Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

26 abril, 2011

ROLDA DE PRENSA DA ASOCIACIÓN "AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE" PARA DENUNCIAR O LAMENTABLE ESTADO DA IGREXA DE SOUTOMERILLE E A SÚA CONTORNA

Evidencia dos estragos no Monumento e a súa contorna, consecuencia da falta de mantemento e o deixamento das autoridades
Venres, 29 de abril ás 17:00 h. na igrexa de Soutomerille

A Asociación. Amigos do Patrimonio de Castroverde, perante o deterioro que se está a producir na contorna e igrexa de Soutomerille convoca unha rolda de prensa o día e hora citados arriba., ante a pasividade das autoridades civís e eclesiásticas.
Observamos como nestes últimos tempos a zona de Soutomerille está a degradarse, foi o día 10 deste mes cando descubrimos como estaba forzado o candeado da porta da igrexa, e segundo nos comunicaron foi roubada unha das pías, temendo que poidan producirse máis roubos e o deterioro vaia a máis queremos poñer en coñecemento da sociedade estes feitos, por non falarmos doutras agresións que son ben coñecidas por todos.
 
Manolo Muñiz 

ACTUALIZACIÓN:
Eco da convocatoria no PROGRESO de Lugo 
e
A VOZ de GALICIA





ADEGA lanza a campaña "PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO" por un ordenamento sustentábel



Compostela, 16 de abril de 2011. ADEGA ven de apresentar no Auditorio de Galiza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”. Pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O  MANIFESTO (243 Kb) que propón un decálogo de medidas concretas para a ordenación do territorio, foi asinado inicialmente por máis de 130 personalidades destacadas do mundo das artes, das letras e das ciencias de Galiza.



PRESENTACIÓN DO LIBRO DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO (Unha proposta interpretativa en clave céltica), de Rafael Quintía


Galería Sargadelos (Lugo), venres, 29 de abril de 2011, ás 20.00 horas
 
 
Nesta velada falaremos do Monte do Seixo, unha das montañas sagradas máis espectaculares e á vez máis descoñecidas de Galicia. Un santuario a ceo aberto que aglutina tal riqueza mitolóxica, lugares de culto, restos megalíticos, e pedras sagradas que o converten nunha especie de parque temático do paganismo galaico máis ancestral.
 Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo de Rafael Quintía é un intento de interpretar e dotar dunha cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura o Monte do Seixo, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entende-los ritos que aquí se levan a cabo, para desvela-las antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses. O autor revélanos, en definitiva,  as claves mitolóxicas e simbólicas necesarias para interpretar e descubri-los segredos do Monte do Seixo, unha montaña única da xeografía sagrada de Galicia.
 No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, e contaremos coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.
 
Agradécese á difusión

MISCELÁNEA

 
A Cruz do Zarro Novo


 Señor, aquela cruz do Zarro Novo...! Aquela si que foi a miña cruz, de por vida, que moito levo matinado no seu significado, na súa razón de ser e de estar. Era de madeira, se cadra tan rústica coma a do Calvario, e púxoa meu avó, xa antes de nacer eu. Hoxe está..., ¡enterrada, tan soterrada coma os que debaixo dela xacían! Esas pas da Concentración Parcelaria..., ¡que malditas sexan!

En certo modo débolles estar agradecido, pois, coa súa desaparición, as xeracións vindeiras ignorarán a maior ignominia dos anais de Montecubeiro. ¿Non se di que, morto o can, acabouse a rabia? ¡Pero non é exacto, nin definitivo, xa que, para min e para os que saiban o que eu sei, ese é, e sempre será, un punto sucio, achaiado pero sucio! ¿Porque eran fetos, porque morreron sen augas bautismais...? E os outros, por suicidas, por atentar contra Deus, autor da vida?

¡Señor, qué engorde se nos vai a burremia, o fariseísmo! En canto aos fetos, ¿non tiñan alma? ¡Claro que a tiñan, desde o instante da súa concepción, e tan pura que Ti, Señor, chamáchelos á Gloria antes de que a manchasen coas inmundicias deste mundo pecadento! A túa Redención foi universal, non si? Daquela non hai abortos que sexan indignos de compartir o campo santo parroquial! En canto aos suicidas, Ti, Señor, sabes, mellor cós médicos, que ninguén se suicida salvo en presenza dun ataque de loucura. Se polas circunstancias que fosen tolearon, podémolos considerar responsables dos seus actos? Os asasinos son responsables porque saben o dano que fan; os suicidas, non, nunca!

Neste punto choramos, meu avó e mais eu, o que non é ningún feo xa que tamén o fixo, tamén chorou Xesús ante o cadáver do seu amigo Lázaro. Meu avó, lembrándose da soidade de dous fillos, que os enterrou de propia man, coa propia aixada, naquel lugar maldito. ¡Non llos admitiron en San Cibrao, e iso que os dominicos sempre se tiveron por bos teólogos, que moitos o foron, tal que o Cardeal Gil! Eu chorei con el por dous motivos: por velo chorar desesperadamente, e tamén pola perda daqueles tíos-avós, que, sendo fillos de quen eran, a imitación de seus pais serían, chegarían a ser, dous tíos simpáticos. ¿Verdade que os tes contigo, a todos eles, Aí Arriba, cos xustos e cos elixidos? ¡Daquela deixarei de rezar por eles e comezarei a facelo polos que arrasan o patrimonio, que ese si que é un suicidio consciente!

Xosé María Gómez Vilabella
 

22 abril, 2011

Xornadas CULTURA E TERRITORIO

XORNADA SOBRE XESTIÓN DE RESIDUOS GANDEIROS


IV Xornadas do Peregrino: Charla informátiva e Musical e percorrido de promoción polas Terras de Miranda e municipios colidantes que atravesa a Variante do Camiño Norte de Santiago

 
Relato do Percorrido:

 
Os participantes pertencentes a varias asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de Galicia e Asturias, partimos nun autocar desde a Praza do Seminario de Mondoñedo ás 8,30 horas do sábado 16 de abril.
No Pazo da Trave de Trabada fomos recibidos polo propietario deste antigo Casarón Medieval e polo alcalde José Manuel Yanes Ginzo, posteriormente tamén visitamos na parroquia de San Martín de Abres outro antigo Casarón, esta que pertenceu á familia Miranda e na que o seu actual dono que nos fixo de guía conta con 104 anos (o mais vello do municipio),
A seguinte parada foi na parroquia de Santiago de Abres (concello de Vegadeo) para facer unha ofrenda a Cándido Sanjurjo con motivo do seu 1º aniversario de falecemento (cofundador e antigo secretario de Ásoa. Asturgalaica e promotor da recuperación do Camiño Norte nesta zona). No Chairo, capital do concello de San Tirso esperábanos a súa alcaldesa para acompañarnos ao Centro de Interpretación da pesca do salmón e á capela de San Xoán.
Na Pontenova dirixímonos ao Santuario-Museo do Conforto onde fomos recibidos ao son de campás polo párroco D. Manuel e o concelleiro de Turismo Sr. Barreira e onde tivemos a oportunidade de pór o Botafumeiros coma se a Catedral de Santiago tratásese, xa no núcleo da Pontenova visitamos o Complexo dos Fornos e a exposición sita na Oficina de Turismo que reflicte a historia das minas de Vilaodrid e o transporte de material e persoas desde a vila ata Ribadeo a través do antigo tren denominado "A Chocolateira". continuamos viaxe pasando por "As Rodrigas" en Riotorto onde naceu a nai de Alvaro Cunqueiro ( na casa de Cachán) e viviu o escritor para recuperarse dunha enfermidade do tifus; posteriormente asistimos no Mazo da Ferreiravella a unha demostración dos ferreiros.
Á chegada a Meira visitamos a igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Sta María, a través das explicacións da experta guía da oficina de turismo Joani para posteriormente visitar o nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia e comer "produtos típicos da zona", na casa de turismo rural *Cazoleiro da serra de Meira; onde nos acompañaron os alcaldes dos concellos da ruta, e onde fixemos entrega dunha cerámica de Mondoñedo conmemorativa de Ásoa. "*Abrindo *Camiño"
Pola tarde continuamos o percorrido por terras de Pol con parada na capital Mosteiro onde o alcalde nos recibiu co acompañamento da música das gaitas do grupo Leña Verde e despois dar un pequeno paseo pola carballeira ata o area recreativa do centro de interpretación dun antigo muíño que nos puxeron a funcionar.
No Castro-Museo de Viladonga do concello de Castro de Rei esperábannos os responsables municipais, o director do museo Felipe Arias (exdirector Xeral de patrimonio da Xunta de Galicia) e o presidente de Ásoa. de amigos do Museo o polifacético crego Xosé Manuel Carballo que nos acompañaron na visita e xa para rematar no concello da Pastoriza agardaban os respresentantes municipais para acompañarnos polo paseo fluvial de Miñotelo e visitar a antiga igrexa da parroquia de Bretoña, Retornamos a Mondoñedo aprox. ás 21 horas.

Un saúdo
Luis Fernández Ansedes
 
Peregrinación pola Variante Interior do Camiño Norte polas Terras de Miranda.

Prazo de Inscripcións para a peregrinación ata ou día 20 de abril. Comezo a pé dás etapas as 10h.

1ª etapa. Domingo 24 de Abril
Ría de Abres(Trabada)- San Tirso de Abres- A Pontenova 17 Km .

2ª etapa. Domingo 8 de Maio
A Pontenova- Riotorto- Meira 21 Km .

3ª etapa. Domingo 29 de *Maio
Meira- Paraxes (A Pastoriza) Mosteiro (Pol) 16 Km .

4ª etapa. Domingo 26 de Xuño
Mosteiro (Pol) - Castro de Rei - Lugo 24 km .


Organiza:
Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago.

Información e Inscricións: Teléfonos: 982521075-639072769 Email elremansoes@yahoo.é

21 abril, 2011

IV XORNADAS DO PREGRINO XORNADA INFORMATIVA E MUSICAL DO PEREGRINO. ( Casa da Cultura de A Pontenova, 15 de Abril de 2011)


 
Sendo as 20 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura e ante unha audiencia de unhas oitenta persoas, Suso Fernández, Cronista oficial da Vila de Foz, iniciou a presentación de dúas Xornadas do Peregrino: A de hoxe consistente nunha Charla-Coloquio sobre "Álvaro Cunqueiro e O Camiño de Santiago" e nunha Mesa-Debate do "Camiño Norte e as súas variantes", moderada por Xan Carlos Ferdez. Pulpeiro. E a de mañá, sábado día 16, cunha Viaxe Turística Cultural en autocar, co recorrido desde Mondoñedo, pasando por Lourenzá e Trabada ata a Ría de Abres, seguindo logo a variante do Camiño do Interior por San Tirso de Abres, A Pontenova (antigo Concello de Miranda), Santuario e Museo de Arte Sacra do Conforto, Os Fornos do mineral de ferro, ( explicados na vella Estación do tren de Villaodriz a Ribadeo). Seguidamente foise ata Riotorto, visitando O Mazo de Ferreiravella e rematando a mañá coa visita guiada á Igrexa de Sta. María de Meira. Polo serán, despois de xantar e de ver o nacemento do Miño, no Pedregal de Irimia, seguiuse ata Mosteiro, capitalidade do Concello de Pol. Máis tarde, ata o Castro de Viladonga e a Igrexa parroquial de Bretoña, regresando finalmente a Mondoñedo.
Despois de presentar, nun segundo momento, a Coral local da Pontenova cun programa de tres cancións que lle foron ben aplaudidas, segue Suso presentando ao Sr. Alcalde local e a Vicepresidenta da Deputación, mencionando tamén o libro "Camiño do mar" da Asociación "Abrindo Camiños", no que se reclama que A Xunta de Galicia o teña en conta como ten ós outros. Segue a intervención do Sr. Alcalde que, despois de agradecer a presencia dos asistetes, pide que falen do Camiño os entendidos. Pechou estas intervencións Sra. Vicepresidenta, disculpándose de non poder seguir acompañándonos, por outro compromiso urxente, e disculpando así mesmo ao Presidente José Ramón Gómez Besteiro, que ante a imposibilidade de estar presente, nos comunica unha afectuosa felicitación a tódolos asistentes.
A Charla-Coloquio foi presentada polo citado Moderador, quen, despois de comprobar a acústica do Auditorio e de felicitar a Coral de A Pontenova, presentou ao conferenciante Francisco Singul, representante da S.A.de Xestión do Plan Xacobeo, con moitas e distintas Publicacións e tamén esperto en Cunqueiro, que sendo Director do Faro deVigo nos anos 1962/64 publicou, como preparación para o Ano Santo de 1965, unha serie de artígos sobre o Camiño Francés que, inspirado no Códice Calistino, percorreu nun seicentos que alcumaba "Don Gaiferos". Ditos artigos saíron logo recopilados e ilustrados con fotos do autor e comentarios de tipo culinario baixo o Título "Por el camino de las peregrinaciones". O profesor Singul titulaba a conferencia "Álvaro Cunqueiro e o Camiño de Santiago", aínda que, por deferencia e a rogo dos presentes non galegos, expresouse, como outros intervintes, en Castelán. Destacou especialmente a Cunqueiro como esteta da paisaxe e máis aínda da paisanaxe, como entendido culinario falando das anguías de Portomarín e como entendido sempre se fixa no patrimonio, referindo os valores modernos aos medievais, por exemplo cando comenta a Fonte das Nereidas de Samos ou criticando os feísmos como fai referíndose ao novo poboado de Potomarín, sen reconstruirse aínda a vella e bela Igrexa na praza. E conclúe o conferenciante recalcando que aínda hai moitos outros camiños non delimitados e afirmando: " Se necesitan nuevos Cunqueiros que los potencien". Rematouse esta Charla cun diálogo no que se agradeceu o uso do Casteán e se recalcaron algunhas frases do libro de Cunqueiro, como la que dice al llegar a la Quintana: "ya suena la Berenguela" o cuando posa a los pies del Rey David, pidiéndole que "Suene el violín, que responderán las cantoras piedras de la Catedral".
A continuación, o Sr. Moderador procede á presentación dos actuantes na MESA-DEBATE, que tratará os seguintes temas:
"O Camiño Norte da Costa e as súas variantes: A variante do Interior polas terras de Miranda. O Camiño do Mar. A Variante Marítima á Basílica de San Martín de Mondoñedo. O Camiño de Volta ao Salvador de Oviedo". ACTUANTES:
- Ramón Izquierdo Perrín. Catedrático de Historia da Universidade da Arte da Universidade de A Coruña.
-José Joaquín Miláns del Bosch. Presidente da Asoc. Asturgalaica de Amigos do Camiño de Santiago da Costa.
- Angel Trabada. Presidente da Asoc.de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo (Ausente).
- Juan Ramón Fernández Pacios. Representante do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago en Mondoñedo.
- Luis Fernández Ansedes. Presidente da Asoc."Abrindo Camiño" de Amigos do Camiño Norte de Santiago (A Mariña e a Terra Cha).
Iniciou o debate o Sr. Miláns del Bosch dicindo que no 1987 tivo lugar a declaración do Camiño Francés como ben ou patrimonio da Humanidade. Recalcou a súa participación no Consello solicitante, como representante do Camiño desde Santiago de Abres ata Lugo ou por Mondoñedo. E engadiu que daquela tódos eran Camiño Francés. O que hoxe se coñece como Camiño do Interior polas Terras de Miranda pasa por San Tirso de Abres (Asturias). Se poñemos interés para o próximo Ano Santo en 2021 podemos ter delimitado estes Camiños, como está hoxe o Francés ou mellor.
Proseguiu o debate o profesor Perrín, representante do Camiño de Mondoñedo, aseverando que os traballos levados a cabo a partir do ano 87 provocaron efectos similares aos de Cunqueiro na promoción do Camiño Francés. Afirmando: "Al principio nos echaban los perros, pero luego se lo patearon". Concluindo sen ánimo de polémica: "Los distintos Caminos generan negocios y por ello tienen cada vez más atractivo; pero hay que distinguir los históricos de los que se quieren establecer, como el de S. Martín de Mondoñedo, que nace después de la declaración de la ex-Catedral como Basílica"
En 3º lugar interviu, en Galego, Juan Ramón o representante do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago en Mondoñedo, falando do Camiño do Mar, di que desde 1540 hai Documentos que falan do Camiño Francés de San Martín de Mondoñedo. E desde 1340 existe o Hospital de S. Sebastián en Ribadeo de pobres e peregrinos do Camiño do Mar. En 1753 existe outro Hospital de S. Sebastian en San Martiño de Mondoñedo "para pobres y peregrinos". Na ponte de Fazouro hai dúas pedras talladas, alusivas aos peregrinos. Conclúe que hai historia, que non se pode negar.
Luis Fernández Ansedes, presidente de Abrindo Camiño, presenta algúns obxectivos, como "la unión del Camino Norte con la Via Francígna de Rma".
E pecha o Debate o Moderador X. Carlos lanzando unha pregunta: Ao Falar do Camiño, ¿Falamos de todos ou só dos históricos? E Milans del Bosch lembra que os históricos eran todos Camiño Francés e que en Oviedo era Camiño do Salvador.E conclúe: "Son caminos culturales". Perrín insiste: "Se peregrina a muchos sitios que no tienen porque ser Santiago, por ejemplo a San Gonzalo. Pero en San Martín hai constancia de que los peregrinos traían la Compostela, que les acreditaba como peregrinos de Santiago. E conclúe: "O importante é facer Camiño". Pero distingue: "El Camino real es moderno, otra cosa es el Camino Oficial, el Medieval.
Dicir que houbo alusións ao Camiño Primitivo como camiño de volta  por ser o máis curto.
Como broche final, do venres 15,  tivo lugar a actuación da Coral "Mestre Pacheco" da Escola Municipal de Música de Mondoñedo, moi aplaudida e ovacionada.
Ao remate, servíronse uns espléndidos petiscos.

