Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

17 octubre, 2009

Toponimia


Alcumes ou nomeadas

Fixádevos no orgullosa que se sente esta rapaza, esta castroverdense de prol, lucindo unha camiseta co emblema de Montecubeiro, ¡terra de “Puchos”! Isto tamén é patrimonio, loanza e respecto polos nosos valores. ¡Noraboa e grazas, rapaciña, que non todos se deciden a honra-las tradicións do seu país!


“Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese…”, por concesión e atribución divina, segundo nos informa o Xénese no seu versículo 2, 20. Como vedes, iso de dar nomes ten o seu aquel, por máis que os galegos, e non só os galegos, padezamos certas desviacións, como por exemplo chamarlles Sonia ás Sofías, ou Iván aos Xanciños, ou Leticia ás Ledicias, etcétera.


Servidor estábase saíndo do círculo da toponimia, acaso por puro contaxio (contaxio impuro) xa que imos perdendo, ¿acaso por evaporación mental?, o sagrado respecto que nos merecen estes valores patrimoniais. E concretamente no rural, a néboa das concentracións parcelarias estanos eclipsando a riquísima, a ilustrativa, microtoponimia, que tan cara foi aos nosos entregos xa que lles servía de arquivo para conservar e transmitir oralmente importantes valores históricos locais.


Algo parecido está ocorrendo cos alcuños, salvo se acaso nas necrolóxicas pois en tales comunicacións numerosas familias prefiren da-la nomeada do casal, non sempre ben traducida ou ben soante, con tal de que nos lles falte ningunha firma dos seus coñecidos no libro de honras fúnebres. (Non quero ser mal pensado, pero ata pode haber casos nos que lles importe máis a firma de ritual que un sentido Noso Pai, “…por el mismo y por las obligaciones de esta casa”, como dicían os cregos preconciliares).


A nosa conveciña estaba ben documentada de que os “Puchos” eran de Montecubeiro, porque, “… Non hai quen vaia unha ves / á feira de Castroverde, / que non lle enseñen os puchos, / que este nome é o que teñen / sendo de Montecubeiro / os rapaciños enxebres. / I abofé, que non é nome / que os torule nin rebexe, / porque asina os chaman todos / donde queira que estivesen; / que teñen en Lugo fama / ben ganada, de valentes, / e co pau dunha aguillada / ou cos puños, si se quere, / métense entre os paus sin medo / donde ningún se mete, / i antes deixan o pelexo, / que deixar dous pasos eles. / E como o boi turrión / leva regañado sempre / o coiro, tamén estoutros / sacan a cabeza ás veces / sangrando coma un carneiro, / e póñenlle un trapo mentres / que se cura; diso os chaman / os puchos, en Castroverde…” Non lle preguntei á nosa protagonista se coñecía o depósito na BN, Madrid, desta obra do noso paisano Lois do Cando, “A víspora de San Xoán, en Montecubeiro”, que probablemente si, xa que tan culta é; de todos modos, por se alguén quere ia á fonte limpa, orixinal, esta é: BN, R. 757963. O que non sabía a miña interlocutora, pero iso é secundario, é que aquelas liortas en Castroverde víñannos principalmente das xenreiras coas que os de Montecubeiro acolleron a súa translación de “Couto” na ampliación do Concello de Castroverde. O susodito “trapo”, obviamente, era o seu paniño das mans. ¡A inercia, rapaces, que non é só unha lei física senón, e tamén, unha lei socioeconómica!
Xosé María Gómez Vilabella

11 octubre, 2009

Recollido este post do blogue "Alfaias" de Marcos Calveiro

TEMOS QUE SER FORMIGAS, NON CARRICANTAS

Non sei se son paranoias miñas, mais comezo a ver por todos os recantos síntomas moi preocupantes que indican que o discurso mentirán contra a nosa lingua vai callando lixeiro en moita xente, explícome.

