-A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical
-O elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constitúeno os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores, etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolve a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber
****
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega leva a Lugo a súa vixésimo sexta edición das Polafías, un proxecto da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, nesta ocasión co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e co títuloHistorias, rimas, cantos, contos… Será no Centro de convivencia de Fingoi, na Ronda de Fingoi, 72, con entrada pola rúa Aviación Española. A AELG conta coa colaboración inestimábel de:
Paco Martín (escritor), Toño Núñez (escritor e profesor), Dictino Rodríguez Lázare (exfutbolista), Isidoro Rodríguez (dinamizador da cultura popular), Marcelino Castro Pena (narrador), Ana Mª Gómez Pérez (narradora), Isidro Novo (recitador).
A música poñerana a Agrupación Xeada, Pepa Yáñez e Branca Villares, Grupo de Pandeiretas da Asociación Cultural Son de Cores (Becerreá) e Os Minhotos.
Celebraremos o 50 aniversario da publicación de Contos Populares da Provincia de Lugo, coa narración de varios contos a cargo de asistentes ao Obradoiro de narración oral que a Escola de Escritores-as da AELG está desenvolvendo na capital lucense.
Anexamos o cartel da actividade
---A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber. O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da Sección de Literatura de Tradición Oral na web da AELG: http://www.aelg.org/Polafias/MainPage.do
Unha grande aperta:
Antonio Reigosa
No hay comentarios:
Publicar un comentario