Xosé Yáñez
Secretario da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

20 abril, 2011

Miscelánea

 Dulcia linquimus arva
 
“Abandonamos as doces campiñas, os verdes campos…”; expresión que puxo Virxilio en boca do pastor Melibeo cando deplorou o desterro ao que estaba condenado. (Véxanse Bucólicas, I, 3).

Con estas verbas, ou parecidas, ¡cantos castroverdenses non levarán evocado a súa terra natal, pois, se verde era a de Melibeo, a nosa, qué? Verde, si, pero o de acolledora, comme ci, comme ça, que din os franceses; se tal fose, se houbese evolucionado no pasado, e máis concretamente no XX, na mesma proporción dos seus natalicios, en tódolos sectores, asemade, que materia prima houbo, menor sería a súa poboación irredenta, a desterrada.

Deixaron de ser veciños milleiros e milleiros, particularmente os desterrados en América, pois da Europa puxante, das últimas décadas, foron volvendo, retornando, na súa inmensa maioría. ¿Deixaron de ser veciños? ¡No senso censal, oficial, físico, si, pero no espiritual, non, nunca! Máis é: a querenza pola terra nai fortalécese en proporción directa coa distancia, coa separación. Isto é indiscutible. De feito, dous veciños-veciños poden levarse mal, poden vivir en permanente ausencia un do outro, pero, na emigración…? Por algo e de algo naceron, xurdiron, as asociacións de, “Veciños de Tal Lugar”.

Hai unha sinatura que teñen pendente todos aqueles que non precisaron fuxir, fuxir da miseria! E, con qué facilidade esquecen os afincados aos seus ausentes! Non é censurable, non son eu quen para facelo, pois está inserto na condición humana, no egoísmo humano, na desconsideración humana. Xa non oio citar aquel refrán, tan certeiro como adoitan ser tódalas filosofías experimentais, que dicía, “Lonxe da vista, do corazón tamén”. Pero só é aplicable univocamente, só o cultivan os asentados, pois nos ausentes o sentimento é inverso, e habería que darlle a volta: “Lonxe da vista, o corazón treme, salouca!”.

¿A qué vén esta filípica? ¡Simplemente quero maldicir aos malos administradores, a todos aqueles que se soben á ponte de mando cando nin remar saben, causando a emigración, os desterros! Non hai país pobre de ben administrado, con xenerosidade e con iniciativa, pois ata se dá o caso de que os mellores pozos petrolíferos están nos grandes desertos. Certo é que hai riquezas naturais doadas de explotar, unhas máis cá outras, pero de todas partes se pode sacar algo, con preparación e laboriosidade, por suposto. Dicía meu avó, que ademais de menciñeiro foi un gran pensador, -eu téñoo por tal-, que, “Comparados los bienes con los males, todos los pueblos son iguales!”. De ser así, ¿de quen é a culpa? Non fai falta dicilo pois o lector ben o sabe, e non obstante, aplaudimos!

Xosé María Gómez Vilabella