...................
Ver o artigo enteiro



BREVE RESUME DA PARTICIPACIÓN NA MISA CANTADA Á VIRXE DO ROSARIO, QUE TIVO LUGAR NA PARROQUIA DE FURÍS DE CASTROVERDE


Un grupo de cantores de Lugo coa colaboración da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde participaron na misa cantada que tivo lugar o día 4 de outubro, domingo, ao medio día. A misa foi ofrecida por todos os cofrades da Virxe do Rosario.
Saúdos.
Manolo Muñiz






28 septiembre, 2009

ROTEIRO, SÁBADO, 17 DE OUTUBRO 2009


ROTEIRO DESDE PEREIRA VÍA XIX (FURÍS)- FOGONTELLE – VILACOTE – RIOMOL – OUTEIRO DE VELLAS E ATA MIRANDA (VÍA XIX)
PERCORRIDO DUNS 9 KM.
Dificultade baixa.

Ás 9:30 h. Saída de Castroverde

Ás 10:00 h. En Pereira(Furís)
Visitando: a capela de Vilacote, igrexa de Riomol, capela de Outeiro de Vellas...

Arredor das 14:00 h. Xantar

Agradecemos que nolo comuniquedes antes do día 15 de outubro.
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

CONVITE A PARTICIPAR NA MISA CANTADA Á VIRXE DO ROSARIO, QUE TERÁ LUGAR NA PARROQUIA DE FURÍS - CASTROVERDE


Un grupo de cantores de Lugo
coa colaboración da

Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
convida a veciños e socios a participar na
Misa Cantada
que terá lugar, o día
4 de outubro, domingo ao medio día.


Saúdos.

Manolo Muñiz

Participación da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde na Xuntanza da Universidade Rural Galega.



Hoxe, día 26 de setembro, tivo lugar unha reunión da U.R.G., na casa de cultura de Melide para tratar varios temas: Explicación das diversas actividades que se están a desenvolver; - Recollida de saberes. - Participación en diversas feiras dos Camiños de Santiago. - Posibilidades para facer máis visible a U.R.G., participación en blogs, páxinas Web, etc. Actividades a celebrar: - Organizar charlas nas catro provincias. - Celebrar un encontro de animadores do mundo rural, que se fará, con toda a probabilidade, o vindeiro día 21 de novembro, no concello da Capela. Estas foron os prirncipais asuntos que se trataron.
Manolo Muñiz

26 septiembre, 2009

Participació na Revista Oral Pazo das Musas nº 19


Hoxe, xoves, día 24 de setembro tivo lugar a presentación das Actividades que vimos desenvolvendo na Asociación.
Á parte da nosa participación estiveron:
-Celina da Piedade coa música.
-Xiana Arias Rego, no recital de poesía.
-Mª do Rosario Fernández González, cos presentación de Xoias do MPL.
-Laura Pernás coa exposición: Un bosque nas miñas lembranzas.

Saúdos.
Manolo Muñiz


Fotografías do resto de participantes:













A WEB DE BALDOMERO PESTANA: FOTÓGRAFO, PINTOR E DEBUXANTE


24 septiembre, 2009

Coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo


III
CERTAME LITERARIO:
TERRAS DE CHAMOSO

BASES:

1. Temática e idioma:
A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
POESÍA (de 30 a 60 versos)
RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación:
Cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo:
O prazo de entrega rematará o día 27 de novembro de 2009.
6. Premios:
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado:
Estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios:
A cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 26 de decembro de 2009 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados:
Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros:
A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

20 septiembre, 2009

XUNTANZA DA U.R.G.

Estimados/Estimadas socias e socios da U.R.G.:
Dende a Universidade Rural Galega queremos informarvos de que a vindeira xuntanza celebrarase o sábado 26 de Setembro na Casa da Cultura de Melide ás 11:00 da mañá.

A Orde do Día será:

1.- Acollida e presentación.
2.- Explicación da orde do día.
3.- Explicación das actividades feitas.
4.- Accións futuras da U.R.G.
A) Fin do proxecto con o Xacobeo.
B) Situación económica.
B.1) Informe económico actual.
B.2) Economía. Perspectivas de futuro.
C) Perspectivas institucionais.
5.- Rogos e preguntas.

Sen máis e esperando a vosa participación, recibide un cordial saúdo.

Secundino García Mera
(Presidente da Universidade Rural Galega)