Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 abril, 2009

Miscelánea

¿Volvemos aos tempos do
“Plato único y día sin postre”?

(F. D. Roosevelt)

Hoxe, 24 de abril, aquí na Coruña aínda está aberta a Feira do Libro, pero non atopei ningunha monografía que se refira a esta crise socio – económica que estamos padecendo, que nos ten aterrados, así que cheguei á conclusión de que os grandes economistas prefiren escribir a touro pasado, que é a mellor forma de non equivocarse. Facer futuribles sempre foi arriscado, coa excepción de Julio Verne, e poucos máis. O Apocalipse actual está na pluma dos periodistas e nas verbas dos políticos. ¿Daquela, a quen lle botamos as culpas de tantos erros programáticos como gozamos/padecemos nos últimos anos? ¡Aos políticos do outro bando, por suposto!

O que é unha gozada, tomándoo por aí, que tamén lle podiamos botar unhas gotas, ¡unha tonelada!, de vinagre, é escoitar a voz da rúa, que non sempre é a voz da verdade, por máis que a disfracen/disfracemos de experiencia, de pragmatismo. Digo isto porque onte mesmo, Día do Libro, estiven comendo con dous centos vellos (como socio da Asociación de Xubilados de Pol, nosos veciños, e nembargante, amigos), nun comedor onde maldito un libro había, ¡que nin en falta os botaron!), PERO…! ¡Ai Deus, que areópago sapiencial, pois ata as vellas opinaban, e non precisamente de trapos!


A comida, estivo…, ¡aceptable! Viño de reserva, medio quilo de entremeses variados, outro medio de bacallau, catro ou cinco talladas de cordeiro, torta, café e copa, cunha ducia de licores; o que non houbo foron tabacos, que se lles esgotaran os de Vuelta Abajo, e os outros, ao de hoxe, non teñen aceptación, PERO, o ambiente estivo tenso, case de pánico, maiormente pola psicose emanada dese Banco de España, presidido por un tal… Do nome poucos se lembraban, pero eu díxenlle a unha señora que se sentou á miña dereita se quería referirse a Torquemada, e contestoume, ¡Ese, ese mismo, que dijo que vamos morir en la miseria! Señora, -lle respondín-, o outro, o outro Torquemada, non tiña pobres porque…, ¡porque os queimaba, vivos! A vella non me tomou en serio, ¡e menos mal! Pero no rematou aquí o incidente, porque me dixo: ¡Estos gallegos, con la crise que tenemos, y se ponen de chanza…! E logo, vostede, non é de aquí? ¡Que va, yo me crié en el Bierzo, pero casé con un gallego que me dijo que tenía mucha tierra…, y menos mal que se marchó…, de viaje…! Ahora, ni tierras ni pensión: Las tierras no hay quien las quiera, y la pensión, dentro de un año…! Pregunteille: ¿Así que tamén está doída por iso de que traen o leite de Francia? ¡Sempre opinei que os franceses tiñan mala leche, pero o que é as francesas…, as francesas son do máis cariñoso! Á ex - galega non lle gustou a miña ironía e deixou de falar comigo, así que non puiden demostrarlle que eles tamén foran galegos ata que a súa Isabel, ¿la Católica?, lle arrebatou o Bierzo ao conde de Lemos por negarse a admitir, ¡sen ADN!, que súa sobriña era/fose filla de Beltrán de la Cueva, aquel valido de seu irmán Enrique… En vista diso púxenme a falar co veciño da esquerda, que estaba abatido pola recente caída…, dos seus.


¡Isto non ten remedio…, e cos que entran agora, apoiados polos ricos, menos aínda! Señor –lle respondín-, modestia á parte que se di, eu teño a receita do caso: ¿Vostede ten terras a eucaliptos? ¡E non hei ter, como todo Deus aquí en Galicia! Máis ou menos, dez hectáreas…, que por certo, coa de árbores caídas dos últimos temporais, e logo que eses malditos franceses invadiron as nosas fábricas coa madeira deles, agora nin regalada a queren! Pois mire, señor, -dixen eu-, a receita está nas súas mans; nas súas e nas dos seus colegas: pinchen eses eucaliptos, e volvan as terras a pataqueira, a horta, a millo, a centeo…, tal e como estaban daquela da Guerra, que nós mantivemos a media España, e grazas á nosa agricultura o Estado resistiu ata a chegada das remesas dos emigrantes, de par das divisas dos turistas, por suposto!

¡Boa a fixen, que o señor tamén se amoscou, e cortou a miña conversa para discutir co socio do outro lado, que eles si que estaban conformes en que a crise a fixeran os políticos, e por tanto eran os políticos os que tiñan que resolver!


Para quen o dubide: os inventores do novo New Deal (o primeiro deles xa saben que foi ese señor da fotografía) están aquí, nas nosas aldeíñas, así que o arranxo é doado: ¡Que os visite un equipo de tradutores, e que apunten as súas receitas milagreiras! No ínterim, nós, os que nos damos de intelectuais, a contar chistes, que é o mellor que se pode facer mentres agardamos polo amencer, quere dicirse, polo maná do amencer!


Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: