 17 de abril de 2012. Diante da inmediata prohibición por parte da UE de pesticidas con flufenoxuron (1 de agosto de 2012) e das fumigacións aéreas (deber de incorporala na lexislación estatal en decembro de 2011, e de adoptar planos de acción denantes de decembro deste ano) a industria química (BASF) e a patronal pasteira (ASPAPEL) están tentando colocar aceleradamente os "stocks" deste veleno (presentación comercial "Cascade"). Unha estratexia que en Galiza pasa pola fumigación masiva con "Cascade" dos eucaliptais galegos contra o gorgullo do eucalipto. Como xa denunciamos ecoloxistas, abelleiros e sindicatos agrarios, este biocida resulta letal para as abellas e tóxico para o ambiente e as persoas. O que resulta lamentábel é que a Xunta esté actuando como axente comercial do lobby químico e pasteiro, "avalando" as fumigacións masivas nos nosos montes co lixo tóxico que dentro de poucos meses BASF só poderá colocar no terceiro mundo. Asina esta petición para salvar as abellas galegas! A fumigación con medios aéreos, en breve prohibida pola UE provocan que unha media do 40% dos produtos dispersados non acaden a área obxectivo e que os seus velenos fiquen espallados en quilómetros arredor do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode chegar a espazos naturais (afectando a especies protexidas), cultivos (derramando a produción ecolóxica) e zonas habitadas, incorporándose nos nosos organismos. Dase a circunstancia ademais de que a aplicación masiva deste veleno, xenerosamente promovido pola patronal pasteira "sen custo algún para os propietarios dos montes" e avalado pola Xunta, vai coincidir co periodo de máxima floración e actividade das abellas, co que o dano ecolóxico e a perda de colmeas e colleitas será máximo. Curiosamente co pacote do biocida, a Xunta ofrece tamén a posibilidade de aplicar un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens). Trátase dunha burda estratexia de camuflaxe para disimular o entreguismo de Medio Rural ao lobby do eucalipto: o "Cascade", matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros. ADEGA esixe á Xunta de Galiza que mire polas abellas galegas e pola saúde ambiental e cidadá e prohiba estas malas prácticas forestais, en troques de seguir facéndole o xogo ás empresas que se lucran inzando o país de eucaliptos e envelenando o ambiente con agrotóxicos prohibidos. As alternativas para combater as pragas forestais pasan por promover o uso dos métodos biolóxicos e sobre todo por unha política forestal que abandone o eucalipto e fomente a multifuncionaliedade do monte. Animamos a propietarios forestais, comuneiros e concellos a negarse a autorizar as fumigacións nos seus montes e denunciar estas prácticas. Máis información: |
Xa van mais de mil firmas enviadas!
Mais información en www.apiculturagalega.org / www.fumigacionsnon.